28.9.11

Tres libros en liña de saída: coincidencias ou intesidade creativa?

Ás veces, a@s escritor@s coincídenos un período creativo intenso. En boa medida, pásame a min nestes momentos. Non sempre foi así, indubidablemente. Ás veces tes longos períodos en que non escribes, en que precisas comunicar menos, en que non sentes a forza interior das ideas remexéndose dentro de ti. Polo menos, no que a min respecta, non todos os momentos foron ou son iguais. En cambio, agora sinto cada vez máis a necesidade de escribir, de rabuñar a pantalla cos dedos e as unllas (eu hai moito tempo que non escribo nin unha soa liña a man).

No meu caso, creo que hai dous motivos principais. O primeiro é que sinto máis próxima a guillotina do tempo, que se vai deixando acariñar cando un está a piques de atravesar a húmida arañeira do medio século. Esa é unha guillotina decisiva, que vai definindo e modelando os teus proxectos de seu.

Tamén é certo que, ás veces, a publicación de varios libros moi próximos na súa saída se debe a unha coincidencia e, en cambio, proceden de tempos de escrita distintos. Esa é outra das circunstancias que se abanea sobre a miña cabeza.

En trece ou catorce días, como moito, o meu novo libro de narrativa, Ninguén, estará na rúa. Non é longo (persoalmente, non son amigo das demasiadas páxinas na literatura), pero é o resultado dun demorado proceso creativo mantido ao longo dos dez últimos anos. É un libro que pecha un ciclo que ten moito que ver con Silencio e con Balada solitaria. Trátase dunha reflexión sobre a veciñanza e as formas de relación das persoas á luz das novas tecnoloxías. Sairá en Xerais, excelentemente acompañado doutro libro que se mergulla na nosa identidade mariña: Poñente, de Pere Tobaruela. Un libro que, desde unha ollada galego-catalá, apaña da memoria, para traer canda nós, o arrecendo da sardiña.

Inmediatamente despois, sairá outro libro meu. Un libro de poemas, titulado Transición. Leva prólogo de María Lado e un CD onde María e mais eu recitamos algúns dos poemas do libro. Sairá baixo o selo da nova e prometedora editorial Franouren (que, malia o nome, non ten nada que ver comigo), onde xa publicaron Xoán Abeleira e Estevo Creus.

E pouco tempo despois (a ver se consigo un pequeno respiro entre ambos os dous) sairá outro libro de poemas meu, do que aínda prefiro non adiantar máis noticias. Por se fose pouco, teño algúns proxectos máis afiando a punta.

Esta coincidencia na publicación, obrígame a adiar dous ou tres meses a publicación, en formato dixital, do próximo libro que ofrecerei aos meus lectores e lectoras e no que, esta vez, abordarei a opinión. E xa ten título, porque case sempre é das primeiras cousas que se me ocorren.

Ningún comentario:

Publicar un comentario