17.10.11

Historias e algúns fragmentos de «Ninguén» lidos por min

 Ata hai ben pouco era moi complicado coñecer a unha persoa sen que existise presenza física. Agora, en cambio, a importancia crecemente da rede nas nosas vidas converteuno en algo cotián. Ás veces, a relación virtual pode dar paso a un encontro real. Na rede, cadaquén constrúe o seu perfil ao seu xeito e conveniencia, e iso é algo que o contacto físico dificulta moito máis. Este fragmento de Ninguén pertence ao relato «Esperando», protagonizado por Alone. Pódese escoitar neste mp3 na miña voz.



 
O seguinte fragmento pertence ao relato «Vacacións» e dá conta dun tipo de persoas, construídas pola sociedade de consumo, cun alto grao de dependencia tecnolóxica, que viven ao ritmo do exceso de recursos que a nosa sociedade científica e tecnoloxizada lles ofrece. Son persoas que, sen eses recursos que os asisten na vida cotiá, se senten indefensas, vulnerables. Na equipaxe que S. Lonely prepara para marchar de vacacións pode intuírse, sen demasiado esforzo, ese tipo de dependencia.



Quen non se sentiu molesto ou molesta algunha vez polos ruídos dos veciños? En Ninguén, o edificio –e a comunidade que o habita– son tamén unha metáfora do mundo, de nós mesmos. Paragoxicamente, o protagonista desta historia séntese á marxe desa comunidade e reacciona mal aos ruídos escandalosos da súa veciña. A través das indiscretas paredes e dos inumerables ruídos que estas deixan pasar, intuímos o perfil invisible dos nosos veciños; con todo as propias paredes establecen unha relación velada, mediatizada. Intuímos moitas cousas das vidas alleas, pero... acertamos ou erramos?

Ningún comentario:

Publicar un comentario