As cubertas son, case sempre, a primeira impresión que o lector ou lectora recibe dun libro. Xa que logo, preocúpame a imaxe que os meus libros poidan transmitir a primeira vista. Chegar ata a cuberta de Ninguén foi o resultado dun proceso.
A miña idea inicial era transmitirlle ao fotógrafo unha idea de cuberta en torno a unha imaxe, inequivocamente urbana, de «veciñanza despersonalizada», de «colmea», de comunidade anónima presentida detrás das barreiras arquitectónicas; unha imaxe que estivese acompañada dun elemento que remitise a un tipo de «comunicación mediatizada» pola construción humana, pola tecnoloxía. A partir desa idea e da colaboración co fotógrafo e amigo Manuel G. Vicente, con levo compartido moitas horas de amizade, de viaxe e de traballo (autor, ademais, de magníficas fotografías de arquitectura) agromou un primeiro e posible borrador de cuberta.
Pero non quedei convencido. A idea, o concepto, que lle transmitira ao fotógrafo era miña, pero non fora acertada. Rectifiquei. Visto o meu fracaso, agora pretendía optar por algo máis metafórico, algo moito máis impersonalizado pero tamén visualmente máis eficaz. Daquela, puxémonos a traballar simultaneamente. Manuel G. Vicente centrouse, pola súa conta e sen eu saber, en fotografar unha especie de túneles (que, en realidade, eran pequenos tubos) e eu, ao tempo, teimaba en cismar na miña idea da comunicación impersonalizada a través do teléfono móbil.
Entón, fíxenme unha foto a min mesmo coa webcam do meu Mac, cun casco na cabeza e falando co móbil, a fin de que o fotógrafo visualizase a miña proposta.
Era o que eu perseguía: a idea dunha comunicación difícil, case imposible ou, sobre todo, a idea dunha comunicación mediatizada, unha comunicación indirecta, que se lograba só superando barreiras complexas e que remitisen á contemporaneidade e se interpuxesen na canle tradicional de emisor-receptor (en definitiva, a urbe e as redes sociais) coas súas propias regras.
Finalmente, Manuel G. Vicente, a quen lle teño que agradecer a súa infinita paciencia comigo, envioume a nova fotografía con ese sorprendente sinal dunha parada de metro, e reforzamos a idea da comunicación a través das redes sociais incluíndo o logotipo de Facebook. A imaxe encandiloume. Era o que buscaba. Xa que logo, só quedaba engadir o elemento humano da devandita comunicación mediatizada: unha persoa falando a través do teléfono móbil co casco posto.
A partir de aí, a foto quedou conformada: o máis difícil estaba feito. O resultado final é o que está na cuberta de Ninguén: unha foto fermosa e metafórica da que me sinto orgulloso e ante a que non teño máis que palabras de agradecemento para o fotógrafo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario