21.10.11
Tristeza
Onte, antes de saír de Vigo cara a Compostela, achegueime a unha librería nas Travesas, a recoller un libro que encargara. Eran as cinco e media da tarde e o sol batía con esa aparente inocencia do outono caluroso. Ao atravesar a Praza de América, tiven que romper unha columna de fume. Proviña dun asador de castañas, rexentado por unha muller nova, que estaba soa no posto. Na parte inferior, un letreiro grande berraba con letra solitaria: «18 castañas, 1 euro». E eu, que teño debilidade polas castañas asadas, mirei de esguello para aquel sol batente, que me facía suar e anulaba a miña apetencia. Ninguén parecía querer achegarse alí. Eu tampouco. Entón sentín unha inmensa tristeza por aquel solitario posto de castañas asadas e entendín o significado da crueza deste outono.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario