Estou nun cíber perto de Compostela, aproveitando un tempo baleiro entre dúas citas, á espera da seguinte. Levo unha semana (comezou o mércores pasado) sen poder entrar na rede desde a miña casa, no Val Miñor, malia que lle pago relixiosamente o adsl a Telefónica e a factura da luz a Fenosa. Alguén misericordioso e invisible concedeume dous pequenos intermedios de dez minutos (prométovolo, non duraron máis) que me permitiron baixar o correo electrónico. Paradoxalmente, o xoves e o venres pasado estiven todo o día escoitando falar do avance das novas tecnoloxías e eu, na Galicia máis poboada, rural pero metropolitana, estou constantemente sen acceso á rede. Nin sequera o truco de conectar o módem a unha pila me da xa resultado. ¿Esta é a Galicia que debe avanzar? ¿Hai alguén que poida responderme?
(Prometo volver en canto poida).
Amosando publicacións coa etiqueta Fenosa b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fenosa b>. Amosar todas as publicacións
22.11.06
23.11.05
O texto anterior
No meu texto anterior reproduzo a miña columna de contraportada de A Nosa Terra desta semana (que non se pode ler na rede). Non adoito reproducir aquí artigos publicados noutros lugares, pero fágoo polo interese do tema para Cabrafanada. Fronte a esa realidade, a outra, miña: cada publicación dun pequeno texto no blog cústame unha eternidade de tempo, xa que o meu ADSL non funciona por culpa de Telefónica ou de Fenosa, que non o sei, pois reponsabilízanse mutuamente a unha á outra. E volvendo ao tema do marqueting na rede, o autor do libro do que falaba chega a cuestionar, cara un futuro próximo, a primacía da publicidade na televisión, argumentando que os nenos americanos xa pasan máis horas en internet que diante do televisor e que, ademais, está avanzando un tipo de gravadoras para TV que detectan a publicidade e suprímena.
20.11.05
Querido Florentino:
Escríboche para ver se podes comentarlle ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Verás, explícocho: na miña casa, situada na área metropolitana de Vigo, é dicir, nun lugar bastante civilizado, a luz eléctrica oscila contantemente, ocasionándonos algunha que outra molestia. Por exemplo, as bombillas cambian a intensidade da luz coma se estivesemos nunha discoteca. E nin as miñas fillas teñen aínda idade de ir bailar cos mozos nin eu estou xa para eses trotes. Ademais, de cando en vez o microondas perde a súa potencia e non quenta o café con leite. E comprenderás que non é cousa de estar vinte minutos esperando a que quente, filliño. Así, claro, os electrodomésticos tenden a queimársenos con extrema facilidade. Descóntasnolo da factura da luz? Grazas, non podía eu menos que confiar na túa xenerosidade. Outra cousiña, por certo. Que o ordenador se me queda colgado con frecuencia, polos vosos altibaixos. Si, fillo, e cando estou conectado á rede é un fastidio (sabes o que é a rede, non?). Comprenderás que non podo estar dez minutos esperando a que cada operación se me confirme cando escribo en Cabrafanada. Home, xa sei que non é o Marca, filliño, pero eu tamén teño os meus lectores. Sei que ti me comprendes porque es unha persoa aberta. Así que, por favor, non o esquezas e dille ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Moitas grazas, filliño. Se non chega a ser por ti...
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)