Amosando publicacións coa etiqueta Patti Smith. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patti Smith. Amosar todas as publicacións

24.4.07

PATTI (in excelsis deo), por Xoán Abeleira

Superadas as dificultades das pantasmas exipcias (vestidas de tecnoloxía enredante) que atentaron contra a integridade deste post, a continuación, reproduzo un interesantísimo, longo e persoal artigo sobre Patti Smith que me enviou Xoán Abeleira. Por certo, ademais de reinvindicar a poesía catalana, Patti Smith acaba de sacar un novo disco, así que está de actualidade.

No intre en que Patti Smith concibiu iste verso: “Xesús morreu polos pecados de alguén, mais non polos meus”, liberou a Humanidade do Pecado de Cristo. Disque Xesús morreu, en efecto, o venres pasado por mor da nosa maldade e pra redimi-lo mundo de toda a súa maldade. Pero non foi así. A morte de Xesús non erradicou o pecado do mundo nin as causas polas que seguimos a pecar niste mundo. O seu calvario, o seu espantoso via crucis foi un suplicio inútil. En qué cambiaron os homes que seguen torturando os homes como o torturaron a Il? En nada. Ó contrario: o sacrificio de Xesús, inmolándose naquela cruz que pareceu gañarse a pulso, asombrou por sempre o ceo primixenio no que nos ollabamos, deitando sobre nós o cachón do seu sangue. Pero mil novecentos setenta e cinco anos despois chegou Patti Smith coa súa lírica eléctrica e liberounos do Maligno coa pureza dun verso. Por iso eu creo nela e non en Xesús.



© Steve Klein

Cando Patricia Lee Smith era pequena en Pitman, New Jersey, preguntoulle un día á súa mestra qué significaba a palabra Tíbet. A mestra respondeulle que era “unha rexión de China”, e quixo saber ónde sentira esa palabra. “En soños”, retrucou ela. A mestra non deu creto, porque a mestra ignoraba que a cativa Patti Lee, igual que William Blake, vía os anxos coma quen ve un esquío nun alerce. Logo a nena debruzouse nun Atlas e descubriu que o Tíbet non era “unha rexión de China”, senón un país de sabios e de santos que os chineses invadiran –prohibindo a súa cultura, a súa fe, a súa lingua, como fan tódolos invasores. Entón decidiu escribir unha redacción contando ó mundo a verdade... Anos despois, ó abrir un disco dela, podes achar unha foto na que aparece sorrindo, moi humilde, a carón dun tibetano moi humilde que sorrí: o Dalai Lama.
A primeira vez que sentín a Patti Smith
foi nas mans de Teresa. Teresa era a rara da clase. A punkie da clase. A solitaria da clase. A rebelde da clase –e moitos adxectivos máis. Era tan, tan contraria á gazmoñería universal que, só por amola-las pijas de Mirasierra, era a única en bailar cos máis feos da clase, e, inda por riba, deixábase cotifar –dous actos de incrible compaixón que acordaban en min unha incrible tenrura... Teresa, ademais, amelaba o piano, e un día invitoume cas súa –normalmente en penumbra. E, pra demostrarme cánto aprendera xa, interpretoume unha canción que falaba dun triángulo amoroso: We three. Logo, cando vin na portada de Horses a célebre foto de Robert Mapplethorpe, decateime de que Teresa vestía, falaba, pensaba, sentía coma aquela rapaza con trazas de home.

Patti Smith, a Andróxina. A que non se depila. A que non se maquilla xamais. A min paréceme un ser insufriblemente erótico. Hai xente que non nos comprende. A nós: os que estarrexemos, os que estarrixamos véndoa acachoar. Ah, pero non é pra comela cando rompe a cantar Redondo Beach (“unha praia na que unha muller ama a outra muller”) e fai ise ttt-ttt-ttt-ttt-ttt estalando a lingua entre os dentes? Non é como pra adoptala –ou pedirlle que te adopte– cando se pon a bailar coa absoluta inxenuidade dunha muller-nena? Xaora.
A delgadeza de Patti Smith é unha delgadeza mística, mais tamén revolucionaria, pois, zangoneando un día polo seu París interior, á procura da sombra de Baudelaire, Patti viu unha pintada que rezaba: Viva a Anarquía. E daquela decidiu devir nise “i” acentuado.
“Nunca fodín moito co pasado, pero fodín a mazo co futuro”. O primeiro poemario de Patti Smith era unha Torre de Babel dedicada ó Futuro. Agora o Futuro dedícalle a ela tódolos seus poemas (babélicos).
Se o amor é –como semella ser– un “cárcere de amor”, que as miñas cadeas sexan as trenzas de Patti Lee. E a estación da miña Paixón, o seu verán caníbal. Porque “só aquiles que sufriron, comprenden a dor,/ e por iso tenden a súa man./ o trebón que nos fire/ tamén nos fertiliza...”
Ela é a única poeta –ou, se o prefiren, a poeta máis poeta– do folk/pop/rock. Hai moitos, si: Dylan, Cohen, Reed... –ou, se o prefiren, Brassens, Brel, Ferré...– ou, se o prefiren, Aute, Llach, Sabina... Pero iles casan máis ben coa idea que temos nós do cantante autor. Por exemplo: Aute é moito máis poeta cando escribe cancións que cando compón versos. Coma Dylan. Coma Cohen –e xa non digamos Sabina. Son –quitando se cadra Ferré– facedores de cancións que aspiran a poetas, aínda que ás veces o consigan. Pero Patti non. Patti é poeta sempre. Cando canta o seu enxame de Gloria(s) e cando escribe os seus Augurios de Inocencia. De feito ela, a diferenza dos cantautores, é unha poeta que entrou –abríndoo e espallándoo– no labirinto da música. E, de feito, pra ela cantar e recitar son unha mesma cousa: a Alquimia de Rimbaud.
A altura da imaxinación poética de Smith advírtese nesta estrofa d’Un lume de orixe descoñecida: “a morte vén varrendo/ polo vestíbulo/ coma un traxe de señora”. Fíxense que non di “cun traxe de señora” senón “coma un traxe de señora”. Unha comparación que, ó meu xuízo insán, cóntase entre as máis marabillosas da historia da Literatura. Créanme: tan só unha poeta real/mente surreal pode respirar así: “a morte vén varrendo/ polo vestíbulo/ coma un traxe de señora/ a morte vén cabalgando/ pola autopista/ co seu traxe de domingo// a morte vén conducindo/ a morte vén reptando/ a morte vén/ e eu non podo facer nada...”
En 1978, no Rock Garden de London, Patti a Contorsionista fixo “a ponte” cara á atrás, abríndose de pernas e expoñendo a súa cona, coma o cadro de Courbet. Foi un momento “de entrega absoluta, de abandono absoluto” a ise “pobo non dividido” que é quen debería ostenta-lo Poder.
A escrita de Patti Smith é máis ben unha es/crica: ti, muller poeta, es unha crica disposta sempre a recibir e concibi-lo milagre. O seu é un logos spermatikos: “Eu non considero a escrita coma un acto sosegado e íntimo, senón coma un acto verdadeiramente físico. Cando estou na casa escribindo, diante das teclas, póñome coma tola. Bulo coma un mono. E, ás veces, mesmo chego a humedecerme, a correrme nas bragas escribindo...”
Space Monkey. Cando eu era adolescente, non podía aturar esa canción tan heavy. Un conxunto sonoro de tamaña intensidade que me desacougaba a feito. Agora, se me pedisen que elixise a canción rock por antonomasia, escollería ise despegue á lúa que comeza: “he says, oh man, I don’t get the picture. this is no picture. this is just... this just-a... this just-a... this is my jack-knife. this is my jack-knife. this is my jack-knife. this is my jack”, e remata nun agrúúúú.
Nigger: hai uns días, o alcalde de New York prohibiu oficialmente o uso desa palabra na cidade. Algo así como “negraco”. Pero Patti a Ferreira (Smith), a xamana que danza descalza, deulle a volta a ise termo despectivo o día da súa Pascua: “érguete negro, ocupa o teu verdadeiro lugar. érguete negro, si, tamén cómpre redefinir esta palabra.” Nigger pasou daquela a ser sinónimo de persoa libre, de resistente libertario que –como dixo o Paul Weller dos Jam– “non quere nada do que esta sociedade lle dá”. E, se con aquela frase sobre Xesús coa que iniciara a súa carreira, Patti Smith nos redimira a todas e a todos do concepto do pecado, co seu rock N roll nigger puxo en valor tódalas e tódolos marxinados do devir da Humanidade. Coma o propio Xesús –di ela. Coma Jackson Pollock. Coma a miña avoa –di ela. Coma ise negro-de-merda-xenial que foi Jimi Hendrix. E, abofé, coma ela mesma, que endexamais deixou de ser unha salvaxe iluminada á marxe da sociedade.