6.12.06

Ponte

Cabrafanada sobe ao monte, a respirar aire fresco.
Até o domingo.

5.12.06

Xustiza

Xa vai sendo hora de que se faga xustiza. Toda a sociedade civil e, moi especialmente, a familia e amigos do xornalista galego José Couso, meréceno.

Temporal



O mar rompendo contra o Monte Boi e a praia da Concheira, en Baiona. A imaxe é dun bo amigo: o fotógrafo Manuel G.Vicente.

Baiona

Esa vila mansa de ollada felina que dorme sobre o mar; esa é Baiona dos devanceiros. A Baiona do mar que dá, a Baiona do mar que leva. A que se abeira tras o Cabo Silleiro, onde quedan os recados sen diñeiro. A da néboa en Baredo e noroeste cedo; a da néboa na Grova e noroeste afora. Alí onde, atención, han coidarse os mariñeiros cando a Rocha pon capelo.
Detrás das galerías, nas casas, as pupilas axexan a lúa na tardiña. Se deitada, mariñeiros de pé. Se en pé, mariñeiros deitados. Hoxe, as gamelas semellan adormecer nas rampas escoitando o ruidoso silencio do mar; é o único prepotente silencio que rosma incesante no rabo desta vila erizana vestida con peluxe de gata. Hoxe hai chíos de gaivotas. Elas na terra e as gamelas na ribeira. Gaivotas á terra, mariñeiros á merda.
A humidade deita pingueiras azuis nas tellas das casas mentres o asubío das cazolas trae ulido a peixe no vento. Disque cando hai peixe, a muller do mariñeiro ten diñeiro. Pero coa hora do marusío en Baiona, brúa o mar que amedoña.
Esa vila gata acristalada e erizana é a desaparecida parada dun tranvía do pasado que o mar arramblou canda si para sempre.

Arroz negro

A voz da nena chegaba desde o cuarto de baño. O home, que poñía orde nuns papeis, evitou erguerse aínda para atender a chamada infantil. Axiña os berros da nena se fixeron insistentes. O pai non tivo máis remedio que erguerse e dirixirse ao cuarto de baño.
—Acabei –dixo a nena, sentada sobre a taza do váter.
O pai colleu na man un rolo de papel hixiénico e arrincou un anaco. Entón a nena agarrou o brazo do home, deténdoo, e preguntoulle:
—Papá, ¿por que hoxe teño cacas negras?
O pai dirixiu a súa ollada cara ao interior do retrete e contestou:
—Porque onte comiches arroz negro. ¿Non o lembras?
A nena quedou pensativa e logo, debuxando un sorriso nos beizos, dixo:
—¡É verdade!
De seguido engadiu:
—Espera, papá, non me limpes que non acabei.
O home, contrariado e con intención de non facer caso da nena, replicoulle:
—¿Como que non acabaches? ¿Non me dixeras que xa acabaches?
—Dixera, papá –contestou a nena– pero aínda debo ter máis cacas. ¿Non lembras que onte na comida repetín arroz negro?

4.12.06

Arquivo

Un dos meus obxectivos é que Cabrafanada funcione como arquivo. Hoxe por hoxe, esa é unha das capacidades máis interesantes dos blogs.
Debido á súa versatilidade, os blogs teñen enormes posibilidades para cumpriren esa función. Nese sentido, un dos principais retos pendentes de blogger é a súa habilitación para que sexa posible subir textos en pdf ás bitácoras. Unha vez que iso se logre, as posibilidades dos blogs medrarán considerablemente e a páxinas web tradicionais perderán moito do seu sentido, entre outros motivos porque a diferencia de custes é abismal.
Nesa liña, a columna da esquerda de Cabrafanada, onde figuran os enlaces, ten a vocación de se converter nunha valiosa fonte de información (especializada, no meu caso, na miña obra literaria). Ademais de enlazar toda a información web existente sobre os meus libros, as recensións e os textos literarios da miña autoría que circulan pola rede (tanto en galego como traducidos a outras linguas), acabo de incorporar algo que me parece fundamental: material audiovisual.
No epígrafe «Audiovisual», debaixo de «Recensións», pódense atopar dous pequenos vídeos. O primeiro, aproximadamente de catro minutos, é un recital poético que dei na Universidade de Varsovia, ao final dunha conferencia, no mes de maio de 2006. Dura aproximadamente catro minutos e todos os poemas recitados son do libro Cidades. O segundo é un pequeno fragmento dun poema bastante longo, titulado ‘Galegonía’, que trata sobre a lingua galega, e que está publicado no meu libro Subversións. Dura algo máis de trinta segundos. O recital é do mesmo día e do mesmo lugar. Os dous vídeos envioumos a lectora de Lingua e Literatura Galegas en Polonia, Lucía Rodríguez Caeiro, á que quero facerlle chegar o meu agradecemento. A miña intención no, futuro, é ir creando material audiovisual específico para Cabrafanada.
Inmediatamente despois do epígrafe «Audiovisual» está o epígrafe «Documental: Lara Bacelos. Poesía: Fran Alonso e Kiko Neves». Trátase de Ollos da cidade, un fermosísimo documental dirixido por Sara Jess e baseado na relación entre a nosa poesía e cultura urbana. Debido ao seu peso aparece dividido en catro partes. Está a aloxado na páxina de Sara Jess en You Tube.
Como veríades, no espazo de arquivo web de Cabrafanada aparece tamén unha selección das miñas colaboracións en prensa (principalmente en La Voz de Galicia, pois non é posible enlazar as columnas de opinión de A Nosa Terra); un «espazo cósmico» con enlaces relacionados co mundo da escrita e da cultura, da música, da información, da solidariedade, de Vigo e do Val Miñor; un apartado de escritor@s galeg@s con blog ou web propio e, finalmente, un enlace a diversas e interesantes bitácoras.

3.12.06

A moda

Estes días, cada vez que me deteño co meu coche nalgún lugar, a xente mírame coma se fose un estraterrestre. Cando paro na peaxe, por exemplo. Estou comezando a coller complexo e agora, moi disimuladamente, trato de sacar os lentes antes de determe. No pasado mes de xuño perdín os meus lentes (sospeito que os perdín na praia da Ladeira) e, como os preciso para conducir e para ir ao cine, botei man duns vellos lentes que tiña dos anos en que era un hippi irreprimible. Son deses gordos, moi gordos e descarados, de pasta dura e grosa, ostentosos. Si, xa sei, agora non se levan, e a min tampouco me gustan, pero non é para que a xente me mire como a un marciano. ¿Tan excluínte resulta non ir á moda?

2.12.06

Enfermidade endémica

Comeza outra vez a chover e o router pónseme enfermo de humidades. Ten a tensión moi baixa e o médico dime que o diagnóstico é fenosa, que lle produce alerxia telefónica. Recétame unha pila pero o meu router vomítaa sen contemplacións. Intentámolo pola vía intravenosa pero tampouco hai nada que facer. Supura humidades. A ver se logo do temporal. A ver.

Brutal

Brutal, Sara Jess.