6.2.07

Yann Tiersen

A través de The ghosts you draw on my back descubro este vídeo de Yann Tiersen, o cantante francés máis chic do momento. Aínda que Tiersen xa era autor dunha ampla discografía, fíxose coñecido a partir da banda sonora da película Amélie. A cultura francófona, sen dúbida unha das máis interesantes da historia, ten capacidade para popularizar cousas coma esas ou coma esta xenialidade.


3.2.07

Binda e a gran idea

Recomendouma hai uns días Agustín Fernández Paz. Fíxenlle caso e vina antonte coas miñas dúas fillas e, ante a miña sorpresa, onte a pequena díxome que quería vela de novo. Dura media hora.

1.2.07

Café libraría en Varsovia

Recentemente recibín algunhas fotos da miña estancia en Varsovia. Esta que reproduzo fixéronma nun dos varios cafés-librarías da capital polaca. Son lugares agradabilísimos, aos que se pode acudir a tomar un café, ler un pouco se a un lle apetece, conectarse á rede cun portátil ou mercar un libro. E serven unha pastelaría caseira deliciosa. E todo, dentro dun ambiente recollido e fogareño. A da foto é a Tarabuk da rúa Browarna. Mágoa que nós non teñamos lugares así.


30.1.07

Distancias curtas

Por fin pode lerse na rede Distancias curtas, unha selección de relatos breves que escribín en distintos momentos. Algúns deles xa os fora deitando en Cabrafanada («Arroz negro», «O problema dos Chichos» e «A foto»), categorizados baixo a etiqueta de Ficción. Agora poden lerse un total de oito relatos, que estarán permanentemente enlazados desde a sección Lecturas (na columna dereita ou blogrol). Con esta nova incorporación, á que se suma unha xa existente antoloxía poética, Cabrafanada amplía na rede a súa oferta de lectura de textos de ficción escritos por min.

27.1.07

De luns a venres

¿Por que moitas das cousas que se fan en galego teñen unha pésima distribución? ¿Por que o novo xornal gratuito en galego non se pode conseguir en todo Vigo?
Why?

25.1.07

¿Desde a moderación?



Parabéns, resulta engaiolante e moi intelixente todo ese perverso discurso, arroupado nunha complexa estratexia, semiótica e dialéctica, que inventastes os que aparentemente estades a favor da convivencia lingüística e da concordia pero que en realidade estades en contra da lingua galega e propulsando a intransixencia. Sen dúbida, a sombra do pacovazquismo é poderosa e respirades do seu aire.
Estupendo; de verdade, parabéns, os cidadáns normais estamos de acordo convosco, faltaría máis; por suposto que tedes todo o dereito a falar en castelán e sentirvos galegos. Non podería ser doutro xeito.
Só queda un pequeno detalle sen aclarar:

¿Quen carallo volo impide?




24.1.07

Kapuscinski

Vaise un xornalista excepcional e unha mente lucidísima. Desde Ébano a Viaxes con Heródoto (que lin no avión indo cara Polonia) até Os cínicos non serven para este oficio aprendín o mundo en cada páxina de Kapuscinski. Dos seus libros, quédome cunha frase maxistral: «O mundo ensina humildade». Un brindis eterno, compañeiro.


22.1.07

Entrevista en Libro Aberto

Grazas á nova modalidade de televisión á carta que ofrece a web da CRTVG, que sen dúbida pode impulsar non só un uso máis racional da televisión senón tamén a súa utilización con fins didácticos, pódese acceder á entrevista que me fixeron o pasado xoves 17 de xaneiro no programa Libro Aberto da TVG. A longa entrevista que o poeta, actor e presentador Manolo Romón me fixo sobre Cartas de amor é, ademais, a que abre o programa, polo que o seu acceso é inmediato. Unha boa iniciativa, a da televisión á carta.

20.1.07

Premios literarios

Hai aproximadamente un ano dediquei unha das miñas columnas da contraportada de A Nosa Terra ao tema dos premios literarios. Hoxe, lonxe de reducirse, a inflacción de premios literarios de escasa relevancia continúa a medrar. ¿Ninguén ten un chisco máis de imaxinación? Reproduzo aquí o artigo escrito daquela:

Unha fórmula bastante habitual en Europa para fomentar a creación literaria consiste na financiación de centros artísticos para escritores/as (noveis ou con obra coñecida) aos que, durante un curto período de tempo previamente establecido, se lles proporciona aloxamento e manutención a fin de que nese período se comprometan a levar a cabo proxectos literarios concretos. Tanto a UNESCO como a UE tenden a fomentar hoxe se tipo de políticas. Esa fórmula chegou recentemente a Galicia grazas ao o orixinal e ben fundamentado premio para autores noveis que creou o club de lectores Biblos.
Con todo, en Galicia faise cada vez máis patente unha «política única» consistente na proliferación de premios literarios apoiados por moi diferentes entidades. Moitos deles son premios de escasa dotación económica; pola contra, outros de carácter escolar conlevan dotacións económicas desmedidas para as idades ás que están destinados; moitos reservan os dereitos de edición nas súas convocatorias, quedan inéditos ou edítanse mal e sen distribución. E, por desgraza, a maioría destes premios carecen de prestixio, case nunca son socialmente recoñecidos, non se dan consolidado e rabuñan apenas unha raquítica repercusión pública. Aínda por riba, o seu posible rendemento cultural é moi pequeno.
As razóns de semellante inflacción son maiormente políticas (en sentido amplo). A carencia dunha auténtica política cultural nas administracións locais e comarcais ou na iniciativa privada fai que a posta en marcha dun premio literario sexa o recurso máis doado e visible para calquera organismo (concello, institución, asociación, fundación, centro educativo, consellería...) que pretenda cumprir cuns obxectivos mínimos en materia de activismo cultural, que busque revitalizar a súa imaxe ou que desexe poñer en marcha unha acción cultural rápida e sen complicacións.
Evidentemente, e á marxe das indubidables boas intencións de moitos dos organismos convocantes, o máis grave de todo é que esta «política cultural única» e de escaparate denota un preocupante déficit de imaxinación, unha gran falta de recursos e unha significativa incapacidade para planificar, innovar e reinventar políticas e incentivos culturais máis vitais e efectivos.

18.1.07

Estatuto

A dereita demostra, unha vez máis, a súa incapacidade perenne para o diálogo, limitándose á esforzada tarefa de xerar crispación ou frustración social. O estatuto é coma o meu adsl: simplemente non vai. É a impotencia eterna de Galicia, promulgada desde a máis egoísta e inamovible dereita. Non é necesario ser nacionalista para decatarse.

La imagen “http://www.pintoresmexicanos.com/salort/Dialogo.jpg” no puede mostrarse porque contiene errores.