20.1.07

Premios literarios

Hai aproximadamente un ano dediquei unha das miñas columnas da contraportada de A Nosa Terra ao tema dos premios literarios. Hoxe, lonxe de reducirse, a inflacción de premios literarios de escasa relevancia continúa a medrar. ¿Ninguén ten un chisco máis de imaxinación? Reproduzo aquí o artigo escrito daquela:

Unha fórmula bastante habitual en Europa para fomentar a creación literaria consiste na financiación de centros artísticos para escritores/as (noveis ou con obra coñecida) aos que, durante un curto período de tempo previamente establecido, se lles proporciona aloxamento e manutención a fin de que nese período se comprometan a levar a cabo proxectos literarios concretos. Tanto a UNESCO como a UE tenden a fomentar hoxe se tipo de políticas. Esa fórmula chegou recentemente a Galicia grazas ao o orixinal e ben fundamentado premio para autores noveis que creou o club de lectores Biblos.
Con todo, en Galicia faise cada vez máis patente unha «política única» consistente na proliferación de premios literarios apoiados por moi diferentes entidades. Moitos deles son premios de escasa dotación económica; pola contra, outros de carácter escolar conlevan dotacións económicas desmedidas para as idades ás que están destinados; moitos reservan os dereitos de edición nas súas convocatorias, quedan inéditos ou edítanse mal e sen distribución. E, por desgraza, a maioría destes premios carecen de prestixio, case nunca son socialmente recoñecidos, non se dan consolidado e rabuñan apenas unha raquítica repercusión pública. Aínda por riba, o seu posible rendemento cultural é moi pequeno.
As razóns de semellante inflacción son maiormente políticas (en sentido amplo). A carencia dunha auténtica política cultural nas administracións locais e comarcais ou na iniciativa privada fai que a posta en marcha dun premio literario sexa o recurso máis doado e visible para calquera organismo (concello, institución, asociación, fundación, centro educativo, consellería...) que pretenda cumprir cuns obxectivos mínimos en materia de activismo cultural, que busque revitalizar a súa imaxe ou que desexe poñer en marcha unha acción cultural rápida e sen complicacións.
Evidentemente, e á marxe das indubidables boas intencións de moitos dos organismos convocantes, o máis grave de todo é que esta «política cultural única» e de escaparate denota un preocupante déficit de imaxinación, unha gran falta de recursos e unha significativa incapacidade para planificar, innovar e reinventar políticas e incentivos culturais máis vitais e efectivos.

Ningún comentario: