10.1.07

Man, o alemán de Camelle



O que tamén me enviou recentemente Xoán Abeleira foi unha foto da presentación do seu libro A pegada de Man na Fundación Luís Seoane da Coruña, que correu a cargo de Xavier Seoane. A pegada de Man é un fermoso libro, a cabalo entre o ensaio e o álbum fotográfico, sobre a obra do alemán de Camelle. As fotografías, feitas polo propio Abeleira, máis que retratar a obra de Man reinterprétana desde a subxectividade das imaxes.
A Man, o anacoreta xermano que se converteu no símbolo da marea negra do Prestige, tiven a sorte de coñecelo a mediados dos anos 80, viaxando polo país. Desde aquela até a súa morte debuxei en varias ocasións nas follas dos seus cadernos, agora seica intervidos xudicialmente. O de facer un debuxo nunha das súas libretas era unha norma obrigatoria para os visitantes. Manfred era unha persoa cordial e afable, que valoraba a sinceridade.
Lonxe de pretender levar a cabo unha biografía, no libro, Abeleira relata algunhas cousas curiosas sobre a vida de Man, especialmente sobre os primeiros tempos da súa chegada a Camelle. Era, daquela, un mozo moi relixioso, que todos os domingos acudía puntualmente á misa. A pesar diso, durante os anos da Segunda Guerra Mundial, a Garda Civil detívoo, acusándoo de ser un espía dos aliados, pois aos membros do corpo parecéulles sospeitoso que debuxase uns círculos tan estraños nas rochas. Para a Garda Civil aquilo tiñan que ser, claramente, sinais destinados a informar o exército aliado.
Quedan aínda moitas incógnitas sobre a súa vida, que se cadra poderían despexarse a partir da investigación das súa pertenzas persoais. Parece un feito probado que durante todos estes anos estivo enviando a Alemaña cadros da súa autoría.
Todas as fotos de A pegada de Man son de Xoán Abeleira, excepto a que reproduzo a continuación, que é de Manuel G. Vicente. Sacouna durante unha viaxe que fixemos xuntos hai algúns anos percorrendo os faros da costa galega. Na man do alemán poden verse as devanditas libretas.
Agora, unha das principais preocupacións de Abeleira é o futuro do legado artístico de Man.
Manfred, o alemán de Camelle, pertence xa, indiscutiblemente, á nosa memoria histórica recente e o seu deteriorado espazo artístico e vital merece un futuro de dignidade.

Ningún comentario: