14.1.07

María Mariño e eu

Hai uns días preguntáronme en Radio Voz polo libro que estou a preparar sobre María Mariño. Ademais, recentemente publicouse no Galicia Hoxe unha nova da que eu non souben até algún tempo despois. O meu libro titúlase, efectivamente, A vida secreta de María Mariño. En todo caso, o que estou a preparar non é ningunha biografía esclarecedora sobre a vida María Mariño nin, moito menos, un estudo literario sobre a súa obra. Para ambos os dous casos existen xa especialistas: os que investigaron e coñecen a fondo a súa biografía, que aportarán datos relevantes; e as que desentrañaron a súa obra porque elas dúas son desde hai anos pioneiras no seu estudo e reivindicación.
O meu papel, máis humilde, vaise limitar a explicarlles a figura humana e a poesía de María Mariño aos máis cativos. Nada máis. O maior reto do meu labor é, sen dúbida, ser quen de atopar o rexistro axeitado para que os rapaces e as rapazas poidan comprender e percibir a grandeza da poesía de María Mariño e as circunstancias en que foi escrita. Que non é un reto pequeno.

Ningún comentario: