René Char (1907-1988) non só é un dos poetas máis universais do século XX senón un dos que posúen unha obra máis coherente e profunda.
ESGANEI Ó MEU IRMÁN
Esganei
Ó meu irmán
Porque non lle gustaba durmir
Coa xanela aberta
Miña irmá
Dixo antes de morrer
Pasei noites enteiras
Ollándote durmir
Debruzado sobre o teu lampo
No vidro
RENÉ CHAR
Tradución: Xoán Abeleira
Tradución: Xoán Abeleira
COMÚN PRESENZA
Tes frela de escribir
Coma se foses atrasado con respecto á vida
Se é así asiste ás túas fontes*
Apúrate
Apúrate en transmitires
A túa porción de marabilloso de rebeldía de benevolencia
Abofé vas atrasado con respecto á vida
A vida inexpresable
A única a fin de contas á que aceptas unirte
Aquela que che negan a cotío os seres e as cousas
E da que obtés penosamente acó e aló algúns fragmentos descarnados
Ó cabo de combates sen tregua
Fóra dela todo é agonía submisa fin groseira
Se atópa−la morte no teu labor
Recíbea como a caluga suorenta gusta a aridez do pano
Inclinándote
Se queres rir
Ofrece a túa submisión
Endexamais as túas armas
Ti fuches creado para vivires momentos pouco comúns
Modifícate desaparece sen lamentalo
A mercé do rigor lene
Cuarteirón a cuarteirón a liquidación do mundo prosegue
Sen pausa
Sen extravío
Enxamea o po**
Ninguén descubrirá a vosa unión
RENÉ CHAR
Tradución: Xoán Abeleira
Tradución: Xoán Abeleira
____________
*Ou ben «cortexa ás túas fontes», no senso de asiste, «acompaña (en cortexo) ás túas fontes», mesmo «rendéndolle honor».
**Optamos pola literalidade neste verso de imaxe escura, remitindo, iso si, ó/á lector/a ás acepcións que recolle Estravís, que coinciden, e mesmo amplían, as do termo francés.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.