Agustín Agra acaba de enviarme unha foto especialmente emotiva para min. Sacouna durante a súa viaxe ao corazón pedregoso do deserto do Sáhara. En contra do que poida parecer, non é que Territorio ocupado sexa un libro de cabeceira nos campamentos de refuxiados. Nin moito menos; teñen cousas bastante mellores que facer. Pero eu non podo evitar que a foto me resulte intimamente entrañable. A verdade, non creo que ninguén nese duro exilio alxeriano lese Territorio ocupado, excepto se cadra o inesquecible Mahayub Sidina e algún que outro despistado. O caso é que nas escasas ocasións en que Territorio ocupado circulou pola hamada de Tinduf, puiden ver como o libro funcionaba sempre como se fose un álbum de fotos no que os saharauís buscaban caras coñecidas. E ese pequeno mérito é unha honra para o fotógrafo. Ese mérito, por suposto, é de Manuel Vicente. Agora, grazas a esta ultimísima fotografía do escritor Agustín Agra podo recoñecer o meu libro (supoño que proporcionado por Agustín) entre as mans agarimosas dunha nena saharauí, que o sostén para abeirar a súa ollada curiosa. Estas pequenas cousas son as que, de verdade, compensan; e síntome feliz de poder dicir que por unha foto así xa pagou a pena escribir ese libro, para mín o máis duro e complexo de cantos escribín (refírome ao proceso creativo, evidentemente). Pois brindo por esta nena e pola súa liberdade.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.