
Tamén en portugués,

castelán,

e inglés.



Amigas e amigos:
Creo que a ninguén lle fai falta explicar a situación de gravidade extrema na que nos atopamos con respecto ao noso idioma e a nosa cultura. As persoas que me coñecedes sabedes que son pouco tendente a agoniar e moito máis tendente a actuar. Por iso creo que, despois de escoitar e observar tanto despropósito debemos deixar de agardar que outr@s fagan por nós e tomar a iniciativa. De aí a razón deste correo.
Hai xa días que veño escoitando voces que pensan o mesmo ca min (Rivas, Cordal, Fernández Paz, entre outr@s) e é que cómpre mobilizar á sociedade, sobre todo aquela galegofalante que mantivo ata o de agora a lingua viva pero que segue participando dos prexuízos que se instalaron con desprezo e co mecanismo terrible de facer sentir vergonza permanente do propio. É tempo de mobilizar ese grandísimo sector da poboación para calar mentiras e para desbloquear esta situación na que nos atopamos de agresión á lingua sen precedentes na democracia.
As ideas poderían ser moitas, envíovos a miña agardando que deste xermolo poidamos tirar os primeiros pasos para este grande movemento que precisamos. A miña idea (obviamente gandhiana) é que baixemos a pé de obra facer o que ninguén fixo: debater, falar, cambiar mentalidades. Así, gustaríame poder organizar convosco unha grande MARCHA POLA LINGUA que percorrese a partir de agosto, pouco a pouco, con accións de diversa índole, as aldeas e vilas de Galicia. O obxectivo da marcha sería establecer un diálogo verdadeiro, sen partidismos nin mediacións da prensa, coa cidadanía. Escoitando e tamén falando, desfacendo preconceptos e tentando reinstaurar o orgullo do propio dun/has galegofalantes longo tempo desprezad@s por parte de certos colectivos urbanos que agora toman a palabra. Concibo a marcha como un acto en positivo, no que debe de primar sobre todo o AGRADECEMENTO a todas as persoas que conservaron e conservan a lingua dunha forma anónima e sen as cales non poderiamos cantar, nin escribir, nin facer teatro, cine... Esas persoas se cadra precisan un recoñecemento para moverse, para sentir orgullo, para non asumir como sempre se nos dixo, que o galego é cousa “de pailáns”. Iso que tan ben saben repetir e amplificar con novos discursos dende as instancias de poder actual.
É hora de facernos valer tamén como xente que traballamos coa lingua dende diversas facetas. Todo o mundo é benvido e por iso me gustaría contar con vós, coas vosas ideas e arte para fomentar a conciencia crítica. Podemos utilizar centos de recursos que combinados poden cambiar este país, dende compartir e recoller música (mesturar cos novos estilos, co popular...) ou léxico ata facer da retranca o noso estandarte (podemos facer un enterro da lingua retranqueiro, publicar o seu obituario nos xornais que tanto fan por esmagala, contar contos), dar a coñecer á cidadanía os moitos logros que se fan dende o galego e que non se visibilizan. Xunt@s podemos chegar realmente á cidadanía, axitar a prensa que por unha vez se interesa desgraciadamente por este tema e falar coa nosa voz alta e clara.
Para comezar a cohesionar esta idea gustaríame que nos vísemos en Compostela o día 2 de xullo para comezar a andar, e debater as ideas base que queremos defender e como imos facelo. Dende o meu punto de vista, os obxectivos deberían centrarse en temas como:
-galegofalantes non somos minoría
-a democracia non é impoñer o que queren os colectivos con poder (sexan por razón de lingua, sexo, orientación sexual, relixión, clase, etc) senón crear un lugar onde todas as persoas poidan desenvolverse en igualdade
-a defensa do idioma galego non é unha imposición senón un dereito, sobre todo na educación e na administración.
-a única lingua que se impuxo e impón é o castelán
-o galego é riqueza, é pensar en diversidade fronte a un pensamento único que está directamente vinculado ao fascismo
-o galego únenos a miles de pobos dado que somos unha maioría a nivel mundial as persoas que vivimos en entornos plurilingües, por moito que pareza o contrario (de feito tende a dicirse que Portugal é o único país monolingüe polo menos de Europa e nós sabemos que nin iso é certo).
Gustaríame aclarar finalmente tamén que o meu papel en todo isto non é máis que o de tentar catalizar o que todas e todos nós queremos e podemos sen dúbida conseguir e o de se cadra dar os primeiros pasos no camiño. A miña experiencia no traballo en cooperación dime que esta é a vía do cambio, a que temos que seguir. E se non funciona prefiro polo menos dicir que o intentamos.
Se estades minimamente de acordo con todo isto e queredes dar as vosas ideas, participar, sacar a rabia que levamos dentro de xeito creativo, por favor contestade e espallade este correo. Contestade dicindo a que hora poderiades quedar o día 2 a ser posible antes do día 28 de xeito que poidamos buscar un lugar axeitado para vernos dependendo de canta xente sexamos. Porque as ameazas son tamén oportunidades, comecemos a andar o camiño da esperanza.
M
Ás compañeiras e compañeiros traballadores do ensino en Galicia.
No centro no que son director, CEIP Isaac Peral de Ferrol, o equipo de Normalización e Dinamización Lingüística decidiu enviar ás nais e pais de alumnas e alumnos (a respecto da consulta sobre a utilización das linguas por parte da Consellería de Educación), a información do tríptico: AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente e doutro documento, asinado entre outros por A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora de Equipas de normalizacióon Lingüística de Ferrolterra, Coordindora de Equipas Normalización Lingüística de Compostela, Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato das traballadoras e traballadores do ensino de Galiza). Sinaladas en negriña ás que directamente están relacionadas xeográficamente co CEIP Isaac Peral de Ferrol.
Nestes días tivemos coñecemento directo e indirecto de muitos centros de ensino de toda Galicia que remitiron aos pais do alumnado a mesma ou similar información, sen que iso deba alterar “ o proceso ” de enquisa antedito. Persoalmente non creo que dar información, da que teñen capacidade de ofrecela os equipos de NeDL segundo o ROC (Regulamento Orgánico de Centros, artigo 68) supoña un problema para que como cidadáns libres teñamos unha maior óptica dos temas e logo cadaquen coa súa idea…
Por todo elo e sendo denunciada a dirección do meu centro polo “senador del Partido Popular Juan Juncal”, é polo que a aqueles que queiran e que o estimen oportuno, manifesten o seu apoio cunha forma moi sinxela, se é do voso agrado:
suscribir enviando un correo ao meu enderezo particular (luisdocampo@edu.xunta.es) co texto que segue a continuación, na páxina 2 (enviade só a páx. 2). É interesante que vaia neste formato porque a mellor opción para non malgastar papel será para mín incluir eu persoalmennte, un tras outro, os escritos de apoio, para enviarllos á Consellería se fora o caso ou a D. Juan Juncal, ou a quen corresponda, por esa vía tan moderna e democrática que é o correo electrónico que ata ten validez sen levar sinatura manifesta (caso de case toda a documentación que nos chegou sobre “el proceso de consulta”
Adxúntovos a nota de denuncia e unha posible resposta persoal a el ou aos medios.
Juncal, 16-06-09 / 16:37 h
(Galicia) POLITICA,PARTIDOS
PP denuncia colegio Ferrol reparte tríptico de A Mesa junto con encuesta(curiosamente desapareceu o enlace ás 11.50 h. do 16 de xuño)
J. Luis Docampo Amoedo, director do CEIP Isaac Peral de Ferrol
Eu ………..…………………………………………………………..………, …………………… (profesor/a, membro dun equipo directivo, claustro, ...) quero manifestar o meu apoio e solidaridade ao equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Isaac Peral de Ferrol, e ao seu director, ante a denuncia feita polo senador do PP de Ferrol, D. Juan Juncal, por facilitar no seu centro a información do tríptico (que non promoveu nin elaborou A Mesa):
- AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente
- - doutro documento, asinado entre outros pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra,
Asdo:
O universo do pop e do rock en galego está en ebullición. Ferve, e séntese na cazola o ruído das burbullas, que rebulen co imparable ascenso da temperatura. Desde a Radio Galega, Xurxo Souto (na dirección de programas e no seu fascinante Aberto por reformas) e Belén Regueira co seu magnífico Extrarradio, prenden día a día o lume para que a cazola eleve o punto de ebullición. A forza vital do ex-diplomático (que no pasado foi quen de tecer a abraiante arañeira do bravú) está abrindo horizontes coa súa prodixiosa capacidade comunicativa.