As primeiras enquisas a pé de urna permítennos facer unha primeira e provisional valoración sobre os resultados electorais nas cidades, convencido de que o escrutinio en tempo real variará estes resultados. Sigo a enquisa de Ispsos para a TVG, a que ofrece a información máis completa para Galicia. En Vigo, o PP non obtén a maioría absoluta, e pode gobernar o PSOE en coalición co BNG, que mantén uns resultados "dignos". Esperable. Unha boa noticia é a desaparición do perverso Manuel Soto e o seu Partido Galeguisa.
En Ourense, o PP parece non chegar tampouco á maioría absoluta, co que se produciría un goberno de esquerdas, bastante nivelado entre PSOE e BNG. Excelente noticia para o desmoronamento da dereita en Galicia.
En Pontevedra é onde se produce un resultado máis desconcertante, cun BNG que cae de xeito inesperado, aínda que seguirá gobernando en coalición cun PSOE moito máis forte. Sorprenden os bos resultados do PP, con Telmo Martín á cabeza, aínda que non lle dan para lograr o goberno da cidade.
Na Coruña, o feito de que o PSOE se vexa obrigado a gobernar co BNG é, sen dúbida, unha das mellores novas da noite, logo de tantos anos de perverso pacovazquismo.
En Lugo, o PSOE continúa gobernando, agora sen maioría absoluta, pero os resultados son cativos para o BNG.
O mesmo sucede en Santiago de Compostela, onde cómpre resaltar os bos resultados do PP.
Quizais outra das sorpresas da enquisa é Ferrol, onde o BNG se esnafra, logrando o PSOE un gran ascenso. O PP non conseguiría gobernar nin sequera pactando cos independentes.
O máis destacable dos resultados electorais é que o PP non conseguiría gobernar en ningunha das setes cidades galegas, polo que estas municipais son un duro golpe para a dereita e paso adiante no seu necesario desmoronamento e no importante proceso de cambio iniciado nas autonómicas pasadas (ou mesmo nas últimas municipais).
Quedan por ver moitos datos importantes, as cifras globais, e moitas pequenas poboacións, algunhas delas simbólicas.
Eu espero impaciente os resultados de Gondomar. Todo o Val Miñor precisa novos aires. Seguro que, esta vez, chegan. Será unha noite longa.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.