4.5.07

Capítulo de «A vida secreta de María Mariño»

Velaí vai un capítulo do meu libro A vida secreta de María Mariño, publicado na colección Merlín, de Xerais. É o capítulo cuarto.
4

DE MOZA


Ti es María Mariño, A Fiscala, a filla do zapateiro. Chámanche A Fiscala porque a túa nai cose para a casa do Fiscal. Ti tamén coses para as casas, aínda que ti seica escolles as casas para as que queres traballar. Véseche moito paseando soa polo Malecón, sobre todo á tardiña, coa ollada perdida no mar e na paisaxe.
Disque es unha moza estraña, solitaria, reservada, pouco amiga de acompañáreste dos mozos ou da xente. De feito, nunca ves pasear coas outras mozas da túa quinta, nin te mesturas entre nós, que parece que che producimos alerxia. Ora, a xente quérete ben, que ninguén fala mal de ti, e seica non che gusta meterte onde non te chaman nin botar a lingua a pacer, como fan outras. Hai quen di que ti tes outras inquedanzas na vida. Que isto non che gusta e que queres saber cousas, que che gustaría ler nos libros e que te fas preguntas moi estrañas. A vida éche dura, filliña, e nós nacimos aquí, neste lugar pobre. Pero seica a ti iso non che vale de consolo. ¿É por iso polo que vas pasear soa, pola Rasa arriba, seguindo o río?

Son aquela!
Son aquela sempre soia

que paseaba a ribeira

a ver si nela atopaba,

a ver si nela afogaba.


Es unha muller solitaria, non hai dúbida. E élo porque che prougue. ¿En que pensarás cando perdes eses profundos ollos negros no horizonte que se funde no mar? ¿Onde está a túa cabeza cando camiñas soa pola beira? ¿Que se che perdeu por alí que non vés pasear canda nosoutras polo Cantón, onde deixamos que nos miren os mozos? ¿Sentes, acaso, que o mar chama por ti, que a terra chama por ti? ¿Que levas dentro de ti que non levamos nós, filliña? Algo levas dentro, pois semellas unha muller tranquila, en paz contigo mesma, e seica non adoitan comerte os demos da carraxe ou da envexa coma a nós. Cando camiñas polo Malecón e o vento da ría vén e che levanta o cabelo negro semella coma se foses toda enteira flotando polo aire, coma se formases parte del e levitases e cruzases dun sopro todas as pontes de Noia e, con elas, cruzases o tempo.

O meu fogar téñoo en ti:
no teu vivir e nas tres pontes

e das campanas os toques,

toques que eran pra min.


Fóra de ti cando as oio,
e sendo o mismo tocar,

recólloas no pensamento,

xa non pasan máis alá.


Ribeiras de mar enxoito!
Ribeiras de pleamar!

Quedas, vellas ribeiras,

agardan un mar i outro mar
.

Ningún comentario: