23.5.07

Ao volante

Como me sucede tamén outros anos, durante este mes non paro de percorrer Galicia de arriba a abaixo, dando charlas nos centros de ensino, non só sobre María Mariño senón sobre calquera dos meus outros libros. Curiosamente, a maior parte dos actos culturais dos institutos e colexios concéntranse en maio, polo que comprobo que as Letras Galegas teñen un efecto imán importante.
Onte luns, por exemplo, fun a Santa Uxía de Ribeira. As obras na mortífera Vía Rápida do Barbanza (que devolveron o tráfico á antiga estrada xeral, con retencións continuas, lentísimo tráfico pesado e paso constante polo centro das poboacións) trasladáronme moito tempo atrás, cando tiña 18 anos, traballaba para unha axencia de viaxes en Santiago de Compostela e conducir algún coche (que me prestaban) de Santiago a Vigo levaba perto de dúas horas tensas e interminables.

La imagen “http://oswaldolilly.blogcindario.com/ficheros/tormenta.jpg” no puede mostrarse porque contiene errores.

Hoxe martes estiven pola mañá en Culleredo, falándolles de María Mariño a rapaces de primaria, e pola tarde en Fene, falándolles de Cartas de amor e Poetízate a rapaces de secundaria. Ao rematar, saín de Fene cun sol explendido –as aulas do instituto asoman a un mar fermoso– e un día despexado, que se foi cubrindo a medida que me achegaba a Compostela e que se fixo noite pecha (ás sete da tarde) á altura de Padrón, con todos os vehículos circulando coas luces prendidas. Pouco despois de sobrepasar a área de servicio de Caldas de Reis o ceo rompeu sobre as nosas cabezas (a nada lle tiña Asterix máis medo que a iso) e, ademais dunha chuvia de lóstregos, sobre a autoestrada desprendeuse unha tromba de auga tan forte e tan impactante que non se vía absolutamente nada. Debo recoñecer que pasei medo. Durante máis de dez minutos, os coches circulabamos pola autoestrada a 60 quilómetros por hora con visibilidade practicamente nula. Logo de vinte e cinco anos ao volante collendo o coche diariamente (sen que nunca, por fortuna, me tocase sufrir un accidente) hoxe paseino mal. Moito peor que cando tiven que circular por Gran Bretaña polo carril contrario ao que estou habituado ou por África por unha vía de terra cun coche sen freos. A situación de hoxe lembroume unha vez que comducía por unha autoestrada francesa, en dirección a Pau, e caeu unha chuvia de granizo tan intensa que todos os vehículos se detiveron nas beiras e ninguén se atreveu a reanudar a marcha até que todo rematou. E, a pesar de que non me disgusta conducir, recoñezo que cada vez me esgota máis.

Ningún comentario: