Na súa historia recente, por desgraza, o Val Miñor non se caracterizou por unha acción política civilizada e racional a favor da súa cidadanía. Pola contra, as potencializades turísticas da zona, unidas a un desenvolvemento urbanístico incontrolado e salvaxe fomentaron a corrupción, a chegada dunha clase política falta de escrúpulos, os intereses persoais, a malversación, o despilfarro público, a falta de xestión, etc, etc, etc. Os tres concellos do Val Miñor (uns en mellores condicións, outros en peores) están a pagar na actualidade as consecuencias desa utilización da política e dos recursos públicos en función de beneficios persoais.
O Concello de Gondomar, por desgraza, é un paradigma exemplar desta situación. Carente dos recursos turísticos de Baiona e Nigrán, cun urbanismo históricamente menos desenvolvido e cunhas enormes potencialidades para se converter nun concello fundamentado na industria (Polígono da Pasaxe, Vincios) e nos servizos, non obstante, en Gondomar, non se puxo en marcha unha política planificada e racional destinada a gobernar para servir á cidadanía e á súa a calidade de vida (o BNG pretendeu claramente sentar as bases para conseguilo pero a moción de censura non lle deu tempo á levala á práctica nin a que se poidan valorar resultados).
As noticias que Gondomar transmitiu ao mundo están relacionadas coa corrupción, a coacción, a ilegalidade e as ameazas: o seu anterior alcalde (Carlos Silva), inhabilitado por unha sentencia; varios dos seus anteriores concelleiros, collidos in fraganti pola policía mentres recibían diñeiro dun construtor nunha trampa preparada polo xulgado, e, a última, unha moción de censura sen pés nin cabeza propiciada por tránsfugas do PSOE, polos independentes de Move Gondomar e polo PP, que colocaron na alcaldía a un títere deste último partido que non exerce e é sistematicamente substituído polo tenente alcalde. Trátase dun goberno municipal de conveniencia, inconexo e con múltiples leas internas.
En realidade, Gondomar é un concello cunhas potencialidade enormes. Pero, para iso, precísase dun goberno municipal que, con carácter continuado, e fronte ao turismo desenfrenado e masivo de Baiona e Nigrán, sexa quen de ofrecer riqueza patrimonial, calidade medioambiental, recursos alternativos, tranquilidade, un urbanismo controlado e racional, revalorización paisaxística, oferta cultural, etc, etc, imitando a acertadísima política de revalorización do patrimonio natural e cultural que impulsou Álvarez Areces en Asturias e que tantos éxitos lle está a dar a esa Comunidade Autónoma, ou por botar man de exemplos máis próximos, o BNG en Allariz e a Alternativa Veciñal en Oleiros, onde (neste último concello) a calide dos servizos de saúde e urxencias municipais, os innumerables quilómetros de rutas para camiñar e carrís bici, a rede de bibliotecas públicas (unha por parroquia), os servizos sociais, etc, etc., elevaron de xeito natural o prezo da vivenda debido a cantidade de xente que desexa trasladarse a vivir a ese lugar.
Recentemente, a empresa Vía TV gravou un vídeo, que circula pola rede no que entrevista a Manuel Núñez (o «independente» de Move Gondomar), a Alfonso de Lis (o tránsfuga do PSOE) e a Antonio Araúxo, líder do BNG e fugaz ex-alcalde. A ausencia de actual alcalde títere (Martín Urgal) é moi significativa.
Por certo, a «guerra de blogs» da que se fala no vídeo non chega a tal categoría pois o uso das novas tecnoloxías por parte dos grupos políticos en Gondomar (e do Concello) é absolutamente primario e aínda non se estableceu unha comunicación fluída coa cidadanía nese sentido, a excepción de determinadas iniciativas civís
Ningún comentario:
Publicar un comentario