Este é un ano moi especial para min. Cumpro vinte anos desde que publiquei o meu primeiro libro: Tráiler, a novela coa que gañei o Premio Blanco Amor. Esa novela e, sobre todo, ese premio, non só me permitiron irrumpir dun día para outro no ámbito literario senón que supuxeron o impulso necesario que todos os escritores precisamos para nos reafirmar como tales.
Evidentemente, Tráiler non é o primeiro texto que escribín. Levaba escribindo desde os 14 anos, nese lento proceso que é a aprendizaxe da escrita, e publicara algúns relatos e poemas en revistas literarias, que en 1992 recollín en A lúa no probador. Mesmo Persianas pedramol e outros nervios, o meu primeiro poemario, publicado en 1992, foi escrito antes que Tráiler, aínda que despois da publicación da novela continuei a darlle voltas á feitura do poemario.
Este ano celebro o vinte aniversario: pasaron vinte anos e pasaron tamén vinte títulos e algunhas traducións. E, desde Tráiler, que escribín nun vello e aparatoso ordenador con wordperfect (que, por certo, merquei cos cartos do Premio Curuxa do Humor), tamén pasou por min a era dixital. Desde 2003 existe o meu blog Cabrafanada e desde 2009 o meu Domicilio Virtual.
Ao longo destes vinte anos, escribín sen a dedicación que me gustaría: escribín roubándolle tempo ao sono, ao ocio, aos amigos, á familia, etc, etc.
Pero foron vinte anos intensos, completos, que valoro moi positivamente e que quero agradecerlles especialmente, aos meus lectores e lectoras.
Para celebralo, este ano é a miña intención editar en pdf un ou dous libros de artigos da miña autoría, que anunciarei oportunamente e que se poderán descargar libremente do meu Domicilio Virtual.
Pero, ademais, chego a este 2011 coas pilas recargadas e, sobre todo, recollendo os froitos de varios anos de traballo. En breve (dentro de 20 días) estará nas librarías o meu próximo libro, O meu gato é un poeta (un libro-disco-web) do que falarei proximamente.
Máis avanzado o ano sairá en Xerais o meu próximo libro de Narrativa, Ninguén, un conxunto de relatos que falan de como cambiaron as relacións entre as persoas á sombra da cultura urbana e das novas tecnoloxías.
E, máis adiante, darei á luz un libro de relatos infantís, que rematei hai algún tempo e que supoñen unha nova liña no que publique ata o de agora.
A maiores, Transición, un novo poemario espera pacientemente o seu turno de saída.
Evidentemente, estes libros foron escritos ao longo dun demorado período de tempo e xúntanseme, como dicta a fortuna con acerto, no ano do meu vinte aniversario como escritor con obra publicada.
Pois iso; penso celebralo dando novos libros para o prelo. Porque esa é a vocación máis antiga da que teño conciencia dentro de min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario