Os sucesos que están a ter lugar en Túnez e que amedrentan a todo o Magreb tráenme á memoria unha anécdota que me sucedeu durante unha viaxe a ese país en 1992. Daquela xa gobernaba Ben Alí e o seu rostro estaba impreso en numeresos carteis na rúa, aínda que con menor intensidade que o de Hassan II en Marrocos. Aquel día eu viaxaba nun tren desde o centro do país á capital, que está no norte. Nun determinado momento da viaxe, entrou no vagón un home que sentou ao meu lado. Logo de saudarme cordialmente, comezou unha animada conversa e, pouco despois, interesouse por min: de onde viña, que estaba facendo no seu país, se me gustaba Túnez, que opinaba sobre o Alxeria, sobre Marrocos, e sobre a situación política dos tres países, etc, etc, etc. A min, que estaba afeito a viaxar polo Magreb, non me estrañou nada esa curiosidade, moi habitual cos estranxeiros entre os cidadáns árabes.
Case ao final da conversa preguntoume pola miña profesión. Xornalista, díxenlle eu que daquela traballaba no Diaro 16 de Galicia. Vaia, dixo con certa retranca, os xornalistas sodes persoas perigosas. E ceibou unha gargallada. A continuación eu pregunteille pola súa. Daquela meteu a man no peto da chaqueta (levaba chaqueta, malia a calor) e sacando unha placa que me mostrou díxome: policía secreta.
(Foto extraída do xornal Público)
Ningún comentario:
Publicar un comentario