7.6.11

De «Ninguén» ás traducións ao italiano, inglés e coreano: «Contesta ou disparo»



Logo da saída de O meu gato é un poeta (libro que, por certo, rematara de escribir hai dous anos e medio, pois poucas veces o tempo de escrita coincide co tempo de publicación) prepárome xa para saída, en setembro, de Ninguén, un libro de narrativa ao que lle puxen o punto final un ano atrás e que, por certo, ten moito que ver con internet. Como nos sucede habitualmente aos escritores, a saída de Ninguén prodúcese nun momento en que outro libro, en fase de avanzada elaboración, ocupa xa a miña cabeza, feito que me obrigará a un esforzo de recuperación mental para me resituar a min mesmo nas páxinas dese libro que en setembro vai ver a luz.

Polo demais neste mes de xuño prodúcense dous feitos que reforzan a miña persoal celebración do vinte aniversario desde que publiquei Tráiler, en 1991: a tradución ao italiano de A araña e mais eu, baixo o título de Io e il ragno, que xa está impreso e será distribuído estes días polas librerías italianas; e a tradución, en curso e con carácter académico, de Cemiterio de elefantes ao inglés, por parte do hispanista e profesor da Universidade de Michigan (USA) Jason Sarkozi. Ademais no prazo duns meses sairá publicada tamén a tradución ao coreano de A araña e mais eu na editorial Glbburi.

E do feito de que a miña escrita continúa afondando na creación poética non só dá fé a recente saída de O meu gato é un poeta senón que axiña darei máis novas con respecto a ese xénero. A iso, súmase estes días a chegada da imprenta da 8ª edición de Poetízate, nunha versión actualizada, aumentada, con limiar de Carlos Negro e cun novo deseño de cuberta.

Para rematar, tal e como anunciei hai pouco tempo neste blog, e con motivo deses vinte anos de escrita pública que celebro, poñerei a disposición de todos os lectores e lectoras dous (ou se cadra tres) libros en pdf, de ensaio ou xornalismo, da miña autoría. O primeiro, baixo o título de Contesta ou disparo (2011), estará dispoñible antes de final deste mes de xuño, en formato dixital: un libro de entrevistas brevísimas con distintas persoas da cultura galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario