6.6.11

Pitas

Navegando pola rede atopei esta foto, que me trouxo lembranzas intensas. A miña infancia estivo rodeada de galiñas. Meu pai tiña dúas granxas de pitas, das chamadas «de crianza», que chegaban ás granxas aos tres ou catro días de nacer e marchaban aos seis meses, a seguir o proceso noutras granxas, chamadas «de engorde». Nelas, nas de meu pai, facíase o proceso da cría. Eran os anos 60 e 70. De neno, eu devecía polo momento en que chegaban os camións, con aqueles pitiños marabillosos que se metían na granxa dentro dun cercado que os pechaba en torno á campá da calefacción. Tamén me entusiasmaba o momento en que as galiñas marchaban e había que apañalas todas, a man, unha a unha, e metelas nas gaiolas dos camións. Eran todo pitas, e cando os sexadores xaponeses se equivocaban e aparecían algún galo, había que retiralo. Outra cousa marabillosa para os nenos era cando chegaban os camións de serrín ou de labras, ateigados ata arriba con aqueles arrecendos intensos da madeira, que se destinaba a facer a cama das pitas. Os cativo tirabámonos contra os enormes feixes de serraduras, mergullándonos nelas, o que nos producía unha indescritible sensación de liberdade. Aínda non existían, claro, os parques de bólas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario