12.6.11

O xogo das cadeiras

O xogo das cadeiras non é cousa das mulleres

A Real Academia Galega vén de escoller un novo académico malia o resón social que tivo a esixencia de cubriren as vacantes actuais con mulleres, e que se pode seguir no blog do manifesto “O xogo das cadeiras”.

Se coa simbólica concesión da cadeira de Olga Gallego a un investigador a institución puña en evidencia o seu desinterese por incorporalas, con esta elección mostra de maneira aberta o seu rexeitamento. Non o pode dicir máis clariño: no seu xogo das cadeiras non quere que entren as mulleres. A Academia afástase canto máis mellor do que se espera das máximas institucións da cultura galega para que manteñan a súa autoridade conforme aos tempos: que sexan corporacións vivas, dinámicas, comprometidas, integradoras da diversidade.

A incorporación de mulleres non é un problema senón unha oportunidade para gañar autoridade, para mostrar vontade de diálogo con estes tempos. Mais cando as cadeiras serven de poltrona, aníñase no confort do recoñecemento e iso precisamente é o que converte a Academia en dondo panteón de ilustres. Agora, cando a cultura e a lingua galega precisan institucións afoutas, que conten co máximo apoio social para afrontaren os importantes retos nos que andan, as mulleres non podían ficar excluídas mais o xogo das cadeiras déixaas fóra, como sempre.

Estamos peor que hai un ano, antes do pasamento da finada Olga Gallego. Cinco eran as mulleres con cadeira hai un ano, e catro son agora. Só podemos agardar que para a que queda vacante, elixan unha muller, mais, como ben explicou María Xosé Agra no seu artigo “Dúas cadeiras, unha Académica máis: ¡impertinencia!”, os números falan. Unha soa muller máis supón cinco académicas de trinta. Nin sequera o 20% da corporación. Por iso denunciamos que a Real Academia Galega segue co seu xogo das cadeiras.

Cadeiras para as mulleres XA!


Máis información en O xogo das cadeiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario