21.12.11

Cambiará Internet o noso xeito de ler e triunfará a microliteratura?

Foro de Fervenzas Literarias (1)
O encontro que mantiven durante uns días con lectores e lectoras de Ninguén, respondendo ás preguntas que me facían, obrigoume a algo que me gusta facer e para o que case nunca teño tempo: reflexionar sobre a literatura e sobre como entendo eu o feito creativo. E obrigoume a facelo en voz alta; é dicir, escribíndoo. Como non son moitas e como é un tipo de reflexión que me comprace, por se pode ser de interese para alguén máis, vounas ir reproducindo en Cabrafanada.


—Cando dis que "«Ninguén» tamén é un intento de abordar e asumir esas novas formas de expresión (e de ficción) que están aparecendo en Internet e que no futuro" cres que no futuro cambiará o xeito de ler tal e como o coñecemos dende agora? que se imporán unhas lecturas tipo facebook e twitter e microliteratura polo estilo? Están en peligro de extinción esas novelas de 500 e 600 páxinas, por exemplo?
Gracias polo teu tempo.

EusebioM. 
 
—Ola Eusebio:
Eu creo que o xeito que temos de ler, con Internet, xa está cambiando. O correo electrónico, os hipervínculos na rede, as páxinas web, os foros, as roldas de correo e, proximamente ou xa mesmo, o ebook están mudando a forma en que abordamos a lectura, que é moito máis vertical, moito máis selectiva, moito máis transversal, en xeral menos profunda, e se sitúa no plano da literacidade electrónica. Ademais, vivimos nun mundo en que a lectura é moito máis complexa, porque leva mensaxes ocultas, porque hai que saber interpretar o contexto, porque as palabras son forzadas ata que perden o seu valor, etc. É dicir, que ademais hai que ler entre liñas. Nese sentido, hai un libro sensacional de Daniel Cassany, que nos abre os ollos con todo isto e explica moi ben como temos que ler hoxe en día. Está publicado en Anagrama e titúlase «Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea».
Evidentemente, eu creo que isto vai determinadar tamén novos hábitos e formas de abordar a escrita, a ficción, e vaina condicionar e en ningún caso pode ser inocente. Eu intento navegar, desde a creación, nesa nova realidade, entre eses novos retos, aínda que coa conciencia de que pertenzo a unha xeración que naceu na cultura do papel e que, daquela, só vai poder asumir moi parcialmente ese cambio. Ese será un cambio que chegará protagonizado polas xeracións máis novas, que non terán que facer un esforzo de adptación, como é o meu caso, senón que o asumirán de xeito natural. Ora, non se trata tanto de que facebook ou twitter condicionen a extensión da escrita, que non creo que iso suceda, porque seguirá habendo ficción con todo tipo de extensión, senón máis ben que as novas plataformas de escrita e lectura van conlevar novas formas de expresión que se levarán á literatura. En calquera caso, se cadra dentro duns anos facebook nin sequera existe e perde o peso que ten hoxe. Nestes momentos é unha rúa moi concurrida, pero na rede todo dá a volta rapidamente. Non me refiro tanto a esas redes sociais concretas como en xeral ás novidades que a rede, que é unha realidade brutal e incipiente para a ficción e para a lectura, vai imprimir na forma de asumir o proceso creativo.
Un saúdo.

1 comentario:

  1. A fin da lectura? outra versión apocalíptica máis producto do contaxio relixioso, ¡que vai morrer a lectura! sempre haberá homes e mulleres con necesidade de contar e máis aínda outros e outras ben dispostos a satisfacer as súas ansias de coñecemento. Non o verán os nosos ollos, afortunadamente!

    ResponderEliminar