15.12.11

17 de decembro, A Coruña e Vigo, día Lugrís


Recibo de Xurxo Souto, esta mensaxe trasatlántica, á que lle engado o programa de A Nave das Ideas:

17 de DECEMBRO, A CORUÑA E VIGO, DÍA LUGRÍS
A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Así nolo di co seu talento a pintura de Urbano Lugrís. Dous pontóns de amarre no mesmo océano.
Para significar unha vez máis esta revelación, o vindeiro sábado 17 de decembro celebrarase –simultaneamente- en Vigo e na Coruña a Acción Urbano.  Xornada cívico-bohemia, en honra do gran mestre.
O Orzán, o Berbés e un único manifesto en botella polos camiños do mar a prol da creatividade e da arte galega.
Sábado 17 de decembro. Percalinópolys e Xouba City ( isto é A Coruña e Vigo na terminoloxía do pintor) unidas outra vez pola vida, pola bohemia, polo talento abisal de Urbano Lugrís profeta do atlantismo.

A CORUÑA
O fato de enxarmantes da Coruña autedonimámonos "IN NAVE CIVITAS"  ( por su posto ti es membro de honra). Imaxinamos un acto en catro tempos:
1.  Ás 20 horas: “Obradoiro submarino”. Xuntanza no palco da música de Méndez Núñez para decorar paraugas con debuxos de peixes. Así, se chove, facemos da necesidade virtude.                                                                                    
Saída  da manifestación atlántica presidida, con toda pompa e esplendor,  polo son dos gaiteiros “Os Vicentes de Elviña”.
2.  "Camarote Lugrís". Intervención  pictórica rápida na rúa  Mantelería, diante do recanto que ocupaba o estudo de Lugrís.
3. "Balada do Porto de Os". Estrea no Borrazás, café moi querido por Lugrís, dunha rapsodia insipirada no poema do mesmo nome, composta por Marcos Aboal e Lourenzo Castro.
4.  Na Coiraza do Orzán, lectura e lanzamento -en botella- do manifesto, dirección ribeira do Berbés.


VIGO
DESCRICIÓN BREVE DA HOMENAXE
O acto que será conducido en Vigo pola Nave das Ideas está previsto para a xornada do 17 de decembro como unha forma de reclamar un día das Artes Galegas. Dividimos a xornada en dúas partes diferenciadas.

Xornada matutina.
- Roteiro Urbano Lugrís. 
Da man de Carlos L. Bernárdez organizamos un roteiro pola cidade de Vigo que nos levará por lugares de importancia na vida e na obra de Lugrís. Durante o percorrido realizaranse paradas estratéxicas (Pinacoteca, Ribeira de Vigo, etc.) para finalmente rematar coa lectura do manifesto no límite do peirao da cidade onde se botará unha botella ao mar como feito simbólico. 

Xornada Vespertina
Conferencia e xornada multidisciplinar
Na nave das ideas non queremos adecuarnos a unha homenaxe formal na que, logo do roteiro, gabamos a figura de Urbano Lugrís nunha conferencia. Nós queremos algo máis. É por iso que preparamos un completo programa que agardamos poida dar un enfoque moito máis amplo e fondo.

Nas instalacións do museo vigués do Verbum crearemos un espazo no que terán lugar de xeito simultáneo os seguintes actos:
- Conferencia do pintor Antón Patiño e Carlos L. Bernárdez arredor da figura de Urbano Lugrís.
- Exposición de reproducións de cadros de Lugrís.
- Creación artística a cargo do grupo Amálgama
- Poesía urbana. Hip-Hop a cargo de AÍD
- Recital sobre Urbano. A cargo de María Lado, Ledicia Costas e Lara Domínguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario