Eu coñecía a Os da Ría, basicamente, a través da campaña de promoción de Dioivo. O disco, que se titula Disco díscolo e foi gravado a través de crowdfounding, non ten perda. Agradézolle a Tomás que mo empaquetase con viño, porque se o disco xa alegra a vida, co viño xa non digamos!
Así que partir deste momento declárome fan eterno de Os da Ría e, desde que o CD segue os meus pasos vitais, non deixei de escoitar nin un segundo cancións tan «coxonudas» como as que lle dedican ao insigne xornalista lugués «Fernando Ónega», a incomparable «Conga de Uxío Novoneyra», a canción real coa que agasallan á «Infanta Elena», a dúbida existencial que plantexan na canción «Manuel María, é tío ou é tía?», ou o emotivo «Se me dan a escoller un país», que é o tema número 16, pecha o disco e ten a súa orixe no Plan Galicia.
En fin, que collamos por onde collamos calquera das «cantareliñas» do CD, Os da Ría fan unha música fresca, divertida, paródica, con moito «fumor», ben feita, cosmoPolita, e, por se fose pouco, son cultos, pois len a Neruda en moitísimas linguas. Son realmente hiperenxebrantes!
Os da Ría son Carlos Meixide, Tomás Lijó (voces), Xabier Olite (guitarra), Ramón Rúa (batería), Suso Alonso (teclas) e Roi Fernández (baixo).
Que din eles de si mesmos? Isto: «Os da Ría levan ans defendendo enriba de os esceairos (e as veces debaixo), o galegueiro como ferramenta de expresión cultural e festeira de o póbolo galegueiro. Un grupo ideado por Carlos Meixide e Tomás Lijó, e musicado por Suso Alonso, Xabier Olite, Ramón Reynolds e Roi Fernández. O amplísimo repertorio do grupo, creado a modo de skectchs para as Ultranoites dos últimos 10 ans, recorre, desde o territorio do absurdo, da crítica máis ácida e da parodia, a vida social, cultural e política de a Galicia Nai e Señora, nun espectáculo ao que o público nunca é indiferente».
Por certo, na súa páxina web pode verse unha recomendable actuación completa gravada en directo (onde, por exemplo, pode escoitarse ao ritmo cañí de Manolo Escobar unha canción que tamén soa a Suso Vaamonde, ou a Cánovas, Rodrigo, Adolfo y Guzmán no tema «Por que será que voto benegá»?), pero, sobre todo, recomendo mercar o Dísco Díscolo como magnífico «agasaxo» de Nadal, sexa ou non acompañado do bo viño Senlleiro, que é viño do Ribeiro. Dito queda.
Non o perdades!!!!!
Adiante Os da Ría!!!!
Xoder, xoder, que galegos son!
Ningún comentario:
Publicar un comentario