13.5.07

Crónica dun sábado no Cultur.gal

Esta é a crónica fotográfica do sábado no Cultur.gal. Hoxe domingo é o derradeiro día; esta noite, ás 21,30 h. o Cultur.gal pecha as súas portas cun concerto de Marful.















11.5.07

Fotos do Cultur.gal

Estas son algunhas das primeiras fotos do Cultur.gal, onte, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A maioría delas están feitas instantes antes de que a I Feira do Libro e da Industria Cultural abrise as súas portas ao público:



















Estas fotografías corresponden xa ao momento do acto de inauguración. O pregoeiro, Quico Cadaval, na primeira fotografía; e a Conselleira de Cultura, na seguinte.









Entrevista con Teresa Moure na emisión en directo do Diario Cultural da Radio Galega.




Entrevista con Miguel Anxo Murado na emisión en directo do Diario Cultural da Radio Galega.




Actuación do duo Sete Saias, que o sábado repetirán nun concerto a cargo de PAI Música / Casa de Tolos.



Máis fotos do primeiro día do Cultur.gal e as previsións para o venres, en Brétemas.
Pódese consultar a programación completa e actualizada na páxina web do Cultur.gal.

9.5.07

Xa está aí o Cultur.gal

Desde este xoves e até o domingo, celebrarase o Cultur.gal no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O acceso é totalmente libre.
O Cultur.gal é a Feira do Libro e da Industria Cultural que organizamos desde a AGE.
O pregón inaugural estará a cargo de Quico Cadaval.
O horario será de 10:00 a 21.30h. ininterrupidamente (xoves e venres) e de 11:00 a 21.30h. ininterrupidamente (sábado e domingo).
Haberá ludoteca, ciber, cafetería, actuacións e estands de editoriais, librerías, discográficas, axencias culturais, produtoras audiovisuais, institucións culturais, medios de comunicación, tecnoloxías da información, asociacións profesionais; concertos en directo, espectáculos poéticos, accións graffiti, contacontos, mesas redondas, debates, presentacións de discos (con pequenos concertos no estands de Pai Música /Casa de Tolos e Lonxa Cultural), sinaturas e presentacións de libros (tanto no Café Literario como nos estands das editoriais), proxección continuada de películas e curtametraxes, xornadas técnicas, exposicións, talleres, obradoiros e unha amplísima programación infantil e para todos os públicos.
Tamén contaremos coa retransmisión en directo de varios programas da Radio Galega: Diario Cultural e Aberto por reformas (o xoves), as Quimbambas (o venres), Extrarradio e A casa do vagabundo (o sábado), gravación en directo da TVG dun programa do Xabarín Club (o venres de 20 a 21,30 h.).
Tamén será presentado o primeiro número da revista Novas de libros (o venres).
Haberá camisetas do Cultur.gal á venda, de diversos tipos e tallas, no estand de Caramuxo, e poderá adquirirse toda a produción editorial, musical ou videográfica que se comercializa en galego.

Ademais dos concertos musicais para adultos (venda de entradas no recinto feiral a 5 euros, tamén para o inesquecible espectáculo de Mofa e Befa), haberá varios concertos infantís (Mamá Cabra, Na Virada, Migallas) de acceso libre; e o sábado (de 19 a 21 h. ) e o domingo (de 18 a 20 h.) os Festicultores Troupe animarán o propio recinto feiral con pasarrúas musicais.

Os Festicultores:





Toda a programación pode ser consultada na páxina web do Cultur.gal.

8.5.07

Un podcast sobre María Mariño

Os rapaces e rapazas que fan o caderno dixital do grupo de Técnicas de Expresión Escrita do IES David Buján de Cambre, que manteñen o blog Mensaxe nunha botella, acaban de crear un interesante podcast sobre María Mariño, que recomendo.

A rede a debate; entrevista

No portal da Consellería de Innovoación e Industria, as miñas opinións sobre o presente e o futuro da rede: actualidade e desafíos das novas tecnoloxías para un usuario do mundo da cultura. +galego +internet +futuro.

Bánner de máis internet, máis galego, máis futuro

Cultur.gal, publicidade na televisión

4.5.07

Capítulo de «A vida secreta de María Mariño»

Velaí vai un capítulo do meu libro A vida secreta de María Mariño, publicado na colección Merlín, de Xerais. É o capítulo cuarto.
4

DE MOZA


Ti es María Mariño, A Fiscala, a filla do zapateiro. Chámanche A Fiscala porque a túa nai cose para a casa do Fiscal. Ti tamén coses para as casas, aínda que ti seica escolles as casas para as que queres traballar. Véseche moito paseando soa polo Malecón, sobre todo á tardiña, coa ollada perdida no mar e na paisaxe.
Disque es unha moza estraña, solitaria, reservada, pouco amiga de acompañáreste dos mozos ou da xente. De feito, nunca ves pasear coas outras mozas da túa quinta, nin te mesturas entre nós, que parece que che producimos alerxia. Ora, a xente quérete ben, que ninguén fala mal de ti, e seica non che gusta meterte onde non te chaman nin botar a lingua a pacer, como fan outras. Hai quen di que ti tes outras inquedanzas na vida. Que isto non che gusta e que queres saber cousas, que che gustaría ler nos libros e que te fas preguntas moi estrañas. A vida éche dura, filliña, e nós nacimos aquí, neste lugar pobre. Pero seica a ti iso non che vale de consolo. ¿É por iso polo que vas pasear soa, pola Rasa arriba, seguindo o río?

Son aquela!
Son aquela sempre soia

que paseaba a ribeira

a ver si nela atopaba,

a ver si nela afogaba.


Es unha muller solitaria, non hai dúbida. E élo porque che prougue. ¿En que pensarás cando perdes eses profundos ollos negros no horizonte que se funde no mar? ¿Onde está a túa cabeza cando camiñas soa pola beira? ¿Que se che perdeu por alí que non vés pasear canda nosoutras polo Cantón, onde deixamos que nos miren os mozos? ¿Sentes, acaso, que o mar chama por ti, que a terra chama por ti? ¿Que levas dentro de ti que non levamos nós, filliña? Algo levas dentro, pois semellas unha muller tranquila, en paz contigo mesma, e seica non adoitan comerte os demos da carraxe ou da envexa coma a nós. Cando camiñas polo Malecón e o vento da ría vén e che levanta o cabelo negro semella coma se foses toda enteira flotando polo aire, coma se formases parte del e levitases e cruzases dun sopro todas as pontes de Noia e, con elas, cruzases o tempo.

O meu fogar téñoo en ti:
no teu vivir e nas tres pontes

e das campanas os toques,

toques que eran pra min.


Fóra de ti cando as oio,
e sendo o mismo tocar,

recólloas no pensamento,

xa non pasan máis alá.


Ribeiras de mar enxoito!
Ribeiras de pleamar!

Quedas, vellas ribeiras,

agardan un mar i outro mar
.

3.5.07

Tempo

Ultimamente teño a sensación de que eu non son dono do meu propio tempo. Aínda que nunca me sobrou ese prezado ben das sociedades desenvolvidas denominado tempo, por primeira vez na miña vida teño a sensación de que non son eu quen goberna o meu, senón que é o tempo o que me goberna a min, movéndome ao seu antollo e decretando na miña vida sen consultarme. É unha sensación estraña, angustiosa. Terei que reflexionar.

2.5.07

Mmmmmsicas

Ben sei que tarde e a destempo pero, por fin, dou resposta ao convite que me fixo o habitante da Selva de Esmelle e que circulou polo blogmillo. Tratábase de elixir unha música para un momento tan íntimo e irrepetible como é o de facer o amor. Ben, pois aí vai, probade coa miña proposta: Ismael Lo, a música para follar en postura africana. Que vos preste.

27.4.07

Programa de actividades do Cultur.gal (1)

CULTURGALPazo da Cultura de Pontevedra
Do 10 ao 13 de maio

Páxina web do Cultur.gal
AXENDA DE ACTIVIDADES
[Os horarios das actividades recollidos neste programa poden estar suxeitos a alteracións de última hora. A entrada a todas as actividades é de balde, a excepción dos espectáculos que terán lugar no Auditorio, cun prezo moi asquible. Paralelamente a estes actos, as editoriais galegas representadas na feira organizarán sinaturas de libros e presentacións de novidades, que se anunciarán coa debida antelación no propio recinto].


ACTIVIDADES PARA O PÚBLICO INFANTIL

XOVES 10 DE MAIO
10.00-14.00 Curtametraxes infantís e xuvenís. Espazo: Sala de proxeccións.
10.00-11.00 / 11.00-12.00 Pasa corredores animados. Percorrido guiado pola feira mediante xogos dinámicos. Espazo: Recinto feiral.
10.30-11.30 / 12.00-13.00 Titiricircus. Espectáculo de títeres da compañía Tanxarina. Espazo: Salón de actos.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
11.00-14.00 Experimentar coa dobraxe cinematográfica. Espazo: Clúster do Audiovisual Galego.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-18.00 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
18.30-21.00 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.

VENRES 11 DE MAIO
10.00-14.00 Curtametraxes infantís e xuvenís. Espazo: Sala de proxeccións.
11.00-12.00 / 12.30-13.30 Pasa corredores animados. Percorrido guiado pola feira mediante xogos dinámicos. Espazo: Recinto feiral.
11.00-12.00 / 12.30-13.30 Os xigantes. Espectáculo teatral da compañía Miro Magariños. Espazo: Salón de actos.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-18.00 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
18.30-21.00 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.
20.00-21.30 Programa en directo do Xabarín Club da TVG. Espazo: Auditorio.

SÁBADO 12 DE MAIO
11.00-12.30 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
11.00-14.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
11.30-12.30 ¿E se o cantamos? Comedia do grupo Migallas que combina cancións infantís e escenas breves. Espazo: Salón de actos.
12.30-14.00 Obradoiro de cestería. Para rapaces de máis de 8 anos. Espazo: Foro infantil.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-19.30 Conta contos. Con Paula Carballeira. Espazo: Foro infantil
17.00-18.30 Actuación de Mamá Cabra. Espectáculo musical baseado en poemas de autores galegos de literatura infantil. Espazo: Salón de actos.

DOMINGO 13 DE MAIO
11.00-12.30 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
11.00-14.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
12.00-14.00 Actuación do grupo Na virada. Músicas de autor sobre textos de poetas galegos e outras populares da área galego-luso-brasileira. Espazo: Salón de actos.
12.30-14.00 Obradoiro de cestería. Para rapaces de máis de 8 anos. Espazo: Foro infantil.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-18.00 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
18.30-21.00 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.