Un rapaz chamado Silvio Falcón mandoume un correo desde Barcelona solicitándome apoio para realizar un acto de homenaxe e de recoñecemento a Bieito Fernández.
Bieito Fernández (1909) naceu en Silvares de Grou (Concello de Lobios) e converteuse nun destacado dirixente galeguista durante a república. En Ourense foi alumno de Bóveda e posteriormente emigrou á Arxentina, onde residiu, entre 1926 e 1935, animando círculos galeguistas como a Sociedade Nacionalista Pondal. Marcos Valcárcel, que o coñece persoalmente, reproduce no seu blog o panfleto de propaganda a favor da República Galega que Bieito lanzou durante o crítico 25 de xullo de 1936.
No número 3 da revista Arraianos, pódese atopar un interesantísimo texto autobiográfico de Bieito Fernández («Diario e biografía dun fuxido galego») relatando a súa fuxida a Portugal en 1937, así como unha pequena pero significativa biografía (pódense baixar en pdf). Vaia, pois, todo o meu recoñecemento á súa figura.
31.10.06
30.10.06
Caligrama fotográfico

Hai pouco descubrín na rede este significativo caligrama fotográfico elaborado por Renato Roque a partir dos textos de Balada Solitaria. Hoxe decidín traelo a Cabrafanada para poder mostralo. O fotógrafo portugués Renato Roque, con quen teño a sorte de compartir a co-autoría do meu poemario Balada solitaria, ten un blog que recomendo visitar de cando en vez.
Labels:
Balada solitaria,
Fotografía,
Os meus libros,
Poema,
Poesía; Lusofonía,
Portugal
22.10.06
O Val Miñor, anegado
A auga está a douscentos metros da miña casa. Desde a ventá do cuarto da miña filla vexo a enorme lagoa que formou o desbordamento do río Miñor. Nestes momentos, o lugar onde está a miña casa é unha especie de península. Chámanos unha amiga e dinos que en Sabarís a situación é caótica, debido ao desbordamento do río. Durante a noite, a chuvia e o vento golpearon as ventás con rabia incontrolada e, desde a cama, podía escoitar o furioso abaneo das árbores. Entro na rede e leo algo sobre as inundacións en Sabarís. A iso da unha e media saio co coche a mercar a prensa e aproveito para comprobar como está a situación. Da miña casa, só se pode saír pola estrada da depuradora en Donas, pois a ponte de Mañufe está cortada pola policía municipal debido ao desbordamento do río. Decido ir directamente a Sabarís, pero por Borreiros, pois dese xeito saio xusto no centro da vila. Antes quero saír á xeral da Ramallosa a Gondomar pola estrada da depuradora, para valorar a gravidade das circunstancias. Efectivamente, o río tamén cubriu esa estrada e circulo coa auga á altura das rodas. Unha vez na estrada xeral, dou volta e diríxome a Sabarís por Borreiros. En pouco tempo, atópome no centro de Sabarís, absolutamente cuberto da lama, auga e cinza mesturada con terra. Retorna o pesadelo dos incendios, agora convertido en borralla. Hai moita xente na rúa, con catiuscas, con pas, con basoiras. Avanzo até cerca da ponte, pouco antes da estrada que sobe a Belesar e decido aparcar o coche. A paisaxe é impresionante, como se acabase da producirse un bombardeo. Intento achegarme á librería para mercar a prensa, se é que non se lles mollou, pero vexo que non é posible: os pés afúndenseme na lama, que me traga todo o calzado. Retrocedo e decido que xa mercarei a prensa na Ramallosa. Pouco despois da ponte, o tráfico está cortado pola policía municipal. Nestes momentos non chove, así que aproveito para botar un ollo á situación. Comprobo que xa baixou moito o nivel da auga, pero nos baixos das casas vense as marcas que deixou a riada, que me dan pola cintura. A maioría das rúas transversais están enlamadas, cheas auga, táboas e de todo tipo de obxectos. Na canle do río, pegado contra a ponte, descubro un enorme arcón conxelador dado a volta. Pouco máis alá, dous coches, montados un sobre outro, arrastrados pola riada, apuntan co capó contra o ceo, destrozados.Todos os baixos das casas están anegados, enlamados, e cos enseres perdidos. Na porta dun supermercado, as caixas de froitas, verduras e legumes, esparexidas polo chan, aparecen cubertas desa lama cincenta e escura que o invade todo. Comeza a chover de novo, resulta difícil avanzar a pé entre a auga e a lama, e a partir do lugar onde está o tráfico cortado a situación empeora considerablemente. Esa estraña paisaxe da desolación, tan infrecuente nun lugar tan familiar para min, lémbrame á Nicaragua asolada polo furacán Mitch, que percorrín a finais de 1998. Finalmente, decido volver ao coche porque a chuvia é moi forte. Desaparco, dou volta na propia rúa e espero a que o tráfico avance. Logo, desvíome por unha calella lateral, completamente enlamada, que me leva até a estrada que vai pegada á foz do Miñor. Avanzo moi a modo e con dificultades, debido á altura da lama. Unha vez na rotonda, decido renunciar a dirixirme cara a Baiona, porque o tráfico está colapsado. Detéñome a mercar a prensa na Ramallosa e collo cara a Gondomar. Escoito na radio do coche que está cortada a ponte de Mañufe, cousa que xa sei. Xa chegando á vila comprobo que efectivamente, está cortada desde o cruceiro. Pouco máis adiante, observo varios coches detidos á beira da estrada, diante dun futuro edificio da construtora Fajo.O edificio aínda consta unicamente duns xigantescos muros de contención para os garaxes, obra na que levan traballando moito tempo, pero a través dos condutos de ventilación deses muros, a auga entra a grandes chorros, convertendo aquilo nunha xigantesca e impactante piscina. Matino no triste futuro de quen se atreva a mercar un piso nese lugar. En Gondomar, comprobo que o desbordamento é o habitual do río Miñor nos últimos anos: está anegado o parque da Coelleira, o Centro de Desenvolvemento Comarcal (a antiga sede do colexio Chano Piñeiro), e o parque onde está a restaurada ponte do Peto das Ánimas. Na Coelleira, a auga non alcanzou a zona dos xogos infantís, pero deixou a ponte de madeira no medio dunha lagoa. Entre Gondomar e A Ramallosa, o río está desbordado practicamente en todo o seu percorrido, nunhas zonas máis ca noutras. A presión urbanística dos edificios do casco urbano de Gondomar está a facer que os lugares de crecida natural do río se despracen cara a outras zonas, coas conseguintes inundacións que eses cambios provocan. Cando, finalmente, regreso á casa, a auga baixou bastante, pois na estrada da depuradora apenas hai grandes charcos. A improvisada lagoa, en cambio, continúa a douscentos metros da miña casa. O problema nestes momentos, comentaban con temor en Sabarís, é que a marea comeza a subir, co que os desbordamentos na zona poden incrementarse se continúa a chover. O problema máis grave, sen dúbida, está en Sabarís. Veremos que pasa.
[A foto é dos desbordamentos do pasado ano nas proximidades da miña casa.]
[A foto é dos desbordamentos do pasado ano nas proximidades da miña casa.]
10.8.06
Lume
Estou a máis de mil quilómetros de distancia da miña casa e, mesmo desde aquí, sinto no meu corpo de galego o asfixiante veleno do fume, que me incendia e aviva a carraxe mentres Galicia se esfarela en milleiros de faíscas de morte e destrución. Os meus instestinos berran polos culpables. Nunca máis.
3.8.06
Concerto
Gustoume moito o concerto de Ialma en Baiona. O grupo das cinco cantareiras belgas, fillas de emigrantes, liderado por Verónica Codesal, deu onte o primeiro concerto da súa xira galega deste verán. Seduciume a súa música folk atravesada por atrevidísimos ritmos pop. Teñen un estilo moi peculiar e capacidade abonda para ser unha banda galega de referencia europea. De feito, xa o son. Onte presentaron o seu último disco, que aínda non está á venda en Galicia, Nova era. Pero viaxaron ao país cun par de maletas ateigadas de discos que se venden ao final dos concertos e que elas se ofrecen a asinar. A miña filla Alma e a súa amiga Xiana buscaron, unha por unha, ás cinco pandereteiras para que lles asinasen o disco recén mercado. As cantareiras estaban exhultantes, onte. Cando rematou o concerto mesturáronse entre o público, falaban coa xente e brillábanlles os ollos de felicidade. O que menos me gustou do concerto foi o feito de que falasen entre canción e canción, pois ningunha delas parece ter o don da palabra. Se cadra eran os efectos secundarios da devoción que mostraron por conectar co público galego. A súa emoción por estar en Galicia bailáballes nos rostros. Con todo, o público, onte en Baiona, era maioritariamente xente maior que respondía sen entusiasmo. Foi outro bo concerto, do que puidemos gozar no Val Miñor, logo da incandescente actuación de Lamatumbá en Gondomar. Ialma estará hoxe día 3 en Foz, o 4 de agosto en Ribadavia, o 6 en Sarria, o 9 en Cedeira e o 10 en Cambre.
2.8.06
Sabela
Sabela díxome que quería viaxar por Cabrafanada, que é terra inhóspita, ignota, chea de labirintos e trampas, prehistórica e contemporánea, para coñecer este territorio cósmico, así que xa me decidín a poñerlle para ela un cartel de benvida na fronteira. A Sabela gústalle moito o queixo, os cabalos, é mordaz, irónica e ás veces acude a escavar á Chan do Cereixo, por remexer na terra. Sabela é galegofalante convencida, le con paixón a Agustín Fernández Paz e na piscina mergúllase con lentes para poder abrir os ollos debaixo da auga. Sabela ten dez anos.
24.12.05
Adeus, maestro
A semana pasada despedimos a Lázaro Enríquez no cemiterio vigués de Pereiró, onde foi incinerado. Lázaro, amais dun calígrafo excepcional e un magnífico pintor e ilustrador era, sobre todo, unha desas persoas cuxa xigantesca dimensión humana fai que o mundo sexa máis entrañable. Ola poeta, dicíame sempre que nos viamos ou cando me chamaba por teléfono. Ese era tamén o encabezamento dos correos electrónicos que me dirixía. Ola maestro, adoitaba dicirlles a algúns amigos cando se dirixía a eles. Con Lázaro, compartín o gusto pola boa poesía, como a de Ángel González, de quen el era íntimo amigo. Un dos cadros que da luz ás paredes do meu estudio é precisamente un poema de Ángel González caligrafado por Lázaro. En 2002, xusto o día en que Manolo Barreiro e mais eu, afogados por unha náusea de chapapote, presentabamos conxuntamente Area Maior e A casa da duna en Vigo, dous libros casualmente premonitorios, Lázaro Enríquez inauguraba, exactamente á mesma hora, unha exposición nun café cercano ao Paseo de Alfonso. A coincidencia impediume acudir á inauguración da súa exposición. E deume moita rabia, entre outros motivos, porque se exhibían poemas que el caligrafara, arte na que era un auténtico experto e na que tiña obtivera considerables éxitos internacionais. Entre os poemas, había un meu, que Lázaro escollera de Subversións. Evidentemente, eu tiña moito interese en mercarlle aquel cadro. Moi ao meu pesar, cando acudín ao día seguinte a ver a exposición, o cadro coa caligrafía do meu poema xa estaba vendido. Comprouno un locutor da SER, díxome alguén por alí. A cuestión é que, ante o meu disgusto, Lázaro, sempre disposto, comprometeuse a facer unha nova pero distinta versión do meu poema, que desde entón loce nas paredes do meu estudio. Pero a súa xenerosidade sorprendeume, ademais, cun agasallo excepcional. Elixiu cinco poemas meus e, con eles, sobre cartulina negra e encadernado con espiral, construíu un fermosísimo caderno de vinte páxinas, marcadamente erótico e brillantemente ilustrado, que gardo nas entrañas da miña librería coma se fose o máis prezado tesouro do mundo. E, no salón da miña casa, outro íntimo tesouro: o caligrama, tan plástico e deslumbrante, que fixo co meu poema sobre o xe, posteriormente publicado en Espazo para un signo, esa brillante idea do ilustrador cubano que Xerais asumiu entre os libros do seu XXV aniversario. E, como consecuencia dun agasallo das miñas compañeiras e compañeiros de Xerais á miña filla maior, nas estancias que habito respiran dúas das ilustracións de Paxaros de papel, o álbum que Lázaro lle propuxo a Marilar Aleixandre.Lázaro, Lázaro. Adeus, Lázaro. Nos últimos meses, andaba se cadra un chisco desanimado; faltáballe a saiba da papaia, o rumor do seu mar no Malecón. Por desgraza, en Xerais non volveremos escoitar a Helena Pérez emulando o seu acento cubano cando falaba con el. E a min quédame a pena e a rabia de non ter levado a cabo un proxecto común que tantas veces nos prometemos: un poemario escrito por min e ilustrado por el. Non puido ser. A súa obra, sen dúbida, é excepcional pero, para min, o seu maior legado foi a súa amizade e a súa inusitada bondade.

7.12.05
Manipulación
Esta noite chamáronme por teléfono para avisarme de que na segunda cadea da TVE había un documental sobre o conflicto do Sáhara. Prendín o meu enferruxado televisor e senteime fronte a pantalla. Cando rematou, descubrín que se trataba do programa En portada, e debo confesar que quedei espantado co enfoque promarroquí da reportaxe. Os espectadores puidemos ver imaxes do Aaiún ocupado (cousa case inédita, que me satisfizo ver) que, con seguridade, lles permitiron gravar aos xornalistas porque o programa gozaba das simpatías das autoridades marroquís. Só así se explica que se entrevistasen a tantos cargos intitucionais alauís partidarios da integración do Sáhara e non se entrevistase a ningún membro da resistencia saharauí e nin sequera se falase da intifada e da durísima represión. ¿Esa é a imparcialidade de TVE? Como dicía Rafaela Carrá, bravísimo.
23.11.05
Bancos
Acaba de chegarme unha amable carta da miña entidade bancaria na que me ofrecen un «fantástico» servizo. Pídenme que acuda á oficina para retirar unha clave que me dará acceso ás miñas contas a través da rede e de xeito personalizado. Con tal ferramenta, que xentilmente me ofrecen como un servizo incuestionable, poderei consultar o saldo por internet, facer transferencias, movementos, solicitar tarxetas, etc.. coa vantaxe, dinme, de que aforro desprazamentos e xestións innecesarias. O que non me din, claro, é que o fan, sobre todo, porque á devantida entidade lle vai supoñer un importante aforro económico por recorte de persoal, e vai poder aliviar a súa carga de traballo implicando ao cliente para que sexa el mesmo quen xestione os servizos. E que pasará logo? Pois o que sucederá xa se practica nalgúns países desenvolidos. En canto o acceso bancario a través da rede estea extendido, cobraránlles unha comisión aos clientes que prescindan de internet e acudan fisicamente á entidade bancaria. Non se trata de ciencia ficción: hai lugares nos que xa é unha realidade. De feito, nestes momentos en Galicia xa se limita tiranicamente o horario de oficina para o pago de recibos non domiciliados. A banca é así de xenerosa. Sempre ofrécendolle servizos ao cliente.
O texto anterior
No meu texto anterior reproduzo a miña columna de contraportada de A Nosa Terra desta semana (que non se pode ler na rede). Non adoito reproducir aquí artigos publicados noutros lugares, pero fágoo polo interese do tema para Cabrafanada. Fronte a esa realidade, a outra, miña: cada publicación dun pequeno texto no blog cústame unha eternidade de tempo, xa que o meu ADSL non funciona por culpa de Telefónica ou de Fenosa, que non o sei, pois reponsabilízanse mutuamente a unha á outra. E volvendo ao tema do marqueting na rede, o autor do libro do que falaba chega a cuestionar, cara un futuro próximo, a primacía da publicidade na televisión, argumentando que os nenos americanos xa pasan máis horas en internet que diante do televisor e que, ademais, está avanzando un tipo de gravadoras para TV que detectan a publicidade e suprímena.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)