¡Xa me dixeron que abriches unha libraría! proferiu antonte unha amiga coa que topei na rúa. O seu comentario non me colleu por sorpresa. Algo semellante afirmaran xa varias persoas máis. Eu sempre me preguntei –agora moito máis– que tipo de individuo ocioso e enxeñoso será ese que pon a andar determindados ruxe ruxe sabendo que son falsos. Desde un cercano día que tiven a honra de apadriñar, cunhas palabras, o acto de inauguración da Librería Meendinho, que uns amigos abriron no barrio vigués das Travesas, corre pola cidade o ruxe ruxe de que eu son socio e propietario da devandita librería. Así que aproveito este espacio sideral para desmentilo.
Unha vez, hai un par de anos, nun acto matinal en que participei con Xurxo Souto, preguntoume se eu sabía se era certa unha noticia que lle acababan de dar: a suposta morte do músico Rodrigo Romaní. Eu nada sabía ao respecto, pero Xurxo parecía bastante incrédulo co asunto. Curiosamente, o mesmo día, pola tarde, a noticia chegou novamente a min por outra vía. Algúns días despois puiden confirmar que aquel macabro ruxe ruxe se estendera coma a mala herba. Afortunadamente era falso e Rodrigo Romaní sigue vivo e harpeando.
O ruxe ruxe que a min me afecta (o da libraría) non é tan sórdido pero non deixa de producir efectos sorprendentes: xa houbo unha persoa que me solicitou traballo na devandita libraría.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.