O proxecto
que
Espazo Lectura levou a cabo en
Gondomar
durante os últimos 16 anos é tan singular e poderoso que non existe nada igual
nin en Galicia nin no Estado español. Díxoo o sábado a escritora, actriz e
contacontos
Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.
Díxoo na inauguración das novas
instalacións da Casa da Lectura. E é certo. O acto do sábado supuxo o remate da
primeira fase do futuro proxecto do Museo do Conto creado hai dez anos por Espazo Lectura e que agora comeza a facerse realidade.
O proxecto do Museo do Conto, a cargo do
arquitecto Vicente Pintos, é moi singular e
ten moito máis que ver cun Centro de Dinamización do Libro e a Lectura que cun
museo convencional; o seu perfil convérteo, atención, en vangarda da
dinamización lectora en lingua galega.
O proxecto do Museo do Conto está
situado nun terreo na parroquia de Donas, en Gondomar, entorno rural. Consta
de 5 pequenos edificios, dos que 2 xa están construídos e en funcionamento, e nace
do edificio inicial denominado «Casa da Lectura», con programación desde 2009.
A asociación Espazo Lectura deseña a
dinamización desde 2008 (aínda que hai actividades desde 2006) a través do
traballo desinteresado dun voluntariado que adoita rondar as 30 persoas que en
2009 recuperou unha escola infantil en desuso para convertela na Casa da
Lectura.
Ao longo destes anos, Espazo Lectura
apostou por unha programación estable, gratuíta e permanente, que case nunca é
noticia, pero que ten unha enorme consistencia na práctica lectora, e a
asociación foi capaz de renovarse permanentemente e atraer xente nova.
O voluntariado de Espazo Lectura foi
quen de manter estable unha oferta de dinamización lectora infantil e para
adultos gratuíta abraiante: 82 sesión de Contos en Cueiros (dinamización
lectora para bebés); 397 sesións do Contomar (sesións de contacontos na
biblioteca municipal); 336 sesións dos Mércores da Casa da
Lectura (dinamización lectora aberta a outras disciplinas); 128 sesións do Lendo
Contigo (club de lectura infantil); 74 sesións do Comando Le (actividade
lectora pra adolescentes); 138 sesións do Sete Vidas (lectura de narrativa); 137 sesións do Lecturas Debuxadas (club
de lectura de novela gráfica); 22 sesións do Daquelas que len (club de lecturas
feministas); 12 Noites na biblioteca; 11 Fogueiras dos Versos (lectura poéticas
arredora da fogueira en San Xoán); 16 Dar de Ler (lecturas en voz alta); ademais doutras moitas actividades como
Noites Golfas, Club de Formación Lectora e Oficina de Formación (para
autoaprendizaxe do voluntariado); obradoiros de ilustración; programación
teatral; Sentada Lectora; Accións poéticas na rúa; xornadas escolares, para
familias; actuacións relacionadas cos libros para os centros de ensino; e tamén concertos
musicais da Banda dos Cueiros, un grupo de música infantil nacido da actividade
lectora para bebés Contos en Cueiros que gravou un disco cos temas das sesións
e realizou numerosas actuacións e algo moi importante: préstamo
bibliotecario dentro do proxecto Meiga da Rede de Bibliotecas de Galicia,
porque Espazo Lectura conta cunha biblioteca en lingua galega permanentemente
actualizada grazas ás 17 editoras que son socias protectoras da asociación.Polas actividades de Espazo Lectura pasaron un inxente número de escritoras/es ilustradoras/es, contacontos,
espectáculos e todo tipo de dinamizadoras/es, que sempre foron e son
retribuídos polo seu traballo profesional porque Espazo Lectura entendeu desde o
principio que o voluntariado tiña que limitarse ás persoas, non profesionais,
que manteñen o traballo da asociación pero nunca debía estenderse aos
profesionais que son chamados para conformar a programación.
A primeira fase do proxecto do Museo do
Conto foi financiado polo Concello de Gondomar
e pola Deputación de Pontevedra e no acto de inauguración participaron a
presidenta de Espazo Lectura Beatriz Núñez;
o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o
subdelegado do goberno en Galicia Abel Losada;
a vicepresidenta Yaiza Peixoto; e a
expresidenta Concha Costas. O acto tivo unha
forte carga emotiva para todas as persoas que nalgún momento fomos partícipes
do proxecto Espazo Lectura e esa emotividade
está relacionada coa
enerxía emocional que supón axudar a descubrir nos demais o proceso cognitivo da
lectura; de feito, poucas veces teño visto expresar con tanta emoción o seu
traballo como ás persoas que se entregan á dinamización lectora
Na
actualidade, Espazo Lectura, con arredor de 1.500 actividades realizadas ata o
de agora e o ambicioso proxecto de finalizar o Museo do Conto, supón un soporte
enormemente simbólico para o libro e a lectura en lingua galega por
iso nestes momentos desde Espazo Lectura estase prepar tamén unha longametraxe documental para
difundir como se foi conformando a asociación, o significado real de todo
traballo feito ao longo dos anos e a súa proxección de futuro.
Espazo Lectura non ten os medios da magnífica Fundación Germán Sánchez Ruipérez pero posúe un tesouro tremendamente valioso: a plusvalía humana que xenera o
seu voluntariado e unhas ganas enormes de ser un modelo a imitar a favor da
lectura.