Xoán Abeleira, que é o que se di comunmente un bo tipo, é tamén un tradutor magnífico, e fíxome chegar unha das súas excelentes traducións. En exclusiva, para Cabrafanada, aí vos vai un poema de Robert Desnos, en galego e da man de Xoán (que tamén foi o tradutor de Desnos para Hiperión, xunto con Ada Salas). Grazas, colega.
[Pasatempo: fíxese atentamente nas diferencias entre as dúas fotografías e trate de adiviñar quen é Desnos e quen é Xoán Abeleira]
NON, O AMOR NON MORREU
Non, o amor non morreu niste corazón nistes ollos nesta boca que proclamaba o inicio dos seus funerais.
Oíde, estou farto do pintoresco, e das cores, e do encanto.
Eu amo o amor, a súa tenrura e a súa crueldade.
O meu amor non ten máis ca un só nome, unha soa forma.
Todo pasa. Outras bocas apéganse a esta boca.
O meu amor non ten máis ca un nome, non ten máis ca unha forma.
E se algún día te lembras dil,
Ah ti, forma e nome do meu amor,
Un día na mar entre América e Europa,
Á hora na que a derradeira loaira reverbera na ondulada superficie das vagas, ou ben unha noite de trebón so unha árbore no agro, ou nun coche veloz,
Unha mañá de primavera no bulevar Malesherbes,
Un día de choiva,
Ó alborar, antes de deitarte,
Dite −ordénolle á túa pantasma familiar− que eu fun o único que te amou máis cá todo, e que foi unha mágoa que non o coñeceras.
Dite que non paga a pena lamenta−las cousas: Ronsard antes ca min, e Baudelaire, cantaron o queixume das anciás e das mortas que desprezaron o máis puro amor.
Ti, cando morras,
Aínda serás belida e desexable.
Eu xa estarei morto, enteiramente encerrado no teu corpo inmortal, na túa abraiante imaxe presente para sempre entre as perpetuas marabillas da vida e da eternidade.
Mais, se vivo,
A túa voz e o seu son, a túa ollada e os seus raios,
O arrecendo de teu e o do teu pelo, e moitas outras cousas máis persistirán en min,
En min que non son nin Ronsard nin Baudelaire,
En min que son Robert Desnos e que, só por coñecerte e por amarte,
Vallo tanto coma iles.
En min que son Robert Desnos, para te amar,
E que non quero vencellar ningunha outra sona ó meu recordo
Nesta terra desprezable.
Robert Desnos, Á misteriosa.
Tradución de Xoán Abeleira
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.