1.11.06

Cartas de amor

O meu novo libro de relatos, Cartas de amor, estará en breve nas librarías. Será publicado na colección Fóra de Xogo e, malia o que poida parecer polo título, non hai nos contidos ningún tipo de concesión á narrativa rosa nin ao melifluo. As miñas lectoras e lectores saben que ese non é o meu estilo. Cartas de amor, que en realidade é un libro de compromiso, consta dun pequeno prólogo meu e nove relatos, todos protagonizados por mulleres. Este é o texto da contraportada do libro, que aínda está na imprenta: «As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración... E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais –persoais ou sociais– moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade». A fotografía da cuberta é de Manuel G. Vicente e fíxoa durante unha viaxe que realizamos xuntos a Centroamérica, hai sete anos.

Ningún comentario: