30.11.06

Paradoxos

Ten gracia. No relato que escribín sobre a cultura urbana hai unha parte onde a protagonista reflexiona sobre os medos, que hoxe son urbanos e moi distintos dos antigos medos rurais, que se fundamentaban, ademais de nunha realidade moi distinta, na mitoloxía, no descoñecido, e en, definitiva, na irracionalidade. Os medos de hoxe,que son urbanos, teñen unha xustificación no tanxible ou no visible, no inmediato (atención, daquela, cando se escribe literatura de terror pois para ser contemporáneo hai que ser consecuente con isto). Ben, pois eu teño o paradoxo metido dentro da casa: a miña filla pequena tenlle medo aos lobos, un animal que non coñece, que non está ao seu arredor e que non constitúe ningún tipo de ameaza real para ela. ¿Por que? Pois a razón é moi simple: porque son os protagonistas malos e perversos dos contos infantís de sempre (e porque a súa irmá maior se divirte asustándoa con eles). Neste caso, é a propia literatura a que fai revivir os medos máis tradicionais, os máis inxustificados hoxe. Paradoxos da vida.

Ningún comentario: