15.11.06

Cabrafanada deixa o chupete

Cabrafanada deixa, por fin, o chupete. Porque cumpre tres anos. Hai tres anos, precisamente, en novembro de 2003, lanceime en caída libre ao ciberespazo. Aínda que os primeiros post de Cabrafanada non apareceron até o 5 de xaneiro de 2004, porque decidín inaugurar o meu cosmocaderno coa entrada do novo ano (e porque precisaba ese tempo para afacerme ao manexo de tan estraño aparello), foi no mes de novembro do 2003, como podedes ver no meu perfil –inaccesible no anterior deseño– cando me precipitei irresponsablemente ao baleiro. A caída foi dura. Batín contra o html e rompín cinco costelas, un xeonllo e tres dentes. O dos dentes foi unha maldición para Cabrafanada, que lle ten auténtico terror aos dentistas. Pero tamén un signo de identificación. Tres anos despois daquela botadura, e logo dunha cosmotravesía escrita con paixón intermitente, Cabrafanada decidiu mudar a súa imaxe. Hoxe atreveríame a dicir que aqueles inicios foron tempos memorables (memorablemente horribles). Cando menos para esta cabra sen dentes, que nada sabía de como manexar aquelas insolentes plataformadas chamadas blogs. Síntoo, se parece que estou a falar da prehistoria, pero tres anos no ciberespazo parécenme unha eternidade cósmica. Ao principio, embarrancaba con extremada frecuencia na pérfida arañeira do html. E, por se fose pouco, as entrañas do meu blog só se comunicaban comigo naquel inglés técnico cabrón que me custaba tanto descifrar. Aínda non había opción de manexarse noutras linguas. Daquela, o de subir imaxes era só para iniciados e recoñezo que eu quedaba abraiado con aqueles primeiros blogs dedicados ás imaxes ou cos que conquistaban deseños propios. Eran outros tempos. Blogger nin sequera ofrecía a opción de engadir espazos para os comentarios, así que, con moito esforzo, tiven que ir buscalos a outra web: Haloscan. Hai aproximadamente un ano atrás (¿foi hai un ano ou máis?) todos os comentarios que xenerosamente deixastes rubricados en Cabrafanada desapareceron por arte e maxia de Haloscan, sen previo aviso. Perdinos todos e pídovos desculpas por iso. Con gran fastidio pola miña parte, as vosas palabras perdéronse no ciberespazo. Pero os tempos avanzaban. A rapidísima popularización e demanda dos blogs fixo que a propia evolución das ferramentas de blogger sexa impresionante, igual que as webs de axuda. Con algunhas cosmoestradas aínda pendentes, o ciberespazo, hoxe, está bastante ben sinalizado. Tres anos despois do seu big ban, Cabrafanada renóvase, cambia o seu rostro, peitéase con coquetería e incorpora, con prudencia, algunhas imaxes e outras futuras aportacións. Cabrafanada é Cabrafanada. Nin posúe a destreza duns nin a teimosía doutros. Durante todo este tempo, debido ás miñas ocupacións (os escritores tamén temos que escribir algo de ficción, para disimular e que nos sigan chamando escritores) Cabrafanada camiñou lenta (pero segura), inconstante (pero firme), irregular (pero con futuro). Outras veces, a forzada intermitencia debeuse a incomprensibles problemas de suministro eléctrico, que fan que de cando en vez o meu adsl se poña en folga. Hai unhas semanas, como nos tempos de María Castaña, tiven que conectar o meu ruter a unha pila de regularización da tensión eléctrica. Aínda ignoro con que ollos acollerá este inverno o meu novo invento técnico. ¿Parece que vivo no Courel? Pois non é así, vivo no Val Miñor. En fin, dicíavos que atendendo á evolución do ciberespazo Cabrafanada é unha engurrada ancianiña, pero atendendo ao futuro, Cabrafanada é un simple, humilde e impredicible embrión. E o único que pode dicir dese futuro é que se trata dun burato cósmico insondable.
Cabrafanada é o blog dun escritor que se cadra non escribe tanto sobre literatura como sobre a vida, sobre o cotián, sobre os seu libros, e sobre a vida e o cotián en relación cos seus libros. Ou se cadra equivócome. Se cadra Cabrafanada é outra cousa e eu non a percibo como debería. En todo caso, son as miñas lectoras e lectores quen xulgan. Eu, o único que podo facer hoxe é recuperar un par de frases do post inaugural: «Cabrafanada é un espacio persoal para a opinión e a creación, desde a improvisación, desde a cotianidade, desde o arrebato da paixón, un espacio que me permito a arroutada de lanzar, dolorosa e alegremente, contra o enigmático baleiro cósmico. Cabrafanada é unha inconsciencia, un espacio persoal crítico e creativo, furtado ao día a día e escrito co motor da paixón, da visceralidade». E así foi como comecei. Moitas grazas a tod@s polo voso apoio.

Ningún comentario: