22.11.05
Faktoria K de Libros
Esta tarde estiven na presentación dun novo selo editorial, Faktoría K de Libros, un ambicioso proxecto que nace ligado a Kalandraka, bos amigos de meu, e que hoxe foi presentado publicamente nun ateigado auditorio do Verbum, a viguesa Casa das Palabras. Faktoría K agroma coa ambición de cubrir varias liñas editoriais e cun perfil moi ligado aos libros de arte. Un proxecto ambicioso, rigoroso e, de seguro, con moito futuro. O papel renovador de Kalandraka na edición galega e a potencia da súa imaxe exterior son xa hoxe conquistas de gran calado para a nosa cultura. A semana pasada acudín coa miña filla a Libros para Soñar para ver o espectáculo musical Pedro e o lobo e alí tiven ocasión de ver algúns dos libros que hoxe deu a coñecer Faktoría K. Cabrafanada brinda pola nova Faktoría K. Saúde e longa vida.
20.11.05
Querido Florentino:
Escríboche para ver se podes comentarlle ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Verás, explícocho: na miña casa, situada na área metropolitana de Vigo, é dicir, nun lugar bastante civilizado, a luz eléctrica oscila contantemente, ocasionándonos algunha que outra molestia. Por exemplo, as bombillas cambian a intensidade da luz coma se estivesemos nunha discoteca. E nin as miñas fillas teñen aínda idade de ir bailar cos mozos nin eu estou xa para eses trotes. Ademais, de cando en vez o microondas perde a súa potencia e non quenta o café con leite. E comprenderás que non é cousa de estar vinte minutos esperando a que quente, filliño. Así, claro, os electrodomésticos tenden a queimársenos con extrema facilidade. Descóntasnolo da factura da luz? Grazas, non podía eu menos que confiar na túa xenerosidade. Outra cousiña, por certo. Que o ordenador se me queda colgado con frecuencia, polos vosos altibaixos. Si, fillo, e cando estou conectado á rede é un fastidio (sabes o que é a rede, non?). Comprenderás que non podo estar dez minutos esperando a que cada operación se me confirme cando escribo en Cabrafanada. Home, xa sei que non é o Marca, filliño, pero eu tamén teño os meus lectores. Sei que ti me comprendes porque es unha persoa aberta. Así que, por favor, non o esquezas e dille ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Moitas grazas, filliño. Se non chega a ser por ti...
19.11.05
Túnez
Esta noticia lémbrame o que me sucedeu unha vez, viaxando por Túnez, hai xa anos. Dixiríame nun tren desde o sur do país á capital, no norte. Durante o traxecto subiu ao tren un individuo que sentou á miña beira e de alí a pouco tentou establecer conversa comigo. Ao longo da viaxe foi interesándose por diferentes cuestións sobre a miña orixe e a miña cultura e logo, con moita habilidade, pasou a interesarse polos motivos da miña viaxe e polas miñas opinións políticas. Como eu coñecía varios países árabes, fíxome tamén diversas preguntas sobre eses países, e moi especialmente quixo saber a miña opinión sobre Túnez. Estaba moi interesado na miña visión persoal da situación política e social do seu país. Case ao final da conversa preguntoume a miña profesión. Xornalista, díxenlle eu, que daquela exercía a miña actividade profesional nun diario. Perigosos individuos, os xornalistas, contestoume expresivamente. De seguido, pregunteille pola súa profesión. O individuo levou a man ao peto da chaqueta e sacando unha placa identificativa contestoume: policía secreto.
17.11.05
Esperanza
Magnífica noticia para o mundo enteiro, esta de hoxe, aínda que por veces pareza coma se o asunto nada tivese que ver cos países desenvolvidos. Pero nesta pequena aldea global en que vivimos, todos os problemas son de todos. Esa é a única verdade. E quen non o queira ver é porque pon unha venda nos ollos.
27.10.05
Manila
Como adoita suceder no trópico, ás seis e media a noite deita o seu alento de escuridade sobre Manila. O bafo da calor tropical, que permanece apegado ás ruas, ás casas e ás xentes, mantense case coa mesma intensidade que durante o día. Manila é un enorme barco de bambú que flota entre o Oceano Índico e o Pacífico. Cos seus 12 millons de habitantes (oficiais), hai unha Manila en cada rúa, en cada esquina, en cada un dos seus barrios xigantescos. De mañá, o ceo filipino abrese á luz e deixa ver as tripas dunha urbe onde a miseria máis terrible, en Quiapo, en Tondo, convive coa opulencia ostentosa de Makati, o barrio financeiro. O viaxeiro degusta en Manila un constante sabor agridoce onde se mistura a pobreza, o azucre, o mango, a vitalidade, a subsistencia, a desgracia, o mar, a humidade... As súas desproporcionadas medidas, inhumanas, fan dela unha cidade permanentemente atascada e fortemente contaminada que, aínda así, non da agachado a insobornable calidez dos seus habitantes. Manila é un punto de luz esquecido no mapa dun planeta gobernado polo narcisimo. Desde Manila, onde nestes momentos escribo, Cabrafanada deixase embargar pola humidade pengañenta deste país duro e doce coma o coco.
31.8.05
Cultura solidaria
Os membros de Cultura Solidaria Galega inauguramos mañá ás oito da tarde, na Casa do Libro de Vigo a exposición As pegadas no camiño, resultado do traballo de doce pintores e outros tantos escritores logo de percorrer o Camiño de Santiago a iniciativa de Acción contra a Fame nunha acción de solidariedade e compromiso ante a falta de auga no mundo. No acto participarán escritores como Camilo Franco, Francisco Fernández Naval, Olga Patiño e eu mesmo,e pintores como Encarna González ou Mercedes Vicente. Na sala expoñerase a obra gráfica dos doce pintores, que estará á venda a favor das accións solidarias de Acción contra a Fame e poñerase a disposición do público o libro editado cos traballos dos creadores literarios e gráficos.
Reproduzo a continuación a nota de prensa da organización:
A exposición “As Pegadas do Camiño: Un Camiño Solidario”, formada por perto de 30 obras dos artistas integrantes de Cultura Solidaria Galega, inaugurase o próximo xoves (día 1 de setembro) ás 20 horas na Casa do Libro ( Rúa Velázquez Moreno, 27. Vigo. Tlf: 986 44 16 79). Permanecerá exposta ata o día 15 de xuño.
Esta actividade ten a súa orixe no proxecto que, baixo o mesmo nome, desenvolveu Acción contra a Fame co gallo do Día Mundial da Auga, o pasado 22 de marzo, para o que contou coa colaboración desinteresada de vinte representantes do mundo da arte e da cultura galega, que durante cinco días percorreron o tramo galego do Camiño Francés.
Durante os cinco días que durou a peregrinación a Compostela, os artistas tiveron a oportunidade de plasmar as súas impresións nunha multitude de textos, poemas, relatos e lenzos. Moitos deles forman hoxe parte desta exposición.
Alfonso Costa, Eva Veiga, Camilo Franco, Rafael R. Massiá, Manuel Patinha, Fran Alonso, Francisco Fernández Naval, Olga Patiño, Maribel Longueira, Encarna González, Mercedes Vicente, etc., son algúns dos vinte artistas que prestaron o seu apoio a este proxecto e que na actualidade integran Cultura Solidaria Galega, un colectivo que nace con esta peregrinación e que ten o obxectivo de apoiar coas súas actividades o labor de Acción contra a Fame, destinado a combater a fame no mundo e crear unha cultura solidaria sobre esta problemática que afecta a mais de 800 millóns de persoas no mundo.
No acto de inauguración tamén se vai facer a presentación do libro editado con este motivo e que recolle tanto os lenzos elaborados polos pintores coma os poemas e relatos creados polos escritores ao seu paso pola ruta xacobea e que deixan constancia da experiencia vivida polos participantes no seu camiño solidario a Santiago.
Tanto as obras de arte coma o libro serán postos á venda e os fondos recadados destinaranse aos proxectos que Acción contra a Fame desenvolve en todo o mundo.

21.7.05
Descanso
Cabrafanada marcha de vacacións. Vai percorrer o mundo, na procura dun dentista que lle bote un ollo á súa dentadura. En setembro, Cabrafanada estará de regreso, coa cabeza aireada noutras latitudes e as forzas renovadas. Até entón, e moito obrigado pola vosa paciencia caprina. Que os aires do verán vos sexan propicios.
Excelente entrada
A imaxe que o BNG e o PSOE están a dar das negociacións é magnífica. Todo un exemplo de entendemento e bo facer que espero que se manteña durante toda a lexislatura. Parabéns.
Canallada
O que está a facer o goberno en funcións do PP antes de marchar é unha auténtica canallada: conceder subvencións millonarias, pechar os concertos educativos para os próximos catro anos, buscar o xeito de blindar os seus altos cargos, conceder as licencias da televisión dixital... todo un exemplo do nepotismo co que gobernaron. Que Belcebú os manteña ben doradiños nese inferno no que eles mesmos cren.
2.7.05
O suicidio do poeta
Logo de tanta extenuación política, hoxe a literatura volve a Cabrafanada. Vouvos ofrecer un texto impresionante, traducido ao castelán (Hiperión) polo poeta galego Xoán Abeleira hai xa cinco anos. Trátase dun libro do poeta africano Jean-Josep Rabearivelo (1901-1937). O malgache Rabearivelo foi un escritor de expresión francófona (como case todos os africanos dos que chegamos a saber algo, escribiu na lingua colonial) e na súa "Última páxina dos Cadernos Azuis" (Diario inédito do autor) vai poetizando, en directo, o seu suicidio. É, daquela, o derradeiro texto que escribiu na súa vida. Aínda que a traducción ao castelán de Abeleira é moito mellor que a miña ao galego, que parte da súa (as miña desculpas), obviamente, ofrézovolo en galego pois así é como teño o texto dixitalizado, logo de que o traducise hai dous ou tres anos para lelo nunha emisora de radio e, posteriormente, nalgún centro de ensino. O texto que vos ofrezo está estractado:
Última páxina dos Cadernos Azuis
—Ás 14 horas menos 9 minutos do meu reloxo, tomo 14 pílulas de 0,25 miligramos de quinina, para ter a cabeza ben pesada e aturdida. E un pouco de auga para engulilas.
A idade de Guérin, á idade de Deube
un pouco máis vello ca ti, Rimbaud anti-nada,
dado que esta vida móstrase demasiado rebelde
e que a abella esgotou todo o polen posible,
nada queda por desputar, nada que agardar,
agás, tendido sobre a area ou a pedra, baixo a herba,
botar unha ollada tenra
sobre todo aquilo que algún día formará gavelas.
(…)
Pero, ¿qué presencia máis pura pode haber
que a de estar rendido a ti, oh doce Nai, oh Terra?
Todos nos reencontraremos na túa soidade
poboada e deserta coma o océano.
E cada vez que aquí arriba sople o vento do sur
os de abaixo charlaremos dos supervivintes.
(…)
Pero xa sinto o ulido do pó
e das herbas; xa escoito a chamada da miña filla,
¡ah! por pouco que o esquecemento siluetease os vosos ollos de terra
¡lembrádevos algunha vez de nós, tranquilos nas nosas cavernas!
—Ás 14 horas 37 minutos do meu reloxo.
A quinina comeza a facer efecto; nun pouco de auga con azucre, vou tomar máis de 10 gramos de cianuro potásico (…)
Bico o álbum familiar. Envíolles un bico aos libros de Baudelaire que teño no outro cuarto.
15 horas 2 minutos. Vou beber isto. Xa está.
Mary, fillos, os meus pensamentos, os meus últimos pensamentos, son para vós.
Inxiro un pouco de azucre. Afogo. Voume tumbar.

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)