7.12.05

Manipulación

Esta noite chamáronme por teléfono para avisarme de que na segunda cadea da TVE había un documental sobre o conflicto do Sáhara. Prendín o meu enferruxado televisor e senteime fronte a pantalla. Cando rematou, descubrín que se trataba do programa En portada, e debo confesar que quedei espantado co enfoque promarroquí da reportaxe. Os espectadores puidemos ver imaxes do Aaiún ocupado (cousa case inédita, que me satisfizo ver) que, con seguridade, lles permitiron gravar aos xornalistas porque o programa gozaba das simpatías das autoridades marroquís. Só así se explica que se entrevistasen a tantos cargos intitucionais alauís partidarios da integración do Sáhara e non se entrevistase a ningún membro da resistencia saharauí e nin sequera se falase da intifada e da durísima represión. ¿Esa é a imparcialidade de TVE? Como dicía Rafaela Carrá, bravísimo.

23.11.05

Bancos

Acaba de chegarme unha amable carta da miña entidade bancaria na que me ofrecen un «fantástico» servizo. Pídenme que acuda á oficina para retirar unha clave que me dará acceso ás miñas contas a través da rede e de xeito personalizado. Con tal ferramenta, que xentilmente me ofrecen como un servizo incuestionable, poderei consultar o saldo por internet, facer transferencias, movementos, solicitar tarxetas, etc.. coa vantaxe, dinme, de que aforro desprazamentos e xestións innecesarias. O que non me din, claro, é que o fan, sobre todo, porque á devantida entidade lle vai supoñer un importante aforro económico por recorte de persoal, e vai poder aliviar a súa carga de traballo implicando ao cliente para que sexa el mesmo quen xestione os servizos. E que pasará logo? Pois o que sucederá xa se practica nalgúns países desenvolidos. En canto o acceso bancario a través da rede estea extendido, cobraránlles unha comisión aos clientes que prescindan de internet e acudan fisicamente á entidade bancaria. Non se trata de ciencia ficción: hai lugares nos que xa é unha realidade. De feito, nestes momentos en Galicia xa se limita tiranicamente o horario de oficina para o pago de recibos non domiciliados. A banca é así de xenerosa. Sempre ofrécendolle servizos ao cliente.

O texto anterior

No meu texto anterior reproduzo a miña columna de contraportada de A Nosa Terra desta semana (que non se pode ler na rede). Non adoito reproducir aquí artigos publicados noutros lugares, pero fágoo polo interese do tema para Cabrafanada. Fronte a esa realidade, a outra, miña: cada publicación dun pequeno texto no blog cústame unha eternidade de tempo, xa que o meu ADSL non funciona por culpa de Telefónica ou de Fenosa, que non o sei, pois reponsabilízanse mutuamente a unha á outra. E volvendo ao tema do marqueting na rede, o autor do libro do que falaba chega a cuestionar, cara un futuro próximo, a primacía da publicidade na televisión, argumentando que os nenos americanos xa pasan máis horas en internet que diante do televisor e que, ademais, está avanzando un tipo de gravadoras para TV que detectan a publicidade e suprímena.

A rede

Ás veces, o azar fai que os libros máis insospeitados se convertan en lecturas apaixonantes. Un tratado sobre marqueting en internet, aparentemente aburrido, que a casualidade puxo nas miñas mans, levoume a unha reflexión sobre as perspectivas da rede e o seu futuro. Aínda estamos nos alicerces do desenvolvemento de internet e, nese sentido, canto máis medre, máis tensións e intereses económicos e políticos vai canalizar. O autor do libro non é un analista crítico senón un especialista en publicidade e comercio (un experto niso que agora se chama e-business) que intenta descubrirlle ao lector interesado as claves para vender os produtos da súa empresa. E, nese proceso, sorprende ao lector con datos, anécdotas e revelacións interesantes. A conclusión máis destacable que se pode extraer do libro, sen que ese sexa o propósito do autor, é a evidencia de que para o usuario da rede é imprescindible manter unha actitude selectiva ante os contidos e un comportamento crítico coa súa utilización. A popularización da rede é irreversible. O acceso individual a internet desde a aula será no futuro unha premisa irrenunciable; a rede como ferramenta didáctica, como formación, con todas as súas posibilidades. Así que se configura como necesaria unha aprendizaxe para a utilización crítica deste novo e fantástico medio que é Internet.
Unha das partes máis interesantes do libro é a que fala do «marqueting viral», é dicir, a publicidade «simpática» ou «impactante» que determinadas marcas fan circular a través dos nosos corrreos electrónicos. E tamén analiza o potencial comercial da «blosfera», tanto para a expansión do marqueting viral como para a utilización dos blogs como ferramenta comercial. O blog é un medio de comunicación que non precisa grandes investimentos (e as empresas tratan de facelos seus); moitos deles son utilizados para fomentar debates sobre determinadas marcas. As marcas máis comentadas optimizan as súas posicións en buscadores como Google. E, por se non abondase, o libro fala dos beneficios que as campañas críticas con algunhas marcas (como Nike) lles xeran ás empresas ao popularizaren as súas páxinas web. Sen dúbida, o futuro debe repensar a rede con criterio e cautela.

22.11.05

Faktoria K de Libros

Esta tarde estiven na presentación dun novo selo editorial, Faktoría K de Libros, un ambicioso proxecto que nace ligado a Kalandraka, bos amigos de meu, e que hoxe foi presentado publicamente nun ateigado auditorio do Verbum, a viguesa Casa das Palabras. Faktoría K agroma coa ambición de cubrir varias liñas editoriais e cun perfil moi ligado aos libros de arte. Un proxecto ambicioso, rigoroso e, de seguro, con moito futuro. O papel renovador de Kalandraka na edición galega e a potencia da súa imaxe exterior son xa hoxe conquistas de gran calado para a nosa cultura. A semana pasada acudín coa miña filla a Libros para Soñar para ver o espectáculo musical Pedro e o lobo e alí tiven ocasión de ver algúns dos libros que hoxe deu a coñecer Faktoría K. Cabrafanada brinda pola nova Faktoría K. Saúde e longa vida.

20.11.05

Querido Florentino:

Escríboche para ver se podes comentarlle ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Verás, explícocho: na miña casa, situada na área metropolitana de Vigo, é dicir, nun lugar bastante civilizado, a luz eléctrica oscila contantemente, ocasionándonos algunha que outra molestia. Por exemplo, as bombillas cambian a intensidade da luz coma se estivesemos nunha discoteca. E nin as miñas fillas teñen aínda idade de ir bailar cos mozos nin eu estou xa para eses trotes. Ademais, de cando en vez o microondas perde a súa potencia e non quenta o café con leite. E comprenderás que non é cousa de estar vinte minutos esperando a que quente, filliño. Así, claro, os electrodomésticos tenden a queimársenos con extrema facilidade. Descóntasnolo da factura da luz? Grazas, non podía eu menos que confiar na túa xenerosidade. Outra cousiña, por certo. Que o ordenador se me queda colgado con frecuencia, polos vosos altibaixos. Si, fillo, e cando estou conectado á rede é un fastidio (sabes o que é a rede, non?). Comprenderás que non podo estar dez minutos esperando a que cada operación se me confirme cando escribo en Cabrafanada. Home, xa sei que non é o Marca, filliño, pero eu tamén teño os meus lectores. Sei que ti me comprendes porque es unha persoa aberta. Así que, por favor, non o esquezas e dille ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Moitas grazas, filliño. Se non chega a ser por ti...

19.11.05

Túnez

Esta noticia lémbrame o que me sucedeu unha vez, viaxando por Túnez, hai xa anos. Dixiríame nun tren desde o sur do país á capital, no norte. Durante o traxecto subiu ao tren un individuo que sentou á miña beira e de alí a pouco tentou establecer conversa comigo. Ao longo da viaxe foi interesándose por diferentes cuestións sobre a miña orixe e a miña cultura e logo, con moita habilidade, pasou a interesarse polos motivos da miña viaxe e polas miñas opinións políticas. Como eu coñecía varios países árabes, fíxome tamén diversas preguntas sobre eses países, e moi especialmente quixo saber a miña opinión sobre Túnez. Estaba moi interesado na miña visión persoal da situación política e social do seu país. Case ao final da conversa preguntoume a miña profesión. Xornalista, díxenlle eu, que daquela exercía a miña actividade profesional nun diario. Perigosos individuos, os xornalistas, contestoume expresivamente. De seguido, pregunteille pola súa profesión. O individuo levou a man ao peto da chaqueta e sacando unha placa identificativa contestoume: policía secreto.

17.11.05

Esperanza

Magnífica noticia para o mundo enteiro, esta de hoxe, aínda que por veces pareza coma se o asunto nada tivese que ver cos países desenvolvidos. Pero nesta pequena aldea global en que vivimos, todos os problemas son de todos. Esa é a única verdade. E quen non o queira ver é porque pon unha venda nos ollos.

27.10.05

Manila

Como adoita suceder no trópico, ás seis e media a noite deita o seu alento de escuridade sobre Manila. O bafo da calor tropical, que permanece apegado ás ruas, ás casas e ás xentes, mantense case coa mesma intensidade que durante o día. Manila é un enorme barco de bambú que flota entre o Oceano Índico e o Pacífico. Cos seus 12 millons de habitantes (oficiais), hai unha Manila en cada rúa, en cada esquina, en cada un dos seus barrios xigantescos. De mañá, o ceo filipino abrese á luz e deixa ver as tripas dunha urbe onde a miseria máis terrible, en Quiapo, en Tondo, convive coa opulencia ostentosa de Makati, o barrio financeiro. O viaxeiro degusta en Manila un constante sabor agridoce onde se mistura a pobreza, o azucre, o mango, a vitalidade, a subsistencia, a desgracia, o mar, a humidade... As súas desproporcionadas medidas, inhumanas, fan dela unha cidade permanentemente atascada e fortemente contaminada que, aínda así, non da agachado a insobornable calidez dos seus habitantes. Manila é un punto de luz esquecido no mapa dun planeta gobernado polo narcisimo. Desde Manila, onde nestes momentos escribo, Cabrafanada deixase embargar pola humidade pengañenta deste país duro e doce coma o coco.

31.8.05

Cultura solidaria

Os membros de Cultura Solidaria Galega inauguramos mañá ás oito da tarde, na Casa do Libro de Vigo a exposición As pegadas no camiño, resultado do traballo de doce pintores e outros tantos escritores logo de percorrer o Camiño de Santiago a iniciativa de Acción contra a Fame nunha acción de solidariedade e compromiso ante a falta de auga no mundo. No acto participarán escritores como Camilo Franco, Francisco Fernández Naval, Olga Patiño e eu mesmo,e pintores como Encarna González ou Mercedes Vicente. Na sala expoñerase a obra gráfica dos doce pintores, que estará á venda a favor das accións solidarias de Acción contra a Fame e poñerase a disposición do público o libro editado cos traballos dos creadores literarios e gráficos.
Reproduzo a continuación a nota de prensa da organización:

A exposición “As Pegadas do Camiño: Un Camiño Solidario”, formada por perto de 30 obras dos artistas integrantes de Cultura Solidaria Galega, inaugurase o próximo xoves (día 1 de setembro) ás 20 horas na Casa do Libro ( Rúa Velázquez Moreno, 27. Vigo. Tlf: 986 44 16 79). Permanecerá exposta ata o día 15 de xuño.
Esta actividade ten a súa orixe no proxecto que, baixo o mesmo nome, desenvolveu Acción contra a Fame co gallo do Día Mundial da Auga, o pasado 22 de marzo, para o que contou coa colaboración desinteresada de vinte representantes do mundo da arte e da cultura galega, que durante cinco días percorreron o tramo galego do Camiño Francés.
Durante os cinco días que durou a peregrinación a Compostela, os artistas tiveron a oportunidade de plasmar as súas impresións nunha multitude de textos, poemas, relatos e lenzos. Moitos deles forman hoxe parte desta exposición.
Alfonso Costa, Eva Veiga, Camilo Franco, Rafael R. Massiá, Manuel Patinha, Fran Alonso, Francisco Fernández Naval, Olga Patiño, Maribel Longueira, Encarna González, Mercedes Vicente, etc., son algúns dos vinte artistas que prestaron o seu apoio a este proxecto e que na actualidade integran Cultura Solidaria Galega, un colectivo que nace con esta peregrinación e que ten o obxectivo de apoiar coas súas actividades o labor de Acción contra a Fame, destinado a combater a fame no mundo e crear unha cultura solidaria sobre esta problemática que afecta a mais de 800 millóns de persoas no mundo.
No acto de inauguración tamén se vai facer a presentación do libro editado con este motivo e que recolle tanto os lenzos elaborados polos pintores coma os poemas e relatos creados polos escritores ao seu paso pola ruta xacobea e que deixan constancia da experiencia vivida polos participantes no seu camiño solidario a Santiago.
Tanto as obras de arte coma o libro serán postos á venda e os fondos recadados destinaranse aos proxectos que Acción contra a Fame desenvolve en todo o mundo.