30.12.06

Falsa arte (inocentada)

O 28 de decembro, Cabrafanada sumouse ao espírito festivo do día incluíndo unha broma. O cadro «O home perplexo» non existe e o acaudalado emigrante galego Alfredo Borreiros tampouco. E Wieslaw Rosocha nunca pintou un cadro coma ese. Algúns dos meus amigos caeron na trampa, pero debo recoñecer que eu tamén tería caído. O cadro non é tal, senón un caracter chinés que forma parte dunha caligrafía que eu mesmo trouxen dunha viaxe á China e que agora está no salón da miña casa. Máis abaixo reproduzo unha nova foto, de perspectiva máis ampla, onde se aprecia claramente a caligrafía chinesa. Estou satisfeito do título que atopei para o suposto cadro, porque constituíu unha das bases para a súa credibilidade.
Ora, debo recoñecer que a elección da «inocentada» tampouco era inocente e a min lévame a plantexarme cales son os límites da arte hoxe en día. O que me trae á cabeza todo isto –o que tiña eu na cabeza no intre de levar a cabo a broma– é aquela anécdota que circula por aí sobre un individuo que foi visitar unha exposición nun Centro de Arte Contemporánea. Era unha exposición indeterminada, formada a base de instalacións, e cando entrou no espazo principal –onde un par de obreiros pululaban por alí facendo reparacións– descubriu unha altísima escaleira que non sabía se formaba parte da exposición. Xa que logo, preguntoulle a un dos gardas de seguridade, que mirou, perplexo, para a escaleira, e logo de pensalo respondeulle con naturalidade:
—Se a escaleira ten cartel é que forma parte da exposición. Se non o ten, pois non.

28.12.06

Arte?

Este é o cadro de Wieslaw Rosocha polo que o coleccionista e acaudalado emigrante galego nos EEUU Alfredo Borreiros pagou perto dun millón de euros. O cadro titúlase «O home perplexo» Con este tipo de cousas, a arte convértese en puro mercantilismo. Que me desculpen, pero eu non podo entender que alguén poida desfacerse dunha cantidade así por un simple cadro. O perplexo, nesta ocasión, son eu.

Vintecinco anos

Onte celebrouse o evento cultural vigués do ano: o concerto do vintecinco aniversario de Siniestro Total. A veterana banda ofreceunos un intenso recital da súa potencia, dominio e destreza, demostrando unha abraiante vixencia. O de onte foi espectáculo antolóxico e radical, concibido desde a poderosa poética musical do grupo, que revisitou, actualizándoos, moitos dos vellos temas clásicos, sen esquecer os máis democráticos, científicos e populares. Ao remate, a bandeira de Vigo, un longo e espectacular bis e o reto de Julián Hernández, que nos emprazou para dentro doutros vintecinco anos nun novo concerto conmemorativo na Cidade da Cultura: as vodas de ouro. A continuación reproduzo algunhas fotos que fixen no concerto de onte, que pasan a integrar o fondo de memoria histórica de Cabrafanada.






27.12.06

ST

Logo dun día frío e soleado, marcho ao concerto dos 25 anos de ST.

Axexando o edificio



Axexando tras o cristal da porta principal, tres persoas escudriñan o edificio por dentro. A obra xa está rematada e, entre os veciños, existe certa expectación. De boca en boca, circula que é o edifico das Federacións Deportivas. Os seus distintos corpos, longos como a pel abrupta dun cocrodilo, danlle un aspecto tremendamente novidoso no entorno, que rompe a monotonía establecida polas vivendas dos arredores. Unha das tres persoas achégase á parede para comprobar o material empregado: cinc. Deixa que os seus dedos sintan a textura. A fachada frontal parécelle estraña e fermosa; efectiva polo contraste entre a opacidade do cinc e a viveza do corpo central en madeira. A pérgola, coa cobertura lixeiramente inclinada, engule o visitante cara ao interior, transformando a granítica horizontalidade da construcción nun fugaz seísmo.
Na cafetería Burbujas, un aparellador que foi resolver problemas técnicos nunha obra da adxacente Praza da Miñoca comenta cun capataz, por curiosidade, algunhas cuestións do Edificio das Federacións Deportivas. Desde a cafetería, o aparellador, aínda que non os ve, sinala os tres corpos que o edificio mostra nesa fachada da rúa Xosé Gil, a súa cara máis complexa e dinámica, de animal en evolución. Dous corpos de cinc (un deles o auditorio, de base curva e verticalmente marcado) e un terceiro de lousa, verdosa coma a carriza, denotando no interior os intestinos claramente diferenciados do resto do estómago. E aínda aparece un cuarto corpo, central, estomacal e acristalado.
A sobresaltada verticalidade dos edificios de vivendas de atrás, con nove ou dez alturas, delgados e longos coma se fosen a sombra dunha patética imitación dos edificios iemenís de Sanaa, aparece contrarrestada pola intencionada horizontalidade do edificio do arquitecto Santiago González. Pero como Vigo, ata o de agora, se constrúe (ou reconstrúe) sobre espacios roubados, o das Federacións Deportivas aparece arrinconado contra ese fondo que, coma as pinturas do Greco, tenta impoñer a súa lei e a súa sombra para apropiarse del. Só a forte personalidade da súa estructura de lousa, cinc, cristal e madeira e a súa declarada modernidade é quen de separalo, individualizalo, e de poñer distancia na angustiante estreitez da rúa Segundo Mariño, facéndoa miragrosamente ancha, moito máis ancha do que realmente é.
A rúa Segundo Mariño, coa súa deseperada pendente, precipítase cara abaixo, sobre A Florida, deixando ver nesa indecisión de espacio limítrofe entre os barrios de Coia e A Florida que a súa preferencia se inclina por este último.
E na desbocada precipitación da rúa, o edificio sostén dignamente a súa horizontalidade sobre pilotes, prologándose rectilíneo coma o vagón dun tren e deixando que xurda un espacio aberto para aparcamento. Seguindo o descenso, aparece a fachada posterior, declaradamente sobria, verdosamente densa, con pequenas incrustacións coma caixóns que son xanelas horizontais a media altura. E, novamente, os dous corpos de cinc, de formas desiguais. Desde esa fachada, o edificio ten o aspecto dun primeirizo e simpático robot.
Os veciños poden intuír sen problemas os espacios interiores, amplos, luminosos, funcionais, onde a luz se configura como o elemento que ordena e distribúe realmente o edificio, axudada polo xogo de sombras, claridades e penumbras que ofrecen as persianas venecianas, proporcionando ao tempo apertura e calidez. En definitiva é a luz, conxugada coa madeira, o metal e o cristal, e un mobiliario ben harmonizado, a que configura a personalidade do espacio, onde só a frialdade da zona de servicios e a extrema calidez do auditorio poñen unha nota diferenciadora.

24.12.06

Bo 2007

Aproveito para desexarvos un bo novo ano con esta expléndida imaxe do fotógrafo Renato Roque, que el mesmo me enviou.



© Renato Roque

22.12.06

Palabras contadas

Hai un libro recentemente publicado que non convén perderse. Á marxe da miña manifesta paixón polo microrrelato, a de Camilo Franco é unha obra literaria con maiúsculas, para sacarmos o sombreiro. Non só polo seu demostrado dominio do xénero breve senón pola potencia narrativa que encerra Palabras contadas e pola súa sorprendente capacidade para atopar unha ironía corrosiva e contemporánea. Palabras contadas é Camilo Franco en estado puro e fai gala dunha sinceridade descarnada e insultante. O libro constitúe, ademais, un intelixente e provocador desafío ao sistema literario galego (perdón María, por empregar o sintagma maldito). Un libro a ter moi en conta.

20.12.06

Disco do ano

Votade polo disco do ano. Unha boa iniciativa de Sonotone.

A viaxe

Con respecto á viaxe desta cabra tola ao Courel na ponte de decembro, moi fría e estimulante. Tivemos que empregar cadeas e, para a miña desgraza, entre Seoane e Parada perdín unha tarxeta de memoria de dous gigas dunha cámara onde estaba fotograficamente rexistrado o traxecto do día anterior entre Pedrafita e Seoane do Courel. Ese traxecto fíxemolo no medio dunha impresionante ventisca de neve, coa incerteza de circular á beira dos desacougantes precipicios coureliáns e coa neve poñendo en serios apretos o paso dos vehículos. No medio dunha pechadísima curva onde tivemos que deternos para axudar a empuxar ou retirar cinco coches atrapados e atravesados, atopámonos ao poeta e actor David Creus, propietario dun daqueles vehículos. Ignoro como logrou rematar a súa travesía. Ao día seguinte e logo de cinco interminables horas dentro do coche as miñas fillas non querían saber nada de ir xogar á neve.


19.12.06

A Santiago voy



Un descubrimento fascinante, o deste vídeo dos Tamara coa mítica canción A Santiago voy que puiden ver grazas á destreza do blog Curioso impertinente. Na miña primeira novela (Tráiler, 1991), empreguei esta canción como un emblema para os personaxes masculinos da novela, todos camioneiros, e mesmo cheguei a darlle forma de personaxe á linda Carmela da canción ao final do libro. Pero non a ubiquei esperando a Pucho Boedo en Compostela senón como camareira dun Hostal de Camarzana de Tera, onde case todos os camioneiros do mundo, por azares da vida, acabaron alí, «pintando carmelas no aire cun bafo de alcol».

18.12.06

Entrevista aos irmáns Pascual

Exactamente igual que fixen con Ugia Pedreira, e reaproveitando o material xenerado polo meu traballo para El País, agora publico en Cabrafanada as respostas ás preguntas que lles fiormulei aos irmáns Pedro e Pablo Pascual, músicos de Marful, e que non cheguei a utilizar.


PEDROPASCUAL
¿Que é Marful para Pedro Pascual?
—Para min Marful é o resultado optimista e afortunado de catro músicos (tres dos cales eu admiro) coas súas carreiras en solitario, xa dunha dilatada extensión. Tras esta xuntanza cada un de nos aportamos as nosas inquedanzas, estéticas e pareceres a unhas músicas que teñen a súa inspiración nos salóns de baile e festas da Galicia dos anos 30, 40 e 50, pero cunha revisión contemporánea e apoiándose sempre nos instrumentos acústicos (guitarra, clarinete baixo, acordeón diatónico, contrabaixo, violín...)

¿A precariedade na distribución da música galega eiva o voso traballo profesional?
—O feito de non existir en Galicia unha sólida industria discográfica sempre é un impedimento para exportar a nosa música. Tamén a ausencia de iniciativas privadas merma esta empresa, pero con moito ánimo e sobre todo crendo no que un fai as barreiras van caendo. O que che podería levar pouco tempo resulta que leva o dobre, pero traballando todo é posible.

¿A que se debe o feito de que gravásedes nas vosas casas e nos estudos da Radio Galega?
—Nós temos a infraestrutura necesaria para facer discos, ¿para que depender dos demáis? Foi algo moi meditado e perfectamente asumido por todo o grupo.

¿A consolidación do proxecto de Marful é a proba do éxito do acordeón diatónico para todo tipo de músicas?
—O acordeón diatónico é o primeiro acordeón que aparece na historia, tras a patente de Demian en 1829 (sen contar os antecedentes históricos e rarezas de lingüeta libre pretéritos); a evolución daquela patente deu lugar a este acordeón. Case sempre estivo ligado ás músicas tradicionais e sobre todo á musica de baile. Hoxe en día os modelos que se tocan están moi preto dos acordeóns cromáticos (por dispor dunha escala cromática) pero respetando a "bisonoridade" (aspecto fundamental do diatónico), isto proporciónalle á música interpretada por este instrumento un swing diferenciador e un son tamén especial. As influencias persoais de cada músico lévao a interpretar o seu instrumento dunha maneira ou outra; a min influenciáronme moito acordeonistas clásicos do diatónico como (Norbert Pignol, Marc Perrone, Riccardo Tesi, Mairtin OLconnor) así como acordeonistas de Jazz (como Galliano, Marocco, Matinier, Jo Basile, Biondini,...) e bandoneonistas como Piazzola ou Saluzzi.




PABLO PASCUAL
¿Como valoras a adecuación do clarinete baixo á música de Marful?
—O Clarinete baixo é un intrumento que non se ve moi a cotío nas formacións musicais modernas, ainda que sí na orquestra clásica. Nos últimos anos nas novas correntes de jazz modal europeo aparece constantemente, nas mans de músicos como Louis Sclavis, Trovessi ou Riessler. Marful tamén bebe, ainda que con moderación, nestas correntes; o clarinete adaptábase perfectamente á sonoridade e ademáis con el non precisamos de baixo ou contrabaixo xa que o papel principal en Marful é o de encher a clave de Fa.

17.12.06

Isaac e a memoria

Xa que Brétemas cita a miña intervención de onte na Noite da Edición, aproveito para reproducir aquí un fragmento da miña loa a Isaac Díaz Pardo que me parece especialmente significativo e revelador de cal foi o espírito fundacional do proxecto Do Castro-Sargadelos.

En 1963, a súa decidida vontade de recuperar para o país a memoria histórica secuestrada polo réxime franquista consigue que o aire das mariñas encha o pulmón de Galicia co rico sabor da arxila e do caolín. A historia prende nas faíscas do Laboratorio de Formas, unha iniciativa sen precedentes que vai ser decisiva como motor cultural e industrial para o futuro do país. A partir del agroman tamén os perfís de Ediciós do Castro, que xurde ese mesmo ano; as estruturas do Complexo Industrial Sargadelos; a configuración do Real Patronato de Sargadelos; a iniciativa do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (1970); o Instituto Galego da Información ou o renovado Seminario de Estudos Galegos.
Cultura, lucidez, tradición, compromiso, dinamismo, talento, memoria e futuro son algunhas das palabras que poderían definir a xigantesca trascendencia que todas estas institucións significaron para o devir histórico de Galicia e para a conformación e toma en valor da súa singularidade e personalidade. E detrás de toda esta industria da palabra, que quizais sexa como mellor se pode definir a vontade inicial do Laboratorio de Formas, estivo sempre a figura puxante, discreta, humilde, constante, áxil e silenciosa de Isaac Díaz Pardo, que foi quen de conseguir que Ediciós do Castro posúa, sen ningunha dúbida, un dos fondos editoriais máis emblemáticos do país. Non só a materialización en 1963 do Laboratorio de Formas senón tamén a estratéxica creación da colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» constituíron un dos elos imprescindibles para que este 2006 puidese ser declarado Ano da Memoria. Sen Isaac e sen Ediciós do Castro, non teñan dúbida ningunha, a nosa memoria hoxe por hoxe estaría profundamente eivada, mortalmente ferida.

Espellismo

É como cando un leva tres ou catro días camiñando sen auga polo deserto e de súpeto descubre unha lagoa transparente. E un berra ¡funciona o meu adsl!
Un espellismo.
Se o espellismo non se desintegra, prometo volver logo do xantar.

14.12.06

Entrevista a Ugia Pedreira


Tal e como comentara, a miña primeira colaboración con El País foi sobre Marful. Xa que logo, aproveito para reproducir en Cabrafanada o material xornalístico que xenerei e empreguei. A continuación reproduzo algunhas das preguntas que lle fixen a Ugia Pedreira para a miña crónica (xa publicada o pasado venres no suplemento Luces) e as respostas da cantante.

¿Que é Marful para Ugia Pedreira?
—O projecto que estava desejando ter. Um cuarteto musical que se conhece, se entende, se admira e se respeita. Os 4 temos muito claro qual é o som Marful. A música popular galega urbam. Composiçons próprias, melodias populares, letras de autores-as galegos, as minhas letras, os arranjos de Pedro, Marcos, e Teira. O Som dos instrumentos de madeira. A inspiraçom dos salons de baile quando o baile estava cheio de inequívocos e era o acto sexual permitido em público. Música galega de influéncia americana. A lembranza dos portos, das tabernas, da emigraçom, das casas de indiano, daquelas festas donde havia pequenas orquestinas que misturavam a música tradicional galega com os primeiros passinhos de jazz.

Fálame do teu avó Marful, do que o voso grupo apañou o nome.
—Ele como tantos outros marchou a Cuba e flipou com a vida da Ilha. De Mondonhedo á Havana. Tivo uma filha ali cuma mulata e voltou á Marinha sem um cam, nem tam siquer com a maleta.
Dezia que em Cuba sempre durmira a 4 pernas. Era um vividor com dotes de poeta, relogio de peto, traje e mui guapo. Nom tivo ofício fijo, fijo um pouco de todo e de nada, argalhava.

¿A precariedade na distribución da música galega eiva o voso traballo profesional?
—Os 4 fazemos música desde hà muitos anos, umas vezes com melhor ou pior distribuiçom. A situaçom laboral dum artista é um vai e bem, agardamos sempre a seguinte ola e a necessidade e prazer que produze a musa música p. ej. em palco tá muito por cima de qualquer precariedade. Este disco de Marful leva desde o mes de junho no mercado "independente" e vendi-mos 3 ediçons. O disco tá gustando muito e mercan-se molhos del, neste caso o boca a boca e a "trasmisom sonora" é imparável e impagável.

¿Podes describirme o Baile de Benito, ese que estaba situado perto da túa casa e no que vos inspirades?
—Capacidade para 350 pessoas. Grande e luminoso, todas as paredes tenhem enormes janelas. É um edifício construido no 36 e neste ano da guerra abriu-se ó público. O melhor baile da Marinha por arquitectura, decoraçom, situaçom e vinham as melhores orquestras do momento. O teito ainda hoje segue decorado com motivos floraris, 6 grandes lámpadas redondas e brancas de cristal baixavam deste maravilhoso teito. O chao de baile é de madeira de castanho... e nas paredes pode-se lêr: "No se cede pareja", "Reservado derecho de admisión", "Capacidad para 240 personas". Um auténtico baile americano.

A que se debe o feito de que gravásedes nas vosas casas e nos estudos da Radio Galega?
—Uma eleiçom totalmente nossa ... isto fai-no Manu Chao ou Sting. Pedro Pascual fai producçons de alguns discos e tinha muito claro o som marfuliano. Entom gravamo-lo tranquilamente, pouco a pouco, com calma, deixando levar-se polas estaçons do ano , as situaçons, desfrutando dos amigos como Guillermo Fdez (Berrogueto).Na sua casa (que é um lugar especial) grabei a voz.
O que denota tudo isto é que a maior revoluçom musical destes últimso 15 anos está em poder fazer e grabar música na tua casa porque os medios para elo estam democratizados. Em Galiza jà hà gente como Xurxo Pinheiro, Nacho Muñoz... sacando um som interesante ás suas producçons.
Marful fomos a misturar os estupendos estudos de Angel Katarin, do melhor da Península para música acústica e logo a fabricar cuma editora de conceito livre como é Producciones Efímeras.

Desde o corazón

Hoxe escribo desde o corazón do mundo, ese que coa súa sístole e diástole nos bombea todos os días os sangue necesario para vivir. Grazas, corazón.

12.12.06

Inmigrantes ilegais

O escritor e profesor David Otero envíame esta imaxe desde A Estrada.
Está datada en Venezuela, en maio de 1949.

Outra vez

O adsl que dirixe a miña vida aletargouse desde que retornei do monte. Xa me vexo outra vez colgado dos cíber. Telefónica e Fenosa continúan a boicotear Cabrafanada.
As peripecias desta cabra tola na neve terán que quedar para outro día.

5.12.06

Xustiza

Xa vai sendo hora de que se faga xustiza. Toda a sociedade civil e, moi especialmente, a familia e amigos do xornalista galego José Couso, meréceno.

Temporal



O mar rompendo contra o Monte Boi e a praia da Concheira, en Baiona. A imaxe é dun bo amigo: o fotógrafo Manuel G.Vicente.

Baiona

Esa vila mansa de ollada felina que dorme sobre o mar; esa é Baiona dos devanceiros. A Baiona do mar que dá, a Baiona do mar que leva. A que se abeira tras o Cabo Silleiro, onde quedan os recados sen diñeiro. A da néboa en Baredo e noroeste cedo; a da néboa na Grova e noroeste afora. Alí onde, atención, han coidarse os mariñeiros cando a Rocha pon capelo.
Detrás das galerías, nas casas, as pupilas axexan a lúa na tardiña. Se deitada, mariñeiros de pé. Se en pé, mariñeiros deitados. Hoxe, as gamelas semellan adormecer nas rampas escoitando o ruidoso silencio do mar; é o único prepotente silencio que rosma incesante no rabo desta vila erizana vestida con peluxe de gata. Hoxe hai chíos de gaivotas. Elas na terra e as gamelas na ribeira. Gaivotas á terra, mariñeiros á merda.
A humidade deita pingueiras azuis nas tellas das casas mentres o asubío das cazolas trae ulido a peixe no vento. Disque cando hai peixe, a muller do mariñeiro ten diñeiro. Pero coa hora do marusío en Baiona, brúa o mar que amedoña.
Esa vila gata acristalada e erizana é a desaparecida parada dun tranvía do pasado que o mar arramblou canda si para sempre.

Arroz negro

A voz da nena chegaba desde o cuarto de baño. O home, que poñía orde nuns papeis, evitou erguerse aínda para atender a chamada infantil. Axiña os berros da nena se fixeron insistentes. O pai non tivo máis remedio que erguerse e dirixirse ao cuarto de baño.
—Acabei –dixo a nena, sentada sobre a taza do váter.
O pai colleu na man un rolo de papel hixiénico e arrincou un anaco. Entón a nena agarrou o brazo do home, deténdoo, e preguntoulle:
—Papá, ¿por que hoxe teño cacas negras?
O pai dirixiu a súa ollada cara ao interior do retrete e contestou:
—Porque onte comiches arroz negro. ¿Non o lembras?
A nena quedou pensativa e logo, debuxando un sorriso nos beizos, dixo:
—¡É verdade!
De seguido engadiu:
—Espera, papá, non me limpes que non acabei.
O home, contrariado e con intención de non facer caso da nena, replicoulle:
—¿Como que non acabaches? ¿Non me dixeras que xa acabaches?
—Dixera, papá –contestou a nena– pero aínda debo ter máis cacas. ¿Non lembras que onte na comida repetín arroz negro?

4.12.06

Arquivo

Un dos meus obxectivos é que Cabrafanada funcione como arquivo. Hoxe por hoxe, esa é unha das capacidades máis interesantes dos blogs.
Debido á súa versatilidade, os blogs teñen enormes posibilidades para cumpriren esa función. Nese sentido, un dos principais retos pendentes de blogger é a súa habilitación para que sexa posible subir textos en pdf ás bitácoras. Unha vez que iso se logre, as posibilidades dos blogs medrarán considerablemente e a páxinas web tradicionais perderán moito do seu sentido, entre outros motivos porque a diferencia de custes é abismal.
Nesa liña, a columna da esquerda de Cabrafanada, onde figuran os enlaces, ten a vocación de se converter nunha valiosa fonte de información (especializada, no meu caso, na miña obra literaria). Ademais de enlazar toda a información web existente sobre os meus libros, as recensións e os textos literarios da miña autoría que circulan pola rede (tanto en galego como traducidos a outras linguas), acabo de incorporar algo que me parece fundamental: material audiovisual.
No epígrafe «Audiovisual», debaixo de «Recensións», pódense atopar dous pequenos vídeos. O primeiro, aproximadamente de catro minutos, é un recital poético que dei na Universidade de Varsovia, ao final dunha conferencia, no mes de maio de 2006. Dura aproximadamente catro minutos e todos os poemas recitados son do libro Cidades. O segundo é un pequeno fragmento dun poema bastante longo, titulado ‘Galegonía’, que trata sobre a lingua galega, e que está publicado no meu libro Subversións. Dura algo máis de trinta segundos. O recital é do mesmo día e do mesmo lugar. Os dous vídeos envioumos a lectora de Lingua e Literatura Galegas en Polonia, Lucía Rodríguez Caeiro, á que quero facerlle chegar o meu agradecemento. A miña intención no, futuro, é ir creando material audiovisual específico para Cabrafanada.
Inmediatamente despois do epígrafe «Audiovisual» está o epígrafe «Documental: Lara Bacelos. Poesía: Fran Alonso e Kiko Neves». Trátase de Ollos da cidade, un fermosísimo documental dirixido por Sara Jess e baseado na relación entre a nosa poesía e cultura urbana. Debido ao seu peso aparece dividido en catro partes. Está a aloxado na páxina de Sara Jess en You Tube.
Como veríades, no espazo de arquivo web de Cabrafanada aparece tamén unha selección das miñas colaboracións en prensa (principalmente en La Voz de Galicia, pois non é posible enlazar as columnas de opinión de A Nosa Terra); un «espazo cósmico» con enlaces relacionados co mundo da escrita e da cultura, da música, da información, da solidariedade, de Vigo e do Val Miñor; un apartado de escritor@s galeg@s con blog ou web propio e, finalmente, un enlace a diversas e interesantes bitácoras.

3.12.06

A moda

Estes días, cada vez que me deteño co meu coche nalgún lugar, a xente mírame coma se fose un estraterrestre. Cando paro na peaxe, por exemplo. Estou comezando a coller complexo e agora, moi disimuladamente, trato de sacar os lentes antes de determe. No pasado mes de xuño perdín os meus lentes (sospeito que os perdín na praia da Ladeira) e, como os preciso para conducir e para ir ao cine, botei man duns vellos lentes que tiña dos anos en que era un hippi irreprimible. Son deses gordos, moi gordos e descarados, de pasta dura e grosa, ostentosos. Si, xa sei, agora non se levan, e a min tampouco me gustan, pero non é para que a xente me mire como a un marciano. ¿Tan excluínte resulta non ir á moda?

2.12.06

Enfermidade endémica

Comeza outra vez a chover e o router pónseme enfermo de humidades. Ten a tensión moi baixa e o médico dime que o diagnóstico é fenosa, que lle produce alerxia telefónica. Recétame unha pila pero o meu router vomítaa sen contemplacións. Intentámolo pola vía intravenosa pero tampouco hai nada que facer. Supura humidades. A ver se logo do temporal. A ver.

Brutal

Brutal, Sara Jess.