1.11.07

Obxectos arqueolóxicos

Hai algúns días visitei coas miñas fillas o Museo do Pobo Galego. A verdade é que levaba tempo sen ir, e descubrín que o museo está moi mellorado. A visita foi realmente entretida. Nunha sala anexa, había unha exposición, basicamente de material didáctico, organizada por un colexio de Taragoña. Un dos descubrimentos que a visita lle produciu á miña filla maior produciuse precisamente alí, diante dun estraño aparello, ante o que permaneceu estancada, mirando para el coma se vise a cousa máis rara do mundo. A continuación, preguntoume que demos era aquela cousa. Tratábase simplemente, dunha máquina de escribir. Foi entón cando me decatei de que, afeita a que os ordenadores sexan para ela a cousa máis cotiá do mundo, era a primeira vez na súa vida que vía aquel estraño aparello co que, por certo, eu empecei a escribir bastantes anos atrás. O tempo é sempre o mesmo pero, sendo o mesmo, cada vez pasa máis apresa.


Ningún comentario: