31.12.07

Autorretrato (1)

Fíxense vostedes no aspecto do individuo da fotografía. A imaxe é bastante deplorable: abstraído, despreocupado, que non evita mostrar as formas naturais dun corpo pouco terso, forzado polo paso dos anos, pateticamente mal vestido, cunha vella camiseta azul de camioneiro que se sobrepón aos inicios de algo que non se sabe ben se son uns calzóns vellos ou un recorrido pantalón de chandal. Fíxense, a ollada perdida no eco baleiro de si mesmo, da súa conciencia distraída, o rostro sereno, o pelo canoso, e unha vontade manifesta por non disimular as curvas que mostran as proporcións dunha barriga exhultante, ameazadora. ¿Cómo ten que ser unha persoa para autorretratarse así? ¿Abandonada ou vanidosa? Se cadra, as dúas cousas ao tempo, se cadra a súa actitude profundiza nese carácter que perpectúa a infinidade fotográfica dunha imaxe grotesca, grotescamente descarada, vanidosa e estúpida. É el, sen dúbida.


28.12.07

Caricatura

Calros Silvar tivo a deferencia de enviarme unha caricatura que me fixo hai algún tempo para publicar en A Nosa Terra. Aproveito para reproducila en Cabrafanada precisamente hoxe. Paréceme un bo divertimento para o Día dos Santos Inocentes. Eu xa celebrara este día o pasado ano.


27.12.07

e-tarxetas postais

Estes días recibín múltiples tarxetas postais, principalmente por correo electrónico. Selecciono algunhas para Cabrafanada.


Esta primeira é da poeta Olga Patiño:




A segunda envíama Xesús Manuel Marcos:




E a máis impactante é de Acción contra a Fame, realizada a partir da imaxe fotógrafo galego Fernando Bellas, que viaxou a Nicaragua:

25.12.07

Santa Matriusca

Cada vez se utiliza máis YouTube e o vídeo a través da rede para a promoción das obras literarias en galego.

24.12.07

Felicitacion

Acabo de recibir esta felicitación de Nadal de Kalandraka.

Materiais de lectura, literatura e lingua

Rosa Salgueiro, unha das profesoras máis activas que coñezo, acaba de crear unha web utilísima para o profesorado, con materiais didácticos para as clases de lingua e literatura, baixo a licencia de Creative Commons: Na punta da lingua. Moi recomendable.

22.12.07

Un disco de luxo

A presentación en rolda de prensa do disco da Señora Carmen en solitario tivo unha ampla repercusión. É simpática esta entrevista. A muller está un pouco desbordada polos requirimentos dos medios. Mesmo Ana Rosa Quintana intentou levala ao seu programa. O único medio escrito que non publicou nada sobre a cantante de Mos foi o Faro de Vigo. PAI Música aínda está a distribuír o disco polos puntos de venda. Como dixo Uxía na presentación, un excelente agasallo de Nadal.





21.12.07

A Señora Carme na flor dos seus anos

Hoxe, ás 12 da mañá, estarei no CGAC, na rolda de prensa que ofrecen PAI Música e a Consellería de Cultura para pressentar o disco en solitario da Señora Carmen, Na flor dos meus anos, toda unha alfaia para a discografía galega. Desgarrador, conmovedor, deslumbrante. Non atopo adxectivos para calificar a música irrepetible desta muller de 82 anos. A min correspóndeme a honra de ter debuxado coa palabra escrita a biografía da muller máis seductora do mundo.
Na flor dos meus anos consta dun libro, un CD con 11 cancións e colaboracións tan importantes como as de Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Rodrigo Romaní, e un DVD cun documental onde a Señora Carmen nos relata as súas lembranzas e nos mostra o seu lado máis humano. A Señora Carmen, un verdadeiro mito para a nosa cultura.


19.12.07

Tino Baz

O cantautor Tino Baz presenta o seu primeiro disco en solitario, Cinsa namorada. Será hoxe, ás oito da tarde, na Casa da Cultura da Guarda.


16.12.07

Diñeiro

—O máis importante nesta vida é o diñeiro –insistíalles sempre aos seus fillos.
E, cando morreu, enchéronlle o cadaleito de billetes.

13.12.07

Implícate

Implicadas no desenvolvemento, con María Reimóndez á cabeza, volven organizar o festival Implícate!, que xa está na terceira edición. Eu tivera a honra de ser convidado a recitar na primeira edición do festival, daquela aínda unha forte aposta cuxos magníficos resultados podemos ver agora: a súa consolidación. Reproduzo abaixo o comunicado que recibín da ONG.



Este evento solidario, que terá lugar o domingo 16 ás 20.30 horas, reunirá no Teatro Principal de Compostela a artistas de luxo a prol da sensibilización cidadá e da cooperación.

Artistas como o grupo Loretta Martin ou Espido en música; Nova Galega de Danza ou María Reimóndez en danza; Iria Piñeiro e Paula Carballeira en teatro; e María Lado, Antón Lopo, Estíbaliz Espinosa e Miguel Anxo Fernán Vello en poesía daranse cita no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16, ás oito e media da tarde, para participar na terceira edición do Implícate! Noite de música e palabra solidaria organizado por ‘Implicadas no Desenvolvemento’ (IND) e presentado por Yolanda Castaño e Isabel Blanco.

As entradas para Implícate! Noite de música e palabra solidaria xa están á venda, e pódense mercar a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web e do teléfono 902 434443), no propio Teatro Principal, ou no local de Implicadas en Vigo (Camelias, 49 - escaleira). O prezo é de 10€ entrada xeral e 6€ para estudantado. Dadas as características do local no que se celebrará o evento, o Implícate terá un aforo máis limitado que en anos anteriores, polo que recomendamos mercar as entradas con suficiente antelación.

O obxectivo de Implícate! Noite de música e palabra solidaria, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas. Abaixo, reproduzo o correo electrónico que recibín da organización.

Dende Implicadas consideramos que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galicia, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as forzas vivas do noso pobo, como son as/os nosas/os músicas/os, poetas, artistas e persoas comprometidas e implicadas. Cremos que só cambiando as raíces da pobreza cambiaremos a situación de millóns de persoas, e iso implica cambiar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa. Pensamos que os pobos teñen dereito a decidir sobre os seus designios e que as persoas teñen dereito a vivir con dignidade, e por iso traballamos man a man coas organizacións cívicas do sur e coas comunidades empobrecidas para que desenvolvan as súas capacidades. E sabemos que o desenvolvemento da humanidade pasa por erradicar a primeira desigualdade, a de xénero, e por iso no noso traballo queremos dar voz e capacitación ás mulleres para que poidan decidir sobre as súas vidas e para que se respecten os seus dereitos.

E por iso é que, para estar máis preto de acadar os nosos obxectivos, organizamos esta segunda edición da Noite de música e palabra solidaria. Implícate!

11.12.07

Movemento insubmiso

Non deixa de ser curioso, este novo movemento de insubmisión, que agora xa non é antimilitar senón antirelixioso, e que sen dúbida vai coller máis forza cada vez. En todo caso, a forza simbólica do movemento é moi grande e as súas repercusións sociais poden ser moi importantes. Tempo ao tempo.

Males de cabeza

A principios do 2008 presentaremos en Madrid a tradución ao castelán de Males de cabeza, que xa está distribuído nas librarías, conxuntamente con La Frontera infinita, de Celso Emilio Ferreiro. O libro foi publicado por Faktoría K de Libros e o deseño de cuberta é de Marc Taeger. Na rede pódese ler un fragmento do texto «Domesticum bellum». A continuación, reproduzo literalmente os paratextos do libro:

La locura y su antítesis, la lucidez, son el eje sobre el que giran estas historias, entrecruzadas como una tela de araña. Sus personajes y sus circunstancias no dejan de ser familiares para el lector, inmerso en un mundo en el que las tensiones diarias y la neurosis colectiva alteran nuestro frágil equilibrio emocional. Y así, entre la ternura y la crudeza, la ironía y la solidaridad, se va tejiendo una necesaria reflexión sobre el ser humano y nuestro tiempo, sus virtudes, sus límites y sus miserias.
Un libro de estructura original y estilo vivaz, lleno de humor, con influencias cinematográficas, que ahonda en el lado enigmático de la mente, donde anida la perplejidad y las contradicciones de un tiempo que es el nuestro; donde se incuban los celos, las fobias, el miedo, la angustia y las manías; donde se custodia la brújula de nuestra vida.

FRAN ALONSO (Vigo, 1963). Narrador y poeta, licenciado en Filología Gallego-Portuguesa. Su trayectoria profesional está ligada al ámbito del periodismo y de la edición. Con la obra titulada Trailer ganó en 1991 el Premio Blanco Amor de Novela. Le siguieron otros títulos como Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), Territorio ocupado (1998) y O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) y A vida secreta de María Mariño (2007). Su vinculación a los medios de comunicación se concreta a través de la colaboración en publicaciones como Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia, A Nosa Terra y el suplemento “Luces” del diario El País. Mantiene en la red el blog Cabrafanada. Como poeta, es autor de Ciudades, Premio Rañolas al mejor libro infantil y juvenil de 1997, traducido al castellano. Una buena parte de su poesía está recogida en el volumen Subversións (2001). Su último poemario, Balada solitaria, es un diálogo entre sus versos y las imágenes del fotógrafo portugués Renato Roque. También es autor de la antología “Poetízate” (2006) y del álbum ilustrado A casa da duna (2002), distinguido con el White Ravens.




9.12.07

Paixón polos blogs

Aparecen dous novos blogs de persoas que xa navegaban por amplos mares. Un, sempre interesante, é Sara Figueiredo Costa, que agora recunca en Caldeirão Voltaire. Outro, o noso Rei de Copas, que agora se aventura no esbaradizo terreo da lingua galega. Boa navegación!


8.12.07

Ano María Mariño

Remata o ano María Mariño e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega organiza o 12 de decembro en Compostela unha mesa redonda que pretende facer balance, seguido dun recital poético. A mesa redonda será o mércores ás 16,30 horas, moderada por Rosario Álvarez e coa participción de Helena González (responsable da edición do libro máis esclarecedor do ano María Mariño), Esperanza Mariño, Carmen Blanco e Pilar García Negro. Ás 18,30, no recital, participarán Lupe Gómez, Yolanda Castaño, María Lado e María do Cebreiro. Os actos terán lugar na sede do Consello da Cultura Galega, na praza do Obradoiro.


6.12.07

Nena reservista

Profesionais do equilibrio

Os escritores debaten sobre a súa profesionalidade

Algúns escritores son partidarios de exercer o seu oficio durante as 24 horas do día. Outros, sen embargo, prefiren non ser absorvidos pola palabra. A pregunta foi ¿é boa a profesionalidade do escritor? Cada quen a interpretou á súa maneira. Estas son as súas opinións.
Xelís de Toro:
Sería ideal non verse obrigado a facer outras cousas para sobrevivir.
Ana Romaní:
Eu persoalmente considero que non é boa pero cada un debería ter a posibilidade de escoller. Así e todo, eu prefiro non escoller esa opción.
Ramón Caride Ogando:
Redundaría en beneficio da calidade literaria.
Paco Martín:
Non teño posibilidade de sabelo. En Galicia hai escritores de fin de semana, xente que aproveita o tempo de vagar para escribir, e non debería ser así. O escritor ten que aproveitar máis o tempo. A cuestión está en conseguir un mínimo de profesionalidade no feito literario. Ademais, non estaría mal ter algunhas experiencias de escritores profesionais para ver como funciona o asunto.
Xesús Rábade:
Rotundamente, si. É un dos problemas do profesional da literatura en Galicia. Todos temos que nos adicar a buscar o modus vivendi, sobre todo se practicamos os temas e xéneros menos comerciais.
Xosé Vázquez Pintor:
É bo que o escritor teña tempo libre para escribir, pero non o é que viva da súa propia obra porque aparecen unha serie de condicionantes que o limitan. Habería que retribuir máis ó escritor.
Alfonso Álvarez Cáccamo:
Sería moi bo. Estaría ben que no DNI puxese «profesión: escritor». Ademais, tería que responder cara á sociedade coa súa obra literaria.
Camilo Gonsar:
O ideal sería que cada quen puidese vivir do que escribe. Agora ben, o feito de vivir da escritura pode impoñer certas limitacións, e o escritor pode acabar escribindo o que lle piden.
Lois Diéguez:
Non sería atinado. Véxoo moi difícil porque implica problemas a nivel político e editorial. Sen embargo, sería positivo que os escritores dispuxesen de máis tempo para escribir.
Manuel Rivas:
Hai que reivindicar a condición de escritor. Nese sentido o escritor debe arriscar na aposta. Se algo ten de oficio a palabra é que tes que correr o risco e non podes depender dun convenio: tes que ser un monxe-guerreiro. É un traballo enfebrecido: o escritor é coma o buscador de ouro coa diferencia de que non procura compensación material. Por iso paga a pena esa aposta.
Claudio Rodíguez Fer:
Ten ventaxas e inconvenientes. Nunha situacil ideal seríá extraordinariamente positivo. O ano pasado non dei clase e foi, para min, un ano moi intenso literariamente. Así e todo, na sociedade capitalista hai que comerciar e vivir do público e iso non me interesaría porque perdería liberdade creativa.
Ursula Heinze:
En Galicia, ese é o gran mal da literatura. Sen adicarse exclusivamente a ela non se fai unha literatura válida. Hai que ser profesional do que se fai. Eu só fago literatura pero non podo vivir diso. Facer mil cousas ó tempo non é posible. En Galicia escríbese nos ratos libres, como pasatempos, e iso é negativo.
Manuel Guede:
Sería un bo síntoma de sociedade normalizada, pero eu nunca considerei tal cousa. Non me interesa publicar un libro cada ano. Joyce malviviu 17 anos co Ulises. Se entras na dinámica do mercado estás hipotecado. O feito de profesionalizar o oficio non debería depender da lei da oferta e da demanda. Cela entrou nesa dinámica e está sendo devorado por ela. Non ten tempo para escribir nesa voráxine de premios, viaxes e conferencias.
Luis Rei Núñez:
Sería bo para a saúde física e mental do escritor. Aínda que un escritor sen apremio pode caer na preguiza.
Xaquín Agulla:
Nn é que sexa positivo, é que terá que ser obrigatorio. Debería estar recollido na constitución: todo escritor debe vivir da súa obra.

Fran Alonso, Diario 16 de Galicia, Sábado, 23 de febreiro de 1991

5.12.07

O novo A Nosa Terra

Onte acudín en Vigo á presentación pública da remodelación do semanario A Nosa Terra, cun equipo renovado e dirixido polo xornalista e escritor Manuel Veiga. O novo xornal presenta un cambio radical de deseño e concepción, cunha nova fasquía deslumbrante. Desde unha aposta económica moi forte, un cambio no accionariado e unha nova liña editorial –«máis plural e máis aberta», en palabras do novo director– A Nosa Terra sae á luz nesta nova e ilusionante etapa cun deseño moderno, moi atractivo, a cor, cun formato diferente (máis revista e menos xornal) e un prezo realmente moi asequible (2 euros). Sen dúbida ningunha, o novo xornal colócase nunha posición estratéxica moito máis privilexiadoa para ampliar o seu campo de lectores e redefinir o seu ámbito de influencia. Desde agora xa, este novo ANT convértese nun referente imprescindible na comunicación galega e nun modelo de xornal en galego que parece querer contribuír con solidez ao debate de como facer medrar, desde a liberdade, un país chamado Galicia.



O primeiro número da edición anovada de ANT presenta artigos de opinión, unha entrevista con Jordi Pujol, atractivas reportaxes como a da piscifactoría de Corrubedo, un espazo de deportes, completísimas páxinas de cultura e información sobre libros, cine e música, un simpático suplemento infantil chamado Bulebule con importante presenza dos Bolechas e algunhas seccións didácticas, e un estenso Magazine con apartados como «Viaxar, comer e mercar», ademais dun completo guieiro cultural, sen esquecer a páxina de pasatempos. Todo, reforzado coa incorporación de sinaturas como a de Teresa Moure.
Ademais, conxuntamente con este número, pero por separado, A Nosa Terra publica un valioso especial centenario (1907-2007) con entrevistas a Miguel Barros, Roberto Blanco Valdés e Vítor Freixanes, así como artigos de opinión de Touriño, Quintana, Núñez Feixoo, Ramiro Fonte, unha carta aberta de Damián Villalaín e reportaxes sobre o Museo do Pobo Galego, Zeltia, Irlanda, o pop galego, etc.



No ámbito dixital, A Nosa Terra abre un amplo e actualizado espazo web de información continua, con redacción propia formada por sete persoas en Compostela, que inclúe A Nosa Terra Radio e A Nosa Terra Televisión, a través de pequenas pero interesantes emisións web.
Entre as intervencións do acto de presentación do semanario, ademais da de Alfonso Eiré, foi moi significativa a do novo director, Manuel Veiga, cun discurso moi autocrítico, moi reflexivo, ofrecendo sempre unha visión moi positiva e moi integradora. Por ese mesmo camiño, aínda que desde o punto de vista do proxecto empresarial e o seu papel na conformación da identidade do país, transitou a intervención de Miguel Barros, presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas, que resaltou algo especialmente importante para a consideración e o futuro da lingua: «O idioma forma un elo indisociable deste proxecto. A lexitimidade histórica derívase da lealdade co idioma e co país». Ora, «o idioma é o único ben colectivo que perde sentido cando se pretende que sexa privado».
Seica veñen novos tempos para ANT.
Moitos parabéns e toda a sorte do universo na nova andaina.

4.12.07

Cartas de amor no I.E.S Álvaro Cunqueiro

Desde o Instituto Álvaro Cunqueiro de Vigo envíanme as cartas e comentarios que os estudantes escribiron en Merlín, o blog do centro, a propósito da lectura do meu libro Cartas de amor. Hoxe intervirei cunha charla sobre o libro no citado instituto, onde me consta que fixeron un espléndido traballo en torno á miña proposta literaria.

Outros centros nos que tamén fixeron comentarios nos seus blogs ou webs sobre Cartas de amor son:

o IES de Fene
o IES Sánchez Cantón
o IES de Teis
o IES Auga da Laxe
o IES Monte Carrasco
o IES Álvaro Cunqueiro
o IES Lagoa de Antela
o IES Félix Muriel


Dentro duns días impartirei tamén unha charla no IES de Valga.
Cartas de amor, ademais, está finalista no Premio Literario Frei Martín Sarmiento e recomendado en Rede Lectura, blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

3.12.07

Ponte nas ondas

Recentemente recibín este correo electrónico, que reproduzo:

Estimado amigo:

Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! dirixímonos a ti para informarte da actualidade da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, Candidatura que no seu momento contou co teu importante apoio.
Como ben sabedes, hai precisamente dous anos, en novembro de 2005, esta Candidatura estaba en París competindo por ser unha das proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial. Lamentabelmente non foi posíbel naquela ocasión. Foron moitas as voces que sinalaron que o esforzo realizado xa valera a pena xa que a conciencia creada arredor deste patrimonio común xa quedaría como un importante logro.

Desde hai poucos días, tivemos coñecemento que a UNESCO abriu o prazo, até setembro de 2008, para a presentación de propostas por parte dos Estados de candidaturas de patrimonio inmaterial que serán inscritas na Lista Indicativa que se fará pública no ano 2009.

Como queira que foi precisamente o 25 de novembro de 2005 a data na que a Candidatura non acadou a proclamación, desde Ponte...nas ondas! pensamos que sería oportuno chamar a atención sobre os gobernos para que propoñan á UNESCO a inscrición do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na nova Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Nestes momentos, estamos aínda a tempo para conseguir que a Candidatura sexa proposta por ambos Estados. Depende do apoio e do eco que entre todos e todas consigamos facer chegar aos respectivos Ministerios de Cultura.

Para iso, e dado que a Candidatura foi a primeira en ser promovida desde centros educativos de dous países, o próximo día 23 de novembro, os centros educativos das dúas beiras do Miño realizarán un acto simbólico de unión enriba das respectivas pontes. Unha vez máis imos tender pontes sobre a fronteira. Unha cadea humana de xoves das dúas beiras interpretarán o tema central de Meniños Cantores (Máis perto).

Desde Ponte... nas ondas! dirixímonos especialmente a ti para que nas tribunas públicas nas que poidas expresar a túa opinión difundas esta nova oportunidade que se presenta para o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Adxuntámoche un texto explicativo e estamos á túa disposición para proporcionarche toda a información que precises.

No nome do colectivo de Ponte… nas ondas! recibe o noso máis cordial saúda e agradecemento pola túa valiosa colaboración.


Santiago Veloso Troncoso
Presidente da Asociación Ponte...nas ondas!
vtroncoso@pontenasondas.org

1.12.07

Presentació de Mals de cap

Acaban de enviarme algunhas imaxes do acto da presentación de Mals de cap no Saló del Llibre de Barcelona, o pasado domingo. A imaxe inferior corresponde a un instante da miña intervención, logo de que participasen o editor, Francesc Mestres, e a tradutora, Fina Iglesias. Cando rematei de falar, Fina e mais eu demos lectura a unha serie de fragmentos do libro, que eu lía da edición orixinal en galego e Fina da tradución catalana. Mil grazas, Fina.