31.12.07

Autorretrato (1)

Fíxense vostedes no aspecto do individuo da fotografía. A imaxe é bastante deplorable: abstraído, despreocupado, que non evita mostrar as formas naturais dun corpo pouco terso, forzado polo paso dos anos, pateticamente mal vestido, cunha vella camiseta azul de camioneiro que se sobrepón aos inicios de algo que non se sabe ben se son uns calzóns vellos ou un recorrido pantalón de chandal. Fíxense, a ollada perdida no eco baleiro de si mesmo, da súa conciencia distraída, o rostro sereno, o pelo canoso, e unha vontade manifesta por non disimular as curvas que mostran as proporcións dunha barriga exhultante, ameazadora. ¿Cómo ten que ser unha persoa para autorretratarse así? ¿Abandonada ou vanidosa? Se cadra, as dúas cousas ao tempo, se cadra a súa actitude profundiza nese carácter que perpectúa a infinidade fotográfica dunha imaxe grotesca, grotescamente descarada, vanidosa e estúpida. É el, sen dúbida.


28.12.07

Caricatura

Calros Silvar tivo a deferencia de enviarme unha caricatura que me fixo hai algún tempo para publicar en A Nosa Terra. Aproveito para reproducila en Cabrafanada precisamente hoxe. Paréceme un bo divertimento para o Día dos Santos Inocentes. Eu xa celebrara este día o pasado ano.


27.12.07

e-tarxetas postais

Estes días recibín múltiples tarxetas postais, principalmente por correo electrónico. Selecciono algunhas para Cabrafanada.


Esta primeira é da poeta Olga Patiño:




A segunda envíama Xesús Manuel Marcos:




E a máis impactante é de Acción contra a Fame, realizada a partir da imaxe fotógrafo galego Fernando Bellas, que viaxou a Nicaragua:

25.12.07

Santa Matriusca

Cada vez se utiliza máis YouTube e o vídeo a través da rede para a promoción das obras literarias en galego.

24.12.07

Felicitacion

Acabo de recibir esta felicitación de Nadal de Kalandraka.

Materiais de lectura, literatura e lingua

Rosa Salgueiro, unha das profesoras máis activas que coñezo, acaba de crear unha web utilísima para o profesorado, con materiais didácticos para as clases de lingua e literatura, baixo a licencia de Creative Commons: Na punta da lingua. Moi recomendable.

22.12.07

Un disco de luxo

A presentación en rolda de prensa do disco da Señora Carmen en solitario tivo unha ampla repercusión. É simpática esta entrevista. A muller está un pouco desbordada polos requirimentos dos medios. Mesmo Ana Rosa Quintana intentou levala ao seu programa. O único medio escrito que non publicou nada sobre a cantante de Mos foi o Faro de Vigo. PAI Música aínda está a distribuír o disco polos puntos de venda. Como dixo Uxía na presentación, un excelente agasallo de Nadal.





21.12.07

A Señora Carme na flor dos seus anos

Hoxe, ás 12 da mañá, estarei no CGAC, na rolda de prensa que ofrecen PAI Música e a Consellería de Cultura para pressentar o disco en solitario da Señora Carmen, Na flor dos meus anos, toda unha alfaia para a discografía galega. Desgarrador, conmovedor, deslumbrante. Non atopo adxectivos para calificar a música irrepetible desta muller de 82 anos. A min correspóndeme a honra de ter debuxado coa palabra escrita a biografía da muller máis seductora do mundo.
Na flor dos meus anos consta dun libro, un CD con 11 cancións e colaboracións tan importantes como as de Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, Uxía ou Rodrigo Romaní, e un DVD cun documental onde a Señora Carmen nos relata as súas lembranzas e nos mostra o seu lado máis humano. A Señora Carmen, un verdadeiro mito para a nosa cultura.


19.12.07

Tino Baz

O cantautor Tino Baz presenta o seu primeiro disco en solitario, Cinsa namorada. Será hoxe, ás oito da tarde, na Casa da Cultura da Guarda.


16.12.07

Diñeiro

—O máis importante nesta vida é o diñeiro –insistíalles sempre aos seus fillos.
E, cando morreu, enchéronlle o cadaleito de billetes.

13.12.07

Implícate

Implicadas no desenvolvemento, con María Reimóndez á cabeza, volven organizar o festival Implícate!, que xa está na terceira edición. Eu tivera a honra de ser convidado a recitar na primeira edición do festival, daquela aínda unha forte aposta cuxos magníficos resultados podemos ver agora: a súa consolidación. Reproduzo abaixo o comunicado que recibín da ONG.



Este evento solidario, que terá lugar o domingo 16 ás 20.30 horas, reunirá no Teatro Principal de Compostela a artistas de luxo a prol da sensibilización cidadá e da cooperación.

Artistas como o grupo Loretta Martin ou Espido en música; Nova Galega de Danza ou María Reimóndez en danza; Iria Piñeiro e Paula Carballeira en teatro; e María Lado, Antón Lopo, Estíbaliz Espinosa e Miguel Anxo Fernán Vello en poesía daranse cita no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16, ás oito e media da tarde, para participar na terceira edición do Implícate! Noite de música e palabra solidaria organizado por ‘Implicadas no Desenvolvemento’ (IND) e presentado por Yolanda Castaño e Isabel Blanco.

As entradas para Implícate! Noite de música e palabra solidaria xa están á venda, e pódense mercar a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web e do teléfono 902 434443), no propio Teatro Principal, ou no local de Implicadas en Vigo (Camelias, 49 - escaleira). O prezo é de 10€ entrada xeral e 6€ para estudantado. Dadas as características do local no que se celebrará o evento, o Implícate terá un aforo máis limitado que en anos anteriores, polo que recomendamos mercar as entradas con suficiente antelación.

O obxectivo de Implícate! Noite de música e palabra solidaria, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas. Abaixo, reproduzo o correo electrónico que recibín da organización.

Dende Implicadas consideramos que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galicia, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as forzas vivas do noso pobo, como son as/os nosas/os músicas/os, poetas, artistas e persoas comprometidas e implicadas. Cremos que só cambiando as raíces da pobreza cambiaremos a situación de millóns de persoas, e iso implica cambiar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa. Pensamos que os pobos teñen dereito a decidir sobre os seus designios e que as persoas teñen dereito a vivir con dignidade, e por iso traballamos man a man coas organizacións cívicas do sur e coas comunidades empobrecidas para que desenvolvan as súas capacidades. E sabemos que o desenvolvemento da humanidade pasa por erradicar a primeira desigualdade, a de xénero, e por iso no noso traballo queremos dar voz e capacitación ás mulleres para que poidan decidir sobre as súas vidas e para que se respecten os seus dereitos.

E por iso é que, para estar máis preto de acadar os nosos obxectivos, organizamos esta segunda edición da Noite de música e palabra solidaria. Implícate!

11.12.07

Movemento insubmiso

Non deixa de ser curioso, este novo movemento de insubmisión, que agora xa non é antimilitar senón antirelixioso, e que sen dúbida vai coller máis forza cada vez. En todo caso, a forza simbólica do movemento é moi grande e as súas repercusións sociais poden ser moi importantes. Tempo ao tempo.

Males de cabeza

A principios do 2008 presentaremos en Madrid a tradución ao castelán de Males de cabeza, que xa está distribuído nas librarías, conxuntamente con La Frontera infinita, de Celso Emilio Ferreiro. O libro foi publicado por Faktoría K de Libros e o deseño de cuberta é de Marc Taeger. Na rede pódese ler un fragmento do texto «Domesticum bellum». A continuación, reproduzo literalmente os paratextos do libro:

La locura y su antítesis, la lucidez, son el eje sobre el que giran estas historias, entrecruzadas como una tela de araña. Sus personajes y sus circunstancias no dejan de ser familiares para el lector, inmerso en un mundo en el que las tensiones diarias y la neurosis colectiva alteran nuestro frágil equilibrio emocional. Y así, entre la ternura y la crudeza, la ironía y la solidaridad, se va tejiendo una necesaria reflexión sobre el ser humano y nuestro tiempo, sus virtudes, sus límites y sus miserias.
Un libro de estructura original y estilo vivaz, lleno de humor, con influencias cinematográficas, que ahonda en el lado enigmático de la mente, donde anida la perplejidad y las contradicciones de un tiempo que es el nuestro; donde se incuban los celos, las fobias, el miedo, la angustia y las manías; donde se custodia la brújula de nuestra vida.

FRAN ALONSO (Vigo, 1963). Narrador y poeta, licenciado en Filología Gallego-Portuguesa. Su trayectoria profesional está ligada al ámbito del periodismo y de la edición. Con la obra titulada Trailer ganó en 1991 el Premio Blanco Amor de Novela. Le siguieron otros títulos como Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), Territorio ocupado (1998) y O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) y A vida secreta de María Mariño (2007). Su vinculación a los medios de comunicación se concreta a través de la colaboración en publicaciones como Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia, A Nosa Terra y el suplemento “Luces” del diario El País. Mantiene en la red el blog Cabrafanada. Como poeta, es autor de Ciudades, Premio Rañolas al mejor libro infantil y juvenil de 1997, traducido al castellano. Una buena parte de su poesía está recogida en el volumen Subversións (2001). Su último poemario, Balada solitaria, es un diálogo entre sus versos y las imágenes del fotógrafo portugués Renato Roque. También es autor de la antología “Poetízate” (2006) y del álbum ilustrado A casa da duna (2002), distinguido con el White Ravens.




9.12.07

Paixón polos blogs

Aparecen dous novos blogs de persoas que xa navegaban por amplos mares. Un, sempre interesante, é Sara Figueiredo Costa, que agora recunca en Caldeirão Voltaire. Outro, o noso Rei de Copas, que agora se aventura no esbaradizo terreo da lingua galega. Boa navegación!


8.12.07

Ano María Mariño

Remata o ano María Mariño e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega organiza o 12 de decembro en Compostela unha mesa redonda que pretende facer balance, seguido dun recital poético. A mesa redonda será o mércores ás 16,30 horas, moderada por Rosario Álvarez e coa participción de Helena González (responsable da edición do libro máis esclarecedor do ano María Mariño), Esperanza Mariño, Carmen Blanco e Pilar García Negro. Ás 18,30, no recital, participarán Lupe Gómez, Yolanda Castaño, María Lado e María do Cebreiro. Os actos terán lugar na sede do Consello da Cultura Galega, na praza do Obradoiro.


6.12.07

Nena reservista

Profesionais do equilibrio

Os escritores debaten sobre a súa profesionalidade

Algúns escritores son partidarios de exercer o seu oficio durante as 24 horas do día. Outros, sen embargo, prefiren non ser absorvidos pola palabra. A pregunta foi ¿é boa a profesionalidade do escritor? Cada quen a interpretou á súa maneira. Estas son as súas opinións.
Xelís de Toro:
Sería ideal non verse obrigado a facer outras cousas para sobrevivir.
Ana Romaní:
Eu persoalmente considero que non é boa pero cada un debería ter a posibilidade de escoller. Así e todo, eu prefiro non escoller esa opción.
Ramón Caride Ogando:
Redundaría en beneficio da calidade literaria.
Paco Martín:
Non teño posibilidade de sabelo. En Galicia hai escritores de fin de semana, xente que aproveita o tempo de vagar para escribir, e non debería ser así. O escritor ten que aproveitar máis o tempo. A cuestión está en conseguir un mínimo de profesionalidade no feito literario. Ademais, non estaría mal ter algunhas experiencias de escritores profesionais para ver como funciona o asunto.
Xesús Rábade:
Rotundamente, si. É un dos problemas do profesional da literatura en Galicia. Todos temos que nos adicar a buscar o modus vivendi, sobre todo se practicamos os temas e xéneros menos comerciais.
Xosé Vázquez Pintor:
É bo que o escritor teña tempo libre para escribir, pero non o é que viva da súa propia obra porque aparecen unha serie de condicionantes que o limitan. Habería que retribuir máis ó escritor.
Alfonso Álvarez Cáccamo:
Sería moi bo. Estaría ben que no DNI puxese «profesión: escritor». Ademais, tería que responder cara á sociedade coa súa obra literaria.
Camilo Gonsar:
O ideal sería que cada quen puidese vivir do que escribe. Agora ben, o feito de vivir da escritura pode impoñer certas limitacións, e o escritor pode acabar escribindo o que lle piden.
Lois Diéguez:
Non sería atinado. Véxoo moi difícil porque implica problemas a nivel político e editorial. Sen embargo, sería positivo que os escritores dispuxesen de máis tempo para escribir.
Manuel Rivas:
Hai que reivindicar a condición de escritor. Nese sentido o escritor debe arriscar na aposta. Se algo ten de oficio a palabra é que tes que correr o risco e non podes depender dun convenio: tes que ser un monxe-guerreiro. É un traballo enfebrecido: o escritor é coma o buscador de ouro coa diferencia de que non procura compensación material. Por iso paga a pena esa aposta.
Claudio Rodíguez Fer:
Ten ventaxas e inconvenientes. Nunha situacil ideal seríá extraordinariamente positivo. O ano pasado non dei clase e foi, para min, un ano moi intenso literariamente. Así e todo, na sociedade capitalista hai que comerciar e vivir do público e iso non me interesaría porque perdería liberdade creativa.
Ursula Heinze:
En Galicia, ese é o gran mal da literatura. Sen adicarse exclusivamente a ela non se fai unha literatura válida. Hai que ser profesional do que se fai. Eu só fago literatura pero non podo vivir diso. Facer mil cousas ó tempo non é posible. En Galicia escríbese nos ratos libres, como pasatempos, e iso é negativo.
Manuel Guede:
Sería un bo síntoma de sociedade normalizada, pero eu nunca considerei tal cousa. Non me interesa publicar un libro cada ano. Joyce malviviu 17 anos co Ulises. Se entras na dinámica do mercado estás hipotecado. O feito de profesionalizar o oficio non debería depender da lei da oferta e da demanda. Cela entrou nesa dinámica e está sendo devorado por ela. Non ten tempo para escribir nesa voráxine de premios, viaxes e conferencias.
Luis Rei Núñez:
Sería bo para a saúde física e mental do escritor. Aínda que un escritor sen apremio pode caer na preguiza.
Xaquín Agulla:
Nn é que sexa positivo, é que terá que ser obrigatorio. Debería estar recollido na constitución: todo escritor debe vivir da súa obra.

Fran Alonso, Diario 16 de Galicia, Sábado, 23 de febreiro de 1991

5.12.07

O novo A Nosa Terra

Onte acudín en Vigo á presentación pública da remodelación do semanario A Nosa Terra, cun equipo renovado e dirixido polo xornalista e escritor Manuel Veiga. O novo xornal presenta un cambio radical de deseño e concepción, cunha nova fasquía deslumbrante. Desde unha aposta económica moi forte, un cambio no accionariado e unha nova liña editorial –«máis plural e máis aberta», en palabras do novo director– A Nosa Terra sae á luz nesta nova e ilusionante etapa cun deseño moderno, moi atractivo, a cor, cun formato diferente (máis revista e menos xornal) e un prezo realmente moi asequible (2 euros). Sen dúbida ningunha, o novo xornal colócase nunha posición estratéxica moito máis privilexiadoa para ampliar o seu campo de lectores e redefinir o seu ámbito de influencia. Desde agora xa, este novo ANT convértese nun referente imprescindible na comunicación galega e nun modelo de xornal en galego que parece querer contribuír con solidez ao debate de como facer medrar, desde a liberdade, un país chamado Galicia.



O primeiro número da edición anovada de ANT presenta artigos de opinión, unha entrevista con Jordi Pujol, atractivas reportaxes como a da piscifactoría de Corrubedo, un espazo de deportes, completísimas páxinas de cultura e información sobre libros, cine e música, un simpático suplemento infantil chamado Bulebule con importante presenza dos Bolechas e algunhas seccións didácticas, e un estenso Magazine con apartados como «Viaxar, comer e mercar», ademais dun completo guieiro cultural, sen esquecer a páxina de pasatempos. Todo, reforzado coa incorporación de sinaturas como a de Teresa Moure.
Ademais, conxuntamente con este número, pero por separado, A Nosa Terra publica un valioso especial centenario (1907-2007) con entrevistas a Miguel Barros, Roberto Blanco Valdés e Vítor Freixanes, así como artigos de opinión de Touriño, Quintana, Núñez Feixoo, Ramiro Fonte, unha carta aberta de Damián Villalaín e reportaxes sobre o Museo do Pobo Galego, Zeltia, Irlanda, o pop galego, etc.



No ámbito dixital, A Nosa Terra abre un amplo e actualizado espazo web de información continua, con redacción propia formada por sete persoas en Compostela, que inclúe A Nosa Terra Radio e A Nosa Terra Televisión, a través de pequenas pero interesantes emisións web.
Entre as intervencións do acto de presentación do semanario, ademais da de Alfonso Eiré, foi moi significativa a do novo director, Manuel Veiga, cun discurso moi autocrítico, moi reflexivo, ofrecendo sempre unha visión moi positiva e moi integradora. Por ese mesmo camiño, aínda que desde o punto de vista do proxecto empresarial e o seu papel na conformación da identidade do país, transitou a intervención de Miguel Barros, presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas, que resaltou algo especialmente importante para a consideración e o futuro da lingua: «O idioma forma un elo indisociable deste proxecto. A lexitimidade histórica derívase da lealdade co idioma e co país». Ora, «o idioma é o único ben colectivo que perde sentido cando se pretende que sexa privado».
Seica veñen novos tempos para ANT.
Moitos parabéns e toda a sorte do universo na nova andaina.

4.12.07

Cartas de amor no I.E.S Álvaro Cunqueiro

Desde o Instituto Álvaro Cunqueiro de Vigo envíanme as cartas e comentarios que os estudantes escribiron en Merlín, o blog do centro, a propósito da lectura do meu libro Cartas de amor. Hoxe intervirei cunha charla sobre o libro no citado instituto, onde me consta que fixeron un espléndido traballo en torno á miña proposta literaria.

Outros centros nos que tamén fixeron comentarios nos seus blogs ou webs sobre Cartas de amor son:

o IES de Fene
o IES Sánchez Cantón
o IES de Teis
o IES Auga da Laxe
o IES Monte Carrasco
o IES Álvaro Cunqueiro
o IES Lagoa de Antela
o IES Félix Muriel


Dentro duns días impartirei tamén unha charla no IES de Valga.
Cartas de amor, ademais, está finalista no Premio Literario Frei Martín Sarmiento e recomendado en Rede Lectura, blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

3.12.07

Ponte nas ondas

Recentemente recibín este correo electrónico, que reproduzo:

Estimado amigo:

Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! dirixímonos a ti para informarte da actualidade da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, Candidatura que no seu momento contou co teu importante apoio.
Como ben sabedes, hai precisamente dous anos, en novembro de 2005, esta Candidatura estaba en París competindo por ser unha das proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial. Lamentabelmente non foi posíbel naquela ocasión. Foron moitas as voces que sinalaron que o esforzo realizado xa valera a pena xa que a conciencia creada arredor deste patrimonio común xa quedaría como un importante logro.

Desde hai poucos días, tivemos coñecemento que a UNESCO abriu o prazo, até setembro de 2008, para a presentación de propostas por parte dos Estados de candidaturas de patrimonio inmaterial que serán inscritas na Lista Indicativa que se fará pública no ano 2009.

Como queira que foi precisamente o 25 de novembro de 2005 a data na que a Candidatura non acadou a proclamación, desde Ponte...nas ondas! pensamos que sería oportuno chamar a atención sobre os gobernos para que propoñan á UNESCO a inscrición do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na nova Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Nestes momentos, estamos aínda a tempo para conseguir que a Candidatura sexa proposta por ambos Estados. Depende do apoio e do eco que entre todos e todas consigamos facer chegar aos respectivos Ministerios de Cultura.

Para iso, e dado que a Candidatura foi a primeira en ser promovida desde centros educativos de dous países, o próximo día 23 de novembro, os centros educativos das dúas beiras do Miño realizarán un acto simbólico de unión enriba das respectivas pontes. Unha vez máis imos tender pontes sobre a fronteira. Unha cadea humana de xoves das dúas beiras interpretarán o tema central de Meniños Cantores (Máis perto).

Desde Ponte... nas ondas! dirixímonos especialmente a ti para que nas tribunas públicas nas que poidas expresar a túa opinión difundas esta nova oportunidade que se presenta para o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Adxuntámoche un texto explicativo e estamos á túa disposición para proporcionarche toda a información que precises.

No nome do colectivo de Ponte… nas ondas! recibe o noso máis cordial saúda e agradecemento pola túa valiosa colaboración.


Santiago Veloso Troncoso
Presidente da Asociación Ponte...nas ondas!
vtroncoso@pontenasondas.org

1.12.07

Presentació de Mals de cap

Acaban de enviarme algunhas imaxes do acto da presentación de Mals de cap no Saló del Llibre de Barcelona, o pasado domingo. A imaxe inferior corresponde a un instante da miña intervención, logo de que participasen o editor, Francesc Mestres, e a tradutora, Fina Iglesias. Cando rematei de falar, Fina e mais eu demos lectura a unha serie de fragmentos do libro, que eu lía da edición orixinal en galego e Fina da tradución catalana. Mil grazas, Fina.




29.11.07

Fronteiras

Un interesantísimo e polémico documental de Rubén Pardiñas sobre a Galicia exterior e as fronteiras da lingua galega.


28.11.07

Centro de Documentación da AELG

O Centro de Documentación da Asociación de Escritores en Lingua Galega está a se converter nunha extraordinaria páxina de recursos e información.
No que se refire ao meu espazo, a cantidade de documentos recopilados na web constitúe unha ferrramente de grande utilidade. Ademais, a sección Videoteca do Autor, supón unha resposta ao reto dos novos tempos, de xeito que os escritores aparecemos ante as cámaras recitando poemas (do meu libro Subversións, no meu caso), lendo textos doutros autores (Luís Pimentel, no meu caso), ou explicando os motivos polos que comezamos a escribir.


24.11.07

Ciutats

Dado que hoxe estarei xa en Barcelona presentando de Mals de cap, vou aproveitar para reproducir en Cabrafanada dous poemas do meu libro Cidades, traducidos por Santiago Cucurella.


Quan ploro,
Ho faig sempre damunt dels mapes,
per a què plogui damunt les ciutats preferides.
Les ciutats dels mapes,
aquelles que es poden recórrer
amb el perfil perdut de la mirada,
i viatjar d’una a una altra en un segon,
abastar-les totes.
o viure a totes i a cap.
Són les ciutats dels mapes,
les urbs damunt les que sempre ploro
quan estic desonsolat.


Entre totes les ciutats més m’estimo
les que dormen damunt del mar
o aquelles que s’enlairen en la sorra
del desert.
Les primeres estan habitades
per sardines d’argent,
i les segones per
dàtils de llum.

23.11.07

Berrobambán teatro, no Contomar

O Contomar continúa coas actividades de fomento da lectura que vén ofrecendo desde hai dous anos, esta vez coa programación dun espectáculo de Berrobambán Teatro titulado «Un conto que nin pintado» e baseado na animación lectora. Como di o blog do Contomar, «neste espectáculo Berrobambán emprega o teatro como medio de achega á animación á lectura, pois a lectura enriquece o imaxinario do público infantil e crea unha ponte coa ficción indispensable para a creación artística. O libro está presente non só na propia historia, senón tamén de forma físca nos obxectos, converténdose así no único e real protagonista do espectáculo». Será o Luns, 26 de novembro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Lástima que eu non poida asistir.

22.11.07

Lamatumbá

Os incansables Lamatumbá, con nova formación, están a gravar o seu próximo disco na Casa de Tolos (Val Miñor) a golpe de licor de negro café. O disco será editado na vindeira primavera por PAI Música. Na foto, o músico e produtor Segundo Grandío cos membros da banda ourensana.

21.11.07

Nova etapa para A Nosa Terra

O semanario A Nosa Terra vai iniciar unha nova etapa, ilusionante e esperanzadora, baixo a dirección do xornalista, politólogo e escritor Manuel Veiga.
Como lector e colaborador habitual de ANT quixera transmitirlles os meus parabéns e desexarlle ao xornal e a todo o seu equipo moitas sorte nesta nova andaina. ANT é, indiscutiblemente, o medio de comunicación que, ao longo da súa historia, máis apostou pola cultura e o libro galego. Parabéns.


19.11.07

Mals de cap

A vindeira fin de semana viaxarei a Barcelona para presentar Mals de cap, a tradución catalana de Males de cabeza realizada por Fina Iglesias e publicada por El Cep i la Nansa.
A presentación celebrarase o próximo domingo 25 ás 11:30 h. da mañá no Saló del Llibre de Barcelona, no recinto da Fira de Barcelona, Pavelló 1, Stand B025, Montjuïc- Barcelona. Ademais de min, no acto participarán a tradutora, Fina Iglesias, e o editor, Francesc Mestres.
Presentació de Mals de Cap
(narrativa), editat per El Cep i la Nansa, amb la participació de l'autor, Fran Alonso, l'editor, Francesc Mestres, i la traductora, Fina Iglesias
Saló del Llibre de Barcelona, Diumenge 25 novembre 2007, 11:30
Os seguintes días terei un apretado programa de actos, organizado por Filologies Gallega i Portuguesa da UB, polo Lectorado de Galego da UAB e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co seguinte calendario:
Escribir amordazado, conferencia de Fran Alonso
Luns 26 novembro 2007, 10:00
Ed. Josep Carner, Aula 0.1
Facultat de Filologia, Universitat de Barcelona
c/ Aribau, 2 - 08007 Barcelona
Coloquio sobre Males de cabeza no Club de Lectura do Centro Galego de Cerdanyola, coa participación do autor
Luns 26 novembro 2007, 19:30
Centro Galego de Cerdanyola
c/ Picasso, 2-4 -08290 Cerdanyola del Vallès
O escritor e a obra ante o seu tempo, conferencia de Fran Alonso
Martes 27 novembro 2007, 15:00
Facultat de Lletres, Aula 106
Universitat Autònoma de Barcelona
08193 Bellaterra

A continuación reproduzo os paratextos promocionais en catalán de Mals de cap:
Mals de cap s'endinsa en aquell vent que bufa des de les entranyes de la cultura urbana contemporània i que ens arrossega entre les fulles gairebé invisibles d'una neurosi col·lectiva. El llibre ens proposa una immersió en un món en què les tensions diàries i els estils de vida contemporanis alteren el nostre fràgil equilibri emocional. I així, entre la tendresa i la cruesa, la ironia i la solidaritat, es va teixint una necessària reflexió sobre l'ésser humà i el nostre temps, les seves virtuts, els seus límits i les seves misèries. A Mals de cap, Fran Alonso adopta un to subversiu per conduir el lector vers el seu fons més pregon, fins aquell espai fronterer i relliscós, fred i letal como el tall d'una navalla, entre la cordura i la bogeria, i ho fa, també, servint-se de l'humor i de la ironia, amb una prosa àgil i imantada, mirant de no deixar mai indiferents els lectors.

Fran Alonso (Vigo, 1963) és un dels escriptors gallecs de referència. Narrador i poeta, la seva trajectòria professional està lligada a l'àmbit del periodisme i de l'edició. Durant alguns anys ha estat col·laborador de les pàgines d'opinió de
Diario 16 de Galicia i La Voz de Galicia, i en l'actualitat col·labora en el setmanari A Nosa Terra i en el suplement «Luces» del diari El País. Manté actiu a la xarxa el seu bloc Cabrafanada. Amb l'obra titulada Trailer va guanyar el 1991 el Premi Blanco Amor de Novela. En el camp de la narrativa, van seguir-lo altres títols com Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), Territorio ocupado (1998), O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) i A vida secreta de María Mariño (2007). A més, la seva obra ha rebut premis com el Losada Diéguez a la millor obra literària, el Rañolas de Literatura Infantil i Juvenil al millor llibre de l'any, i la distinció White Ravens de la Biblioteca Internacional de Munic. Com a poeta, és autor d'un llibre fundacional en la poesía gallega dels 90: Persianas, pedramol e outros nervios (1992). Després ha publicat Tortillas para os obreiros (1996), Cidades (1997), Subversións (2001) i Balada solitaria (2004). També és autor de Poetízate (2006) i de l'àlbum il·lustrat A casa da duna (2002).


Outros textos meus traducidos ao catalán / Altres textes meus traduits al catalá:

El segrest dels elefants
Vigo, paisatge urbà

17.11.07

SOS cabalos da Groba

Sorprendente vídeo (primeira parte) realizado nos anos 70 por Xosé Lois Vilar Montero, pai do actual presidente de SOS Groba. O interese etnográfico do vídeo é enorme. Os membros de SOS Groba están a proxectar este vídeo nas charlas contra o parque eólico que imparten nas distintas comunicades da Serra. A épica da Serra da Groba é bastante máis fermosa que a do Far-west americano.


15.11.07

O carallo 29

A través de Ramón Nicolás coñezo a existencia real do Carallo 29.
Sorprendente. ¡Non era ficción!
Perpetuado, incluso nos blogs e nos blogueiros.
Algo con tanta bibliografía, por forza, tiña que ser científico.
Xa o dicía Juan Soto na Guía secreta de Galicia en 1974: «Hay una palabra que oirá muchas veces. Tantas, que se le pegará y acabará repitiéndola. Esta palabra es 'carallo', la más repetida, sin duda, por el pueblo gallego, desde los oestrymnios hasta nuestros días. (Algunos chuscos mal intencionados dicen que los gallegos tenemos siempre el 'carallo' en la boca. No repita usted la gracia, porque es una grosería). Carallo es un vocablo que sirve para expresarlo todo: alegría, tristeza, duda, sorpresa, asentimiento, negación, etc. Un 'carallo' a tiempo es una victoria dialéctica».


13.11.07

Estado do benestar

Mañá estarei aquí, falando do estado do benestar. A miña intervención ubícase na sesión de apertura, desde a perspectiva de "Outras olladas, outras visións do estado do benestar". A miña ollada será literaria. Non podía ser doutro xeito.


12.11.07

¿Que pasa en Gondomar?

O PP e o PSOE de Gondomar, que parecen actuar conxuntamente, cada vez van ter que dar máis explicacións á cidadanía. Logo do último pleno, deberán que explicarnos o inxustificable motivo polo que se opuxeron á creación dunha gardería municipal (galescola) financiada pola Xunta de Galicia, oposición que agora imposibilita ao Concello de Gondomar para dotar a poboación gondomareña dunha infraestrutura dese tipo a curto prazo. O feito de que os intereses políticos prevalezan por enriba dos intereses do pobo é o máis grave que pode suceder no ámbito da política, e moi especialmente da política municipal.

11.11.07

Libro e mercado

Os vindeiros xoves e venres celébrase o IV Simposio sobre o Libro e a Lectura, organizado pola AGE. O prazo de incrición permanecerá aberto até o mércores. Coa conferencia inaugural a cargo da directora de Lumen, Silvia Querini, abrirase unha edición dedicada, nesta ocasión, ao candente tema de libro e mercado, analizándose as tensións e implicacións entre o mercado e todos os elos da cadea do libro: os autores, os editores, os libreiros, as axencias literarias... O subdirector da revista Qué Leer, Antonio González Iturbe; o director do grupo portugués Edições Asa, Manuel Valente, o presidente da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), Fernando Valverde; a axente literaria Mónica Martín; o director de Cultura da FNAC, Ramón Reboiras; a escritora e crítica literaria Inma López Silva; ou o responsable do suplemento Culturas de La Voz de Galicia son algúns dos participantes. O programa completo pode verse aquí.


9.11.07

Fervenzas literarias

O forno dos escritores na lareira das Fervenzas Literarias, unha páxina utilísima para saber de libros no medio desta gravísima crise de lectores que padecemos. Só un 7,1% da pobación galega se define como lectores habituais.


7.11.07

Sinaturas contra o Parque Eólico da Groba

SOS A Serra da Groba

A.A.: Xunta de Galicia

As cidadás e cidadáns abaixo asinantes manifestamos a nosa total oposición á instalación do Parque Eólico Albariño I na Serra da Groba porque o consideramos un espazo natural e cultural de gran valor que cómpre preservar e conservar.

Esiximos unha figura de protección axeitada para a conservación dos cabalos de raza galega que alí habitan (a maior concentración de cabalos salvaxes da península) e dos curros que anualmente se celebran.

Esiximos a preservación e coidado de todos os restos arqueolóxicos existentes na Serra da Groba e a catalogación inmediata dos xacementos coñecidos e sen catalogar.

Esiximos a inclusión da Serra da Groba como Lugar de Interese Comunitario (LIC) na Rede Natura 2000, pois reúne máis que sobradamente as condicións necesarias para iso.

Esiximos, en suma, poder seguir gozando destas riquezas que esa Serra atesoura, que son de toda a cidadanía, e legalas, melloradas, ás futuras xeracións.


Sinatura on line


5.11.07

Males de cabeza, en castelán e catalán

Este mes de novembro publícase a tradución de Males de cabeza ao castelán e tamén ao catalán. Coinciden. A edición en español edítaa Faktoría K, na súa nova colección de Narrativa e xa teño un exemplar impreso na miña man. Males de cabeza é o número 2 desa nova colección. O número 1 é La frontera infinita, de Celso Emilio Ferreiro, con prólogo de Ramón Nicolás.

En catalán, a tradución, excelente, é responsabilidade de Fina Iglesias, e a editora que a publica é El Cep i la Nansa, unha editorial pequena e de bo facer. A tradución ao catalán recibiu unha bolsa do Institució de les Lletres Catalanes. O título traducido é Mals de cap e aparece na serie Desabafo.

Ademais, Males de cabeza está sendo verquido ao polaco por Joanna Wlodazczyk, que está a facer a súa tese de licenciatura sobre a tradución do meu libro a esa lingua. Joanna xa traduciu ao polaco e publicou "Os aforros da vella" ("Oszczednosci staruszki") de Males de cabeza, e recentemente un relato de Cartas de amor.

Un dos relatos de Males de cabeza, «Domesticum bellum», xa fora traducido ao alemán aus dem Galicischen por Heidi Kühn-Bode, e editado nunha antoloxía da editora Axel Lenzen Verlag (Iberia polyglotta. Zeigenössische Gedichte und Kurzprosa in den Sprachen der Ibersichen Halbinsel. Mit deutscher Übersetzung). Outro relato do libro, «O fareiro», foi publicado en México pola revista cultural Blancomóvil.




1.11.07

Obxectos arqueolóxicos

Hai algúns días visitei coas miñas fillas o Museo do Pobo Galego. A verdade é que levaba tempo sen ir, e descubrín que o museo está moi mellorado. A visita foi realmente entretida. Nunha sala anexa, había unha exposición, basicamente de material didáctico, organizada por un colexio de Taragoña. Un dos descubrimentos que a visita lle produciu á miña filla maior produciuse precisamente alí, diante dun estraño aparello, ante o que permaneceu estancada, mirando para el coma se vise a cousa máis rara do mundo. A continuación, preguntoume que demos era aquela cousa. Tratábase simplemente, dunha máquina de escribir. Foi entón cando me decatei de que, afeita a que os ordenadores sexan para ela a cousa máis cotiá do mundo, era a primeira vez na súa vida que vía aquel estraño aparello co que, por certo, eu empecei a escribir bastantes anos atrás. O tempo é sempre o mesmo pero, sendo o mesmo, cada vez pasa máis apresa.


29.10.07

Rosa Aneiros e Cartas de amor

Por casualidade, navegando pola rede, nas páxinas da AELG descubrín este vídeo de Rosa Aneiros lendo Cartas de amor. Non o coñecía. Grazas, Rosa.
Por certo, a Rosa Aneiros teño que agradecerlle tamén a dedicatoria do seu próximo libro, Ao pé do abismo, que reune a súa excelente literatura xornalística.


20.10.07

Política lingüística

Estes son os datos:

1992: o galego é a lingua inicial do 60,3 % da poboación (lingua maioritaria de adquisición primaria).

2004: o galego é a lingua inicial do 35,7 % da poboación (lingua en que o individuo aprendeu a falar).

Desa porcentaxe do 35,7% do ano 2004, un 20,6% aprendeu a falar "só en galego" e un 15,1% aprendeu a falar "máis en galego que en castelán". Pola contra, o 62,1% dos galegos aprendeu a falar única ou preferentemente en castelán.

¡Só doce anos despois!

¿Que pasará co galego dentro doutros doce?

Procedencia dos datos: Mapa sociolingüístico de Galicia 2004. Vol. I: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. A Coruña : RAG, 2007. Recén publicado.


19.10.07

O activismo que move muíños

A miña crónica cultural no suplemento Luces de El País de hoxe titúlase "O activismo que move muíños" e céntrase no arqueólogo e activista Xosé Lois Vilar e tamén no proxectado Parque eólico da Serra da Groba.

María Lado, videocreadora

Moi recomendable é a nova exploración poético-tecnolóxica de María Lado na videocreación. En Cabrafanada xa anunciei o seu poemario Berlín en MP3. Agora, María volve coa súa sorprendente capacidade creativa para ofrecernos un poema de Nove, o libro aínda inédito co que gañou o Premio de Poesía Avelina Valladares. O videopoema «Percebes» está feito coa colaboración de Mig Seone. Adiante.


17.10.07

Comezou o Contomar

O pasado luns comezou o Contomar. Todos os luns ás 18 horas na Biblioteca Pública de Gondomar, organizado por un grupo de nais e pais. Co éxito de público habitual, o que demostra a demanda deste tipo de actos, fundamentais para a animación á lectura.


14.10.07

Os teletubis en polaco

Onte, a miña filla pequena estivo vendo os teletubis en polaco. Pode parecer exótico, pero gústalles ver os debuxos animados en distintos idiomas porque así as afixemos desde cativas. O dvd dos teletubis tróuxeno eu de Polonia, como outros en diversas linguas que fomos carrexando para á casa. É un xeito sensacional de educalas no plurilingüismo e de que afagan os seus oídos ás linguas máis variadas. Curiosamente, desde o pasado mes de maio, ver os teletubis e Polonia ten algo de acto subversivo, pois estes monequiños quedaron baixo sospeita de ser homosexuais. O peor de todos, Tinki Winki. A campaña do goberno polaco, presidido polos xemelgos Kaczynski, dous irmáns de extrema dereita, contra a homosexualidade é dura. Con todo, ao final, a representante do goberno abrandouse. Enternecedora, a señora.
En fin, que a miña filla estivo vendo un dvd supostamente perigoso e se cadra moralmente reprobable. O peor é que no último entroido ¡disfrazouse de teletubi! Non hai dúbida, son un pai profundamente inmoral. Alguén debería retirarme o carné.