29.12.10

Adeus, Xacobeo

Remata o Ano Xacobeo, que desde as épocas de Fraga se converteu na gran esperanza utópica da política cultural do PP e, agora, na solución máxica para a crise.
E a partir deste momento, ¿repararemos máis, por fin, nas persoas que se dedican a facer da cultura galega unha tarefa diaria de dignificación e servizo á cidadanía deste país?

17.12.10

CEDRO, axuda social aos creadores e copia privada

Recibo esta carta de CEDRO, que reproduzo.


Estimado socio:

Le escribo para comunicarle que la Junta Directiva de CEDRO ha decidido en su reunión de hoy suspender durante el año 2011 la mayoría de las actividades integradas en la Función Social que lleva a cabo nuestra Entidad para autores y editores.

Esta decisión afecta, entre otras acciones, a gran parte de las ayudas sociales que desde hace años venimos ofreciendo a nuestros socios autores (escritores, traductores y periodistas), y que son financiadas a través del 20 % de la recaudación de la compensación por copia privada, tal y como establece el artículo 155 de la vigente Ley de Propiedad Intelectual.

El motivo de esta decisión se debe a una medida de cautela de nuestra Junta Directiva por la incertidumbre que se plantea en el actual sistema de copia privada, y por lo tanto, en la evolución de la recaudación de las cantidades que sirven para financiar la función social, tras la reciente sentencia del Tribunal Europeo de Justicia sobre copia privada (conocida como ” caso Padawan” ).

Esta sentencia reconoce la legalidad de esta compensación para los titulares de derechos por la copia para uso privado de sus obras, sin embargo establece una serie de condiciones para el abono de estas cantidades en determinados casos, que podrían afectar directa y gravemente a la gestión que lleva a cabo CEDRO y, por tanto, a la recaudación de estas cantidades.

Desde nuestra Entidad estamos llevando a cabo las gestiones necesarias para que el fallo del Tribunal Europeo de Justicia afecte en la menor medida posible a los autores y editores representados por CEDRO, y estamos a la espera de que en los próximos meses el Gobierno de España decida sobre el actual sistema de copia privada de nuestro país.

Por todo lo expuesto, durante el año 2011 los autores socios de CEDRO solo podrán acogerse a ayudas sociales de urgente necesidad. Se mantiene el servicio de teleasistencia para los usuarios actuales. En este periodo se suspende la concesión de la prestación extraordinaria (cantidad anual para contribuir a la financiación de materiales, tratamientos y servicios sociosanitarios) y tampoco estará disponible el Programa de Ayudas Asistenciales.

Le mantendremos puntualmente informado sobre las novedades relacionadas con la gestión de la copia privada por los canales habituales de comunicación de nuestra Entidad. Le recuerdo, además, que para cualquier consulta sobre las ayudas de urgente necesidad puede contactar, bien con nuestro Departamento de Socios, o si reside en Cataluña, con nuestra Delegación en esta Comunidad Autónoma.


Cordialmente,

Magdalena Vinent
Directora General

13.12.10

A Casa da Lectura, unha experiencia abraiante

O que está a suceder na Casa da Lectura todos o mércores é realmente fermoso e singular, algo que nos enche de orgullo a todas as persoas (moitas, afortunadamente), que participamos nese proxecto. A Casa da Lectura transfórmase cada semana de xeito incrible, cunha asombrosa versatilidade (como se pode ver nesta relación fotográfica), para acoller todo tipo de actividades baseadas nos libros e na lectura, actividades, na súa práctica totalidade, realizadas por voluntarios vencellados a Espazo Lectura.
¿Que é a Casa da Lectura? Pois é unha biblioteca e un centro de actividades en torno ao libro e á lectura xestionado por Espazo Lectura, situado no ámbito rural, que se converteu nun espazo de encontro co libro, coa lectura e coa promoción dos hábitos lectores. A Casa da Lectura construíuse a partir da recuperación dunha antiga escola rural en desuso (a transformación está nestas imaxes), integramente rehabilitada por voluntarios, logo dun acordo co centro escolar ao que pertencía (CEIP Souto-Donas) e co Concello de Gondomar. A partir de aí transformámolo en biblioteca e centro de dinamización lectora.

A min, que o vivo, francamente, o que sucede na Casa da Lectura (á marxe do que sucede tamén no resto de actividades da asociación, que supoñen 12 días fixos ao mes ás que se lle suman as actividades non estables), dicía, o que sucede na Casa da Lectura paréceme un milagre que só é posible grazas ao entusiasmo, á entrega e ao volutarismo das persoas que participan. Non hai máis que ver nas fotos que reproduzo abaixo a complexidade das propostas plásticas que se levan a cabo cada semana. Un grupo amplo e diverso de persoas, coordinadas por Bea Pereiro, e coa frecuente colaboración plástica de Irene Silva e Beatriz Núñez, logran que ese miragre sexa posible, ao que se suma o apoio especial de todos os socios protectores e dos socios numerarios. A todo o equipo, os meus parabéns. Para tod@s nós é un orgullo pertencer a este proxecto.

Todas as persoas que compoñemos o equipo de Espazo Lectura (comentámolo con frecuencia) sentimos a emoción e o entusiasmo que supón ser parte dunha iniciativa intensamente gratificante e participativa, a pesar do inxente traballo que conleva para cada un de nós. Desde logo, nin a Casa da Lectura nin todo o proxecto de Espazo Lectura sería posible sen o apoio das numerosas persoas que enchen día a día as actividades que se organizan, o que demostra que os libros e a lectura tamén poden constituír un ámbito fundamental de encontro e relación social.





6.12.10

Control circular


«Ahora que se ha demostrado que ni siquiera las criptas de los secretos del poder pueden escapar al control de un hacker, la relación de control deja de ser unidireccional y se convierte en circular. El poder controla a cada ciudadano, pero cada ciudadano, o al menos el hacker —elegido como vengador del ciudadano— puede conocer todos los secretos del poder».

Díxoo UMBERTO ECO aquí.

29.11.10

O galego na prensa

Isto dicía eu en 1993 nunha intervención pública sobre o galego na prensa:

A situación da lingua galega na prensa cómpre enmarcala no contexto de desgaleguización que padece a nosa prensa, sempre máis atenta á realidade cultural de fóra que á nosa propia. De feito, a cultura galega poucas veces é referencia para os xornalistas, que á hora de citar exemplos prefiren facelo a través da peneira cultural madrileña (cando se citan pintores, sociólogos, médicos, escritores, libros determinados, ou mesmo ambientes ou institucións os xornalistas galegos amárranse ós mesmos exemplos ós que acode un xornalista madrileño, sen botar man case nunca das nosas propias referencias culturais) ás veces intencionadamente e ás veces por descoñecemento ou falta de concienciación.


¿Que cambiou hoxe, en 2010?
A actitude dos xornalistas é moito máis positiva que en 1993. En cambio, a utilización ou non da lingua galega converteuse nunha cuestión estratéxica para os medios, con moito máis peso político do que tiña. O seu uso depende moito menos dos xornalistas e moito máis do poder que os controla.

22.11.10

Merca libros, merca Nadal

Esta información chegoume do Clúster Libro (da edición, librerías e comercialización de Galicia. Reprodúzoo.

9.11.10

A intifada dos saharauís

Ante a súa actualidade estes día, reproduzo en Cabrafanada o artigo de opinión que publique en A Nosa Terra a principios de ano. Incide na importancia da rebelión nas zonas ocupadas. Hoxe por hoxe, é a única via, a través do conflito, para saír do conflito.

Saharauís

A folga de fame de Aminatu Haidar sacou á luz publica un conflito esquecido e enquistado, que durante 35 anos imprimiu sobre o corpo dos saharauís a condición, case eterna, de refuxiados. Pero, ademais, sacou á luz pública outra cuestión: unha resolución satisfactoria da ocupación non vai chegar nunca grazas aos pacientes esforzos dos refuxiados senón, máis ben, grazas á difícil resistencia dos saharauís que viven en territorio ocupado.
Para volver a atopar na prensa internacional certo eco da causa hai que remontarse á intifada do ano 2005. A intifada, por certo, sempre existiu e sigue existindo, nas zonas ocupadas por Marrocos, aínda que con dificultades, cun xigantesco control policial e cunha estrita lei de silencio mediático. A do silencio é a tónica habitual da loita dun pobo nómada, confinado a vivir en condicións precarias nos campamentos de refuxiados e represaliado, perseguido e marxinado nas zonas ocupadas. En realidade, os saharauís, loitan polo seu dereito a existir. Por iso non se apagou aínda a súa resistencia e é moi difícil que se apague.
As cousas cambiaron moito, con todo, nos campamentos. A estratexia marroquina de dilatar o conflito no tempo está a dar algúns resultados: medrou considerablemente a desesperanza, existe certa desconexión das novas xeracións coa causa e o país, moitos saharauís buscan alternativas fóra… A maiores, o programa Vacacións en Paz creou tensións e desigualdades en Tinduf debido á solidariedade mal entendida e incidiu demasiado na colaboración humanitaria esquecendo o compromiso político nun conflito que é estritamente político.
Sen dúbida, hoxe máis que nunca, a esperanza está na resistencia e na rebelión das propias zonas ocupadas.

Fran Alonso

8.11.10

O mendigo de Cidades

No ano 1998 escribín para a Revista Bravú este texto sobre un mendigo de longas barbas –chamado Xosé– que daquela vagaba polas rúas de Vigo cuberto sempre cun impermeable amarelo. Cando eu servía mesas no restaurante Garabelos, propiedade de meu pai, servíalle un café cada mañá, pois a primeira hora acudía a almorzar ao noso abeiro. Nel está inspirado o poema "Teño un amigo que dorme", do meu libro Cidades, que tan fermoso aparece no documental "Os ollos da cidade", de Lara Barcelos, que reproduzo abaixo.

Xosé Sen Pasado

A barba revolta, abundante, canosa, unida ao cabelo que se lle dispara en ciclón. A fronte engurrada, coroada por unha cinta ancha que lle amarra os pelos. Os ollos afundidos. A mirada profunda, entrañable. A conversa racional, extremadamente radicional. Tan racional que perde o sentido por exceso de pureza. ¿Quen é este home? O seu nome é Xosé. A súa vivenda, a rúa. O seu refuxio, o porto. O seu amor, un can e un café con leite con moito azucre. Xosé carece de pasado. Un día borrouno do seu disco duro para sempre. En Vigo todo case o mundo o coñece de cruzalo polas rúas. Moi pouca xente sabe como se chama. Moi pouca fala con el. Hai quen aventura datos sobre a súa procedencia. Hai quen lle tece historias que cosen unha lenda. ¿Quen é? Simplemente, un dos vagamundos anónimos máis coñecidos da cidade. ¿De onde vén? De calquera sitio a onde Paco Lobatón nunca poderá chegar. Afortunadamente.

2.11.10

Cabo Silleiro

Cabo Silleiro. Unha das xeografías da miña infancia. O bruar do faro é a canción que eu escoitaba todas as noites ao me deitar, nas noites de néboa.

25.10.10

Cemiterio de elefantes

Esa ficción baseada en Cemiterio de elefantes leva moito tempo na rede. Non coñezo aos seus creadores nin os obxectivos con que foi feita. Supoño que para pasalo ben. Vese que o conseguiron. Parabéns.

18.10.10

20 anos arroutados

O venres estarei de viaxe fora de Galicia, así que sinto ben non poder acudir a celebración destes 20 anos arroutados, cheos de sentidiño, cosmopolitismo, virtuosismo, arroutada e paixón. Millóns de parabéns, Diplomáticos. Estou certo de que vai ser un concerto memorable. Estarei alí, aínda que de corpo ausente. Coa tropa da tralla.

6.10.10

Implicadas e o infanticidio feminino

A ONG galega Implicadas no Desenvolvemento inicia hoxe unha campaña coa que pretende visibilizar o problema do infanticido feminino na India, especialmente no distrito támil de Salem onde cada ano 200 nenas son asasinadas polas súas comunidades nunha forma extrema de violencia de xénero. O labor de Implicadas no Desenvolvemento coas comunidades dese distrito a través de activistas támiles, comezou en 2007 e agora intensifícase:

O infanticidio feminino é unha práctica que consiste en matar ás nenas que acaban de nacer ou ben mesmo abortar os fetos femininos (feticidio feminino) debido ao baixo valor que as mulleres teñen nunha sociedade dada. A preferencia por ter un fillo xustifícase de moitas maneiras e está afianzada noutro tipo de prácticas discriminatorias.

O infanticidio feminino é a expresión máis extrema da desigualdade de xénero, na que se combina unha visión das mulleres como entes dependentes, a incapacidade de tomar decisións sobre o seu propio corpo e sexualidade e a propagación dunha cultura de culto ao varón extrema.



4.10.10

O Cairo en Taxi

Hai pouco lin Taxi, de Khaled Al Khamissi. Un libro distinto dentro da tradición árabe, que se converteu nun éxito en Exipto. A súa lectura é como percorrer O Cairo en taxi. Moi recomendable para os afeccionados ás literaturas periféricas, ás lecturas sociolóxicas ou aos que vaian viaxar a Exipto.

27.9.10

O libro da miña vida

Nas charlas nos centros de ensino, as rapazas e rapaces sempre me preguntan cal foi o libro que máis me influíu. O libro da miña vida. Francamente, gustaríame sabelo, porque non o sei. Estou seguro de que houbo libros moi moi decisivos en min, pero nunca me atrevería a dar títulos. Entre outras cousas, porque descoñezo cales foron. Foron moitos, sen dúbida, e débome a todos eles. Tal e como manifestei hai tempo nunha entrevista de Manuel Vidal Villaverde para Galicia Hoxe, "ao longo da miña vida houbo moitos libros moi importantes, pero creo que ningún decisivo. Iso ten que ver co meu carácter, escasamente mitómano e profundamente heterodoxo. Hai determinados libros, determinadas lecturas, en plural, que as vinculo con distintas épocas da miña vida e que constituíron miradas, formas intensas pero parciais de ollar o mundo en cada momento".

14.9.10

Proposta escénica a partir de Cidades

Os alumnos de 1º D do IES Illa de San Simón de Redondela fixeron unha excelente proposta escénica a partir de varios poemas de Cidades, que foron representados por cunha abraiante capacidade plástica. Parabéns.







6.9.10

Parque da Prehistoria

No último mes de abril estiven aquí, no Parque da Prehistoria de Teverga, en Asturias, no fermoso Valle del Oso. Moi recomendable. ¡Moito terían que aprender as distintas administracións galegas das infraestruturas culturais asturianas!

30.8.10

Vídeo promocional para o turismo en Vigo

Vídeo elaborado polo Concello de Vigo a principios deste verán para promocionar o turismo. A cidade vese moi pouco en favor dos fondos mariños. Creo que falta orgullo de urbe.

23.8.10

Desconectado

Durante 20 días permanecín absolutamente desconectado do mundo e, desde logo, do país. Pasei 20 días lonxe de Galicia, sen ler a prensa habitual, sen entrar en ningún dos portais habituais da rede, sen ler o meu correo electrónico, e coa axuda de Cabrafanada, que funcionou sen min, autoprogramada. Magnífico.
Cando viaxo no verán, sempre fóra do país (condición indispensable para que a desconexión sexa total) nunca leo a prensa galega (nin sequera pola rede) e cando estou no estranxeiro nin se me ocorre mercar prensa española. Só leo a prensa dos lugares que visito. Ademais de axudarme a unha integración máis rápida no lugar que visito, para min, resulta un sanísimo hábito de desintoxicación psicolóxica. A miña ruptura coa cotianidade é absoluta. E aprezo moitísimo ese illamento, que me revitaliza. Agora, de regreso.

2.8.10

Camioneiros

Desde que escribín Tráiler hai xa case ¡vinte anos! o mundo do camión mudou moito e as novas tecnoloxías entraron tamén nas cabinas dos camións. Este é o vídeo dun camioneiro de Oviedo que vai gravando as súas viaxes e logo as mete en youtube, onde ten unha canle.


26.7.10

Iugoslavia

Viaxei por primeira vez a Iugoslavia antes da guerra que asolou os balcáns. Debeu ser nos anos 1984 e 1985. Xa non vivía Tito, pero só había catro anos que desaparecera. Con todo, a súa imaxe era omnipresente en todo o país. A foto do seu rostro estaba nos valados, nos escaparates, nos bares, nas rúas, nos tranvías.
A primeira vez que fun fíxeno en tren, con Interrail, e entrei pola fronteira austríaca. A segunda, en coche, pola fronteira húngara, cando ese país aínda era unha república socialista. Atravesei o que hoxe é Croacia, Bosnia, e Eslovenia. O que máis me sorprendeu, daquela, de Croacia, foi o sorprendente parecido da súa zona rural (case todo) con Galicia.
Só volvín a Iugoslavia a través da lectura, para intentar asimilar a brutalidade que Slavenka Drakulic nos presentou no seu Coma se non existise, un libro contundente e decisivo para entender o conflito humano. Teño ganas de volver, aínda que me interroga a incerteza do que atoparei alí.

22.7.10

Xustiza en Nigrán

Recibo, dun concelleiro de Nigrán, o seguinte texto por correo electrónico, que sen dúbida aplaudo. Parabéns.

Por Xustiza

O vindeiro mércores 28 de Xullo ás 20 horas a Alcaldía de Nigrán levará á Sesión Plenaria 3 propostas de xustiza:

1º) devolverlle a Daniel Castelao o nome da rúa que hoxe ten o excalde franquista Bernardo Vazquez, feito que aconteceu no ano 1988 promovido por un alcalde do PP.

2º) darlle a unha praza de Nigrán o nome de Jose Vazquez Grela, mestre vilmente asasinado polos facistas perto do Torreiro das Angustias no 1936. Cómpre honrar a memoria dun home cheo de bondade que o seu delito foi loitar por unha sociedade máis xusta.

3º) darlle a unha praza da Ramallosa o nome dun ilustre Galego, escritor e veciño de Nigrán, Carlos Casares.

Acude a este acto, para que a honra sexa de todo un pobo.

Unha aperta
.

19.7.10

Novos retos para a AGE

O pasado xoves, as asembleas ordinaria e extraordinaria da AGE impediron que participase no Cortexo Cívico a Rosalía. Estabamos poñendo fin a catro anos intensos de traballo e colaboración, guiados pola profesionalidade e a amizade entre os membros da directiva. Pola miña parte, cesei no cargo de vicepresidente, representando a Xerais, para dar paso a unha nova xunta directiva, presidida por Manuel Bragado e elixida por unanimidade, á que lle desexo a mellor sorte posible. Non teño máis que palabras de recoñecemento para o traballo feito por Alfonso García Sanmartín, entregado en corpo e alma á edición galega, así como para todo o equipo co que compartín esta andaina, na que aprendín moitísimo.

12.7.10

Librerías

Cando viaxo sempre visito as librerías. Para min é coma se fosen catedrais. Mesmo máis, porque nelas podes advertir unha interpretación sociolóxica e actual do seu entorno. E as librerías din moito da sociedade en que están ubicadas. Pero tamén din outras cousas. Falan, por exemplo, da importancia que ten a distribución. Cando viaxas por España, por exemplo, descubres múltiples pequenas editoras con inusitada presenza que descoñecías. E autores ou autoras moi lidos e pouco coñecidos nas túas librerías habituais. E esa é outra das razóns polas que nunca deixo de visitalas: para os profesionais do libro e da escrita, sempre son fonte de coñecemento. Cada librería é un xigantesco e engaiolante universo.

5.7.10

Plaxios

Hai algunhas semanas levei un desgusto monumental. A través dun blog, entereime da existencia dun libro que trataba, exactamente e co mesmo enfoque, o tema do libro que estou a escribir nestes momentos. A miña primeira reacción levoume a paralizar o meu proceso creativo. Realmente, dubidaba de se tiña sentido continuar adiante co meu proxecto. Vai parecer un plaxio, pensei. Ou, cando menos, vai parecer que copio doutro libro. Así como me foi posible, busqueino nunha librería. Tratábase dunha tradución recente dun libro publicado en Francia había un par de anos. Polo que puiden ler, coincidía co meu no tema (malia ser insólito, pensaba eu) e no punto de vista (primeira persoa). En canto me fixen con el, devoreino. A pesar das boas críticas que se facían del naquel blog, decepcionoume. Se cadra porque sendo o tema exactamente igual e malia coincidir no feito de estar narrado en primeira persoa, o meu enfoque é bastante distinto. E se les algo que xa ti tiñas moi elaborado, decepciona porque non se axusta ao que imaxinaches. Se cadra, non me gustou por iso. En calquera caso, non estou en disposición de ser obxectivo. Pero recoñezo que a súa lectura tamén me aburriu. En certa medida, iso alivioume. Logo dun certo período de crise, decidín continuar adiante co meu proxecto.
E resulta curioso, porque unha das cousas que máis me chamaron a atención da lectura é que o narrador dese libro que supostamente anulaba o meu, relata que, cando o estaba a escribir, descubriu outro libro co mesmo tema. É dicir, que ao autor dese libro que eu non coñecía pasoulle o mesmo ca min. E seica foi cun libro italiano, pero mesmo apunta a posible existencia doutros precedentes. Xa que logo, ¿de que debatemos e que valoramos cando falamos hoxe de literatura? ¿A orixinalidade extrema? ¿A calidade? ¿O estilo? Para min, o máis importante é a capacidade que un escritor teña para dar resposta ao seu proxecto literario persoal e relacionalo coa sociedade do seu tempo. Aí está o diálogo necesario. Polo demais, e se cadra entramos nun debate diferente, pero relacionado ¿onde comeza e acaba a orixinalidade?, ¿onde comeza e acaba a novidade? E, sobre todo, ¿cal é o seu valor? E, ¿cal vai ser, no futuro, o seu valor? Eu non o teño nada claro. Poñamos por caso, o que hoxe se fai na narrativa galega cando se fala da renovación que explora os límites da ficción (que procede, basicamente, dos narradores franceses dos anos 90), ¿dista moito do que se fixo a principios dos 90 (pero que procedía, basicamente, do novo xornalismo americano)? Daquela a crítica chamáballe "docudrama" (palabra fea, por certo, como diría Lupe Gómez). Hai diferencias, sen dúbida, pero ¿canto teñen de significativas? Se cadra, o máis significativo é a súa percepción social, a súa recepción. ¿Trátase dun debate similar pero con apariencias distintas? Se cadra, se cambia a sociedade, tamén cambian as circunstancias do debate. ¿E o propio debate? Quizais si ou quizais non. ¿Daquela, estamos a falar de forma ou de actitudes? Actitudes, velaquí unha palabra que me parece clave para comprendelo todo. E as actitudes son importantes, moi importantes. E relevantes. Case máis que as propias formas. Por veces, as actitudes definen moito máis aos creadores que a propia obra. E as actitudes poden ser aceptadas ou rexeitadas socialmente segundo o momento. Poden ser valoradas de forma moi diferente en función da dirección pola que se encamiñen as conversas na sociedade. O diálogo. Os ámbitos do debate.
En calquera caso, eu teño unha convicción: os cambios máis profundos que nos depara o futuro da ficción non están en nós, non están en min. Os cambios significativos están próximos, pero eu xa non poderei velos como protagonista. Eses cambios case se poden axexar, case se poden saborear, pero precisan converterse en modelo, se cadra en canon. E aínda non é posible. Eses cambios significativos para a ficción, que virán da man de xeracións que aínda non teñen capacidade para escribir, estarán intimante ligados aos novos soportes, ás novas (inter)textualidades, á nova sociedade dixital. E serán significativos, tanto que trazarán unha fronteira con respecto a nós. Non dubido de que a ficción vai vivir (se o mercado llo permite, que esa é outra cuestión que non se debate, desgraciadamente), unha transformación histórica. Pero a min (á miña xeración) por desgraza, non me vai tocar protagonizala. Cheguei (chegamos)demasiado pronto.
Pero, volvamos ao comezo, ao plaxio; á orixinalidade. Si, efectivamente, decidín seguir adiante co meu libro. Logo da desilusión inicial, recuperei pulo que me levou a enfrontarme a escrita cun tema que, para min, para o meu proxecto persoal, literiamente íntimo, continúa a ser singular (malia que xa estea tratado de xeito moi semellante).
Claro, o problema é que se nos poñemos estupendos, como reiteradamente diría Iris Cochón, eu podería asegurar que Murakami me plaxia. Murakami pláxiame, claro. Descubrín que Murakami me plaxiaba cando lin Tras do solpor.
¿De verdade que Murakami me plaxia? Sería ridículo pensalo. E de feito, non o penso, porque sería un inusitado atrevemento e unha ridícula candidez pola miña parte. E, con todo, a estrutura narrativa desa novela de Murakami é a mesma que a de Cemiterio de elefantes. A acción transcorre durante unha noite, que é a protagonista de fondo dos dous libros, e as historias van tituladas ou son introducidas pola hora (am) en que se desenvolven, como no meu libro. Pero tamén resulta curiosa, para min, a descrición que Murakami fai da cidade: "A metrópole semella un ser vivo xigantesco ou un aglomerado constituído por varios organismos enleados. Os innumerables vasos sanguíneos esténdense até os extremos indefinibles co corpo, fan que o sangue circule e substitúen as células sen parar. (...) Ao son do ritmo das pulsacións, o corpo latexa, enfebrece e retórcese por todas partes". Vexamos agora unha descrición de Cemiterio de elefantes: "Vigo perfílase coma un xigante atragantado e torpe que se deita sobre un val entre montañas e latexa con arritmia, contraéndose e estirándose de forma convulsa. (...) A cidade semella un corpo que se desangra."
¿Pláxiame Murakami? Evidentemente, non. Sería estúpido (e prepotente) pensalo. Murakami nin sequera sabe que eu existo e, desde logo, teño a seguridade de que Cemiterio de elefantes nunca caeu nas súas mans. Ademais, é un magnífico escritor e non me precisa para nada. Pero, no fondo, alégrome de que o meu libro se publicase 13 anos antes que o seu. Porque, se fose ao revés, ¿non podería sospeitar alguén que eu me dedico a plaxiar a Murakami? E, mesmo no caso de que iso non sucedese, ¿ningún crítico diría que a miña obra está influenciada pola de Murakami?
Xa que logo, ¿de que falamos hoxe cando falamos de literatura (parafraseando a Carver)? ¿E de orixinalidade? ¿De que podemos falar?
Cada vez teño menos dúbidas, así que este verán vou meter a fondo o acelerador no proxecto que, un día, hai algunhas semanas, me deu un desgusto monumental. A fin de contas, do que escribe un debe responder, sobre todo, ante si mesmo.

2.7.10

O domingo asinaremos na feira do libro

O próximo 4 de xullo, a partir das 20 h., Manuel G. Vicente e mais eu estaremos asinando exemplares de A araña e mais eu na Feira do Libro de Vigo. A araña e mais eu, publicado por Kalandraka, foi galardonado co Premio Neira Vilas aos mellor libro infantil e xuvenil do 2009 e tamén foi incluído nas Listas de Honra da revista Clij entre os mellores libros do Estado dese mesmo ano. Traducido ao castelán, portugués e inglés, o libro sairá tamén proximamente publicado en coreano, na editorial Glbburi.

21.6.10

Cama e conto

A verdade é que nunca me considerei tradutor. Tal e como, por vocación e por oficio, me teño situado no xornalismo (a pesar de que a miña titulación universitaria é en Filoloxía), dado que comecei traballado nos medios e que nunca abandonei a práctica do xornalismo (aínda que fose con fins literarios), o certo é que nunca me considerei tradutor. Tanto é así que algunhas institucións, como a FGSR, me mandaron reiteradamente unha ficha de datos para que a cubrise como tradutor e nunca o fixen. Con todo, síntome especialmente satisfeito dos libros que traducín e dese traballo aprendín moito. O primeiro, o Polgariño, feito a catro mans. O segundo, A aventura sorprendente dun homiño moi valente, un traballo que foi unha auténtica tortura para que a rima, o texto e as imaxes casasen. E o terceiro, Cama e conto, de Gonzalo Moure, que foi un verdadeiro pracer. Sobre todo porque é un libro excelente, que mesmo me gustaría ter escrito a min. Xa que logo, recoméndoo encarecidamente. Cama e conto é un libro dun dos autores de literatura infantil e xuvenil que máis valoro e ademais trata sobre a lectura. E trata sobre un momento crucial para a instalación da infancia na lectura, tal e como nos revelou tamén Daniel Pennac. Con libros así, un sería tradutor a todas horas.

14.6.10

Vivo empapelado

Unha boa parte da miña vida desenvólvese entre libros, pero tamén entre papeis, que ás veces se acumulan de xeito descontrolado. Cando estou no despacho, poucas veces son consciente do xeito en que os papeis e os libros me rodean. Hai uns días, o meu amigo fotógrafo Manuel G. Vicente fíxome unha visita á editorial e sacoume unhas fotos no despacho. Cando mas enviou por correo electrónico levei un susto: os papeis están a piques de devorarme, envolvéndome de xeito preocupante.
E no meu estudio da casa aínda é peor. ¡Auxilio!!!!

7.6.10

Nos Diálogos Literarios de Mariñán

A pasada semana participei na sétima edición dos Diálogos Literarios que convoca a Fundación Carlos Casares no Pazo de Mariñán, como moderador dunha mesa redonda sobre "As fronteiras ambiguas. Prosa e Poesía". Na mesa interviron o escritor vasco Harkaitz Cano e o poeta José Luis García Martín, profesor da Universidade de Oviedo. O debate resultou moi interesante e, para min, amais de coñecer a José Luis, foi unha alegría poder reencontrarme con Harkaitz, a quen coñecía desde hai bastantes anos, e de quen sigo con moito interese a súa traxectoria literaria. No seu libro Telefono kaiolatua, do ano 1997, incluira unha cita de Persianas, pedramol e outros nervios. Eu nunca o puiden ler, pois ao contrario das súas obras seguintes, non se chegou a traducir. Hoxe é un dos narradores vascos máis coñecidos e destacados.
Outro dos acontecementos felices dos diálogos foi coñecer a Antonio Altarriba, autor de El arte de volar, un título en torno ao que Félix, sempre tan acertado, xa chamara a nosa atención.
Pola tarde aínda asistín á intervención de Francesc Parcerisas e Miguel Anxo Fernán Vello sobre palabra lida, palabra recitada.
No ano 2006 xa participara no Pazo de Mariñán nuns encontros literarios, organizados por Luciano Rodríguez, baixo o tema "Literatura e cidade".

31.5.10

Poemas con música

Hai uns meses chegoume un correo de María e Tomás, dúas persoas a quen non coñezo, solicitándome permiso para colgar na súa web tres poemas meus, traducidos e publicados en castelán.
Ela é a lectora e el é o técnico. Ela é a voz e el é o son. E teñen unha fermosa e intersante páxina a través da que ofrecen textos literarios lidos con música e gravados no seu estudio. A maior parte das producións sonoras emítense previamente na radio libre TAS-TAS, de Bilbao e tamén entre círculos de persoas interesadas na lectura e na súa promoción. Xa que logo, ademais dos meus poemas, recomendo a súa páxina, en euskera (a maior parte) e castelán, desde a que pretenden ofrecer textos interpretados a partir dunha atmósfera coidada, con mimo e sen presas.

24.5.10

Xabier P. DoCampo anuncia unha autobiografía

Xabier P. DoCampo está a publicar unha serie de cinco post no seu blog de carácter autobiográvico de "cousas que nunca contara". Todo apunta a que vai ser o inicio dun proxecto de escrita sobre a súa propia vida. Segundo as súas propias palabras: "Nunha serie de cinco post sucesivos que vou publicar no meu blog, propóñome contar un anaquiño da miña vida que, sen telo oculto nunca, non contara até agora. Isto só é un ensaio para facer desta legua do meu camiño da vida mateira literarria que acabará por saír por algures un día ou outro". Moitos parabéns por abordar ese xénero tan escaso na nosa literatura e adiante.

17.5.10

Os bufóns celebrando o etnocidio

Ninguén dubida xa da nosa identidade, nin os inimigos da Lingua propia, que anque non a queiran nin a falen será sempre o galego. Repito: hai cousas que non as escolle un, escolleunas a historia.

Uxío Novoneyra, Os soños teimosos



O coitelo afundido na lingua
e os bufóns celebrando o etnocidio.

Paco Souto, As árvores do incesto

16.5.10

O fruteiro dos libros

Mañá, o froiteiro dos libros, Xosé Lois Vilar estará en Sabarís vendendo froita e agasallando libros á súa clientela. Nada estraño, por outra parte, neste incansable activista, empresario, arqueólogo, historiador e investigador que preside SOS Groba. Parabéns e bo día entre a froita e os libros.


(Foto de Paco Vilabarros, ANT).

13.5.10

Entrevista inédita con Novoneyra (1985)

Chave das noces, o diario da biblioteca do IES de Foz publica hoxe unha entrevista inédita con Uxío Novoneyra realizada en 1985 por alumnos/as do centro. Nela, Novoneyra fala da poesía, lingua, da literatura, da AELG, etc. Parabéns pola inicitiva.









2.5.10

O rally das charlas de Abril

O rally de charlas destes mes de abril que acaba de rematar levoume, Galicia adiante, polos seguintes centros de ensino: IES de Poio, IES O Mosteirón de Sada, CPI Atios de Valdoviño, Colexio Sagrado Corazón de Ferrol, Colexio Bouza Brey de Vigo, IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo, IES Otero Pedrayo da Coruña, IES Adormideras da Coruña, IES Rafael Dieste da Coruña, IES Urbano Lugrís da Coruña, IES Oroso (Concello de Oroso), CEIP Santa María das Pontes e CPI Monte Caxado das Pontes.
Agora quédanme as do mes de maio.
Os libros dos que fun falar, máis ou menos por orde de frecuencia, foron: Cartas de amor, Poetízate, Folerpas de Novoneyra, Cidades e Males de cabeza.



26.4.10

Lobo

Lin hai pouco esta curiosa e fermosa novela. De frases longas coma o inverno, narra a vida dun lobo e é a primeira novela dun inglés licenciado en filosofía que se dedica a dar clases de piano.


9.4.10

Lonxa literaria

Hai bastantes días que tiña pendente facer un comentario sobre a ridícula subvención concedida á Lonxa Literaria de Moaña, unha asociación pioneira na creación de clubs de lectura en Galicia. Curiosamente fun eu, con Males de cabeza, o primeiro escritor en abrir a súa liña de sesións dos clubs de lectura con presenza dos autores, hai nove ou dez anos. Posteriormente tamén participei na súa tertulia xuvenil, con O brillo dos elefantes, se non lembro mal. E mesmo colaborei na fermosa actividade ¨O conto viaxeiro¨, a través da que implican a todos os escolares do concello. A concesión dunha subvención de 83 euros a unha asociación cunha traxectoria coma esa constitúe unha feísima desconsideración a un traballo cidadán exemplar.
E, desde logo, non ten ningunha lóxica alegar que non se axustou ás bases da convocatoria, pois a concepción das subvencións de diñeiro público para estas iniciativas debe estar sempre ao servizo do traballo e das ideas pioineiras da sociedade civil e non ao revés. As que están a crear dinámicas interesantes e imitables son este tipo de iniciativas e suponse que as subvencións se convocan para poñerse ao seu servizo. En caso contrario, ¿que sentido teñen? De feito, a traxectoria da Lonxa Literaria de Moaña é amplísima, impecable, pioneira, e ten o mérito e a lexitimidade de ser a responsable de prender o lume dos clubs de lectura en Galicia, o que debería ser moi de agradecer, especialmente para unha institución pública. Aquí pode lerse unha descrición do seu labor. Se non se apoia institucionalmente este tipo de iniciativas, ¿como esperamos conseguir unha sociedade lectora?

5.4.10

Uxío Novoneyra: cronoloxía

Esta é a cronoloxía que elaborei para o final do libro Folerpas de Novoneyra, unha biografía sobre o poeta do Courel publicada na colección Merlín (Xerais). Os enlaces de maior interese sobre Novoneyera na rede, están tamén aquí.


CRONOLOXÍA DE UXÍO NOVONEYRA

1930: Uxío Novoneyra nace o 19 de xaneiro en Parada do Courel no seo dunha familia labrega acomodada.

1936: Prodúcese o levantamento militar contra a Re­pública que provoca a Guerra Civil española. O tío de Novoneyra, Manuel Novo, que era alcalde de O Cou­rel pola Fronte Popular, vese obrigado a agacharse na casa familiar de Novoneyra durante tres anos.

1945: Aos quince anos, Uxío trasládase a Lugo durante o período escolar para estudar o bacharelato.

1948: Comeza a escribir por esta época. No instituto, coincide con Manuel María. En Parada instálase María Mariño, que intima coa familia de Novoneyra.

1949: Uxío remata o bacharelato en Lugo e marcha a Madrid, onde se matricula como oínte en Filosofía e Letras.

1950: Novoneyra vive en Madrid, cidade moi marcada pola dureza do ambiente de posguerra. Etapa de lecturas e aprendizaxe autodidacta; faise usuario asiduo da Biblioteca Nacional. Uxío dá o seu primeiro recital na universidade e publica algúns poemas en revistas literarias.
1952: Volve a Galicia para facer o servizo militar, on­de volve coincidir con Manuel María. Grazas a el, No­voneyra entra en contacto co galeguismo e coñece a intelectuais como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, García Sabell, Fermín Bouza-Brey e Carlos Maside.

1953: Debido a unha pleurite, vese obrigado a regresar ao Courel, onde permanecerá ata 1962. Novoneyra es­cribe Os Eidos entre 1952 e 1954.

1955: Publícase Os Eidos na editorial Galaxia, cun prólogo de Ramón Piñeiro. O libro está dedicado ao pintor Carlos Maside, co que o poeta mantén unha forte amizade.

1957: Uxío Novoneyra atrévese a falar en galego nun recital poético no Círculo Mercantil de Compostela, ante a sorpresa do público.

1958: Morre en Lugo o poeta Luís Pimentel, ao que Novoneyra se sentía unido. Ese mesmo ano morre outro amigo: o pintor Carlos Maside.

1960: Uxío Novoneyra envíalle varias cartas a Ramón Otero Pedrayo falándolle de María Mariño e solicitándolle un prólogo para Palabra no tempo.

1962: Novoneyra marcha novamente para Madrid e, durante estes anos, traballa colaborando na radio e na televisión, en programas literarios. Comeza a súa in­tensa relación con membros do grupo Brais Pinto, fundado en 1958. En Madrid vive a experiencia dunha cidade marcada pola loita antifranquista e o activismo estudantil. A cidade revive un clima de rebeldía. Novoneyra mantén unha amizade moi fonda co pintor Reimundo Patiño e os dous permanecen atentos aos movementos culturais máis renovadores.

1964: Fúndase a UPG en Compostela.

1966: Novoneyra publica Elexías do Courel e outros poemas (1966, E. Rialp, Madrid), editado en versión bilingüe galego-castelán. Retorna ao Courel debido á enfermidade dos pais.

1968: Escribe os poemas «Letanía de Galicia» e «Vietnam Canto».

1971: Morre o pai de Uxío Novoneyra, José de Parada.

1973: Casa con Elba Rei. Ese mesmo ano morre a nai de Novoneyra.

1974: Publica Os Eidos 2. Letanía de Galicia e otros poemas, na editorial Galaxia, ilustrado con debuxos de Laxeiro.

1976: Nace a súa primeira filla, Branca Petra.

1979
: Publica en Brais Pinto os Poemas caligráficos, pro­logados por Reimundo Patiño. Novoneyra é un mi­to entre os escritores novos.
1981: Nace o seu fillo Uxío. Publica en Xerais Os Ei­dos. Libro do Courel, revisado, recompilado e depurado. Novoneyra xa é considerado un clásico.

1982
: É nomeado presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

1983
: Nace o seu fillo Arturo. Trasládase de xeito definitivo a Santiago de Compostela, onde vivirá o resto da súa vida. Ferrín publica De Pondal a Novoneyra.

1985: Reedítase, ampliada e completa, a edición de Os Eidos. Libro do Courel (Xerais, 1985).

1986: Publícase, a cargo da Deputación de Lugo, o poe­mario Muller pra lonxe, de temática amorosa.

1987: Tradúcese Os Eidos ao éuscaro, que se publica en versión bilingue, (Bazterrak Os Eidos, editorial Pamiela), traducido por Koldo Izaguirre.

1988: Ve a luz Do Courel a Compostela (1956-1986), na editorial Sotelo Blanco.

1990
: Sae do prelo Os Eidos na colección Biblioteca das Letras Galegas, de Xerais, en edición anotada e comentada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.

1991: Publícase Tempo de elexía na editorial Vía Láctea, que é unha reedición revisada de Elexías do Courel e outros poemas. Ese mesmo ano, sae tamén o seu primeiro libro destinado ao público infantil: O cubil do Xabarín (Edelvives).

1992
: Dá á luz o segundo libro infantil, Gorgorín e Cabezón, ilustrado por Quintana Martelo e Vázquez.

1994: Publica Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras en Espiral Maior, con gravados de Carlos Crego.

1995: Dáse a coñecer o libro Camelio xaponés (Consorcio da Cidade de Santiago), no que participa.

1996: Ten lugar o Encontro de Escritores Novos en Compostela, convocado pola AELG. Algunhas desa intervencións e a posterior de Novoneyra dan lugar a un vivo conflito xeracional que marcará a poesía desa década.

1998: Publica o poemario Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (Concello de Betanzos). Tamén sae en Noitarenga Dos soños teimosos e en Edelvives o seu terceiro libro infantil: Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín.

1999
: Uxío Novoneyra falece o 30 de outubro en Compostela. Publícase o libro Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas (Hércules).

23.3.10

A miña araña tece a súa tea

A través do twitter de Marcos Calveiro souben que a Araña e mais eu estaba incluído nas listas de Honra da revista Clij entre os 60 mellores libros publicados en España no 2009. En total, hai sete libros da literatura infantil e xuvenil galega: un do propio Calveiro (O canto dos peixes), dous de Antón Fortes (Caderno de animalista e Fume), Agustín Fernández Paz (Lúa de Senegal), Chus Pereiro (Restaurante Farruco) e Marilar Aleixandre (A cabeza de Medusa). Os meus libros Cidades e O brillo dos elefantes tamén formaran parte destas listas no seu día.
Con respecto a A araña e mais eu, nunca cheguei a dar noticia en Cabrafanada de que o pasado mes de decembro, este libro foi Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 2009. A araña e mais eu tamén foi votado entre os tres mellores libros infantís do 2009 pol@s lector@s de Fervenzas literarias. A tradución ao portugués foi incluída na selección de lecturas do proxecto "Ler para crescer", da Fundação Gulbenkian. E en canto á tradución ao español, pode lerse a súa ficha en S.O.L.

8.3.10

Tres horas da miña vida, ao lixo

Lamentablemente, o sábado perdín tres longas horas da miña vida vendo Avatar (en 3 D). O derroche xa é irreparable; non ten remedio, como tampouco o ten que estea amolado por contribuir a aumentar os éxitos de taquilla da película. Deixando de lado o alarde técnico e os efectos especiais, nada novo aporta esta proposta de moral resesa de USA(r) e tirar. Nin sequera me parece novidoso o xogo entre o mundo real e o virtual; xa estaba conseguido, de xeito máis simple e eficaz, nos máis que aceptables debuxos animados que traen tolas ás miñas fillas e causan furor entre os nenos: Código Lyoko. Non deixan de ser interesantes e, ademais, non feden a marines. Prometo non volver a picar nunca máis.

4.2.10

55 mentiras sobre a lingua galega

MULTIPRESENTACIÓN MAÑÁ VENRES DA PRIMEIRA PUBLICACIÓN DE PROLINGUA EN 66 LOCALIDADES DE TODO O MUNDO

Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma

En Baiona terá lugar na Biblioteca Municipal ás 20,30 h.
(Presentan: Rosana Estévez, Concha Costas e Anxo Ratel)

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua, presentada publicamente o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, ofrece á sociedade a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega. Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, dirixida polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, coa colaboración de varios membros de ProLingua: Agustín Fernández Paz, Ana Mª Outón Barral, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Luís Regueira Fernández, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal Fustes, Xosé Mª Lema Suárez, Mercedes Queixas Zas, Suso Fernández Acevedo, Alejandro Tobar Salazar e Xabier P. DoCampo.
Este volume pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas, que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar, unha por unha, as principais falacias que no decorrer da historia se veñen vertendo sobre e contra a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade: a imposición do galego fai sufrir aos nenos e aos inmigrantes; os nenos e as nenas que proceden de familias castelanfalantes non poden recibir ensino en galego; a maioría do ensino está en galego e por iso é inevitábel someterse a unha inmersión lingüística neste idioma; o castelán está desaparecido de moitos colexios e institutos; os nenos e nenas galegofalantes non teñen competencia en lingua castelá; na Administración ten que estar todo en galego e castelán; o castelán está desaparacendo de case todos os ámbitos; se o interlocutor (galego) fala en castelán, o galegofalante debe mudar tamén para o castelán por cortesía e educación; o galego impide un maior desenvolvemento turístico do país, así como a contratación de bos profesionais foráneos; o galego normativo e, polo tanto, culto, é artificial, inventado e non recolle a lingua do pobo; o galego non é útil porque non serve para falar fóra do país...
Mais se o contido e o enfoque deste manual é novidoso, sorprendentemente pioneira será a súa presentación social, pois esta celebrarase simultanemente en 66 localidades de diferentes partes do mundo o vindeiro venres 5 de febreiro ás 20:30.
Máis de 175 persoas partillarán mesa de presentación nas 66 localidades confirmadas a día de hoxe que, previsibelmente, se acrecentarán nas próximas horas -capitais de Estado, cidades, vilas, cabeceiras de comarca e grandes urbes internacionais como Londres, Lisboa, Bos Aires, Tübingen, París, Nova York, Copenhague, Bruxelas ou Bethelem- co obxectivo de divulgar simultaneamente este primeiro volume nado en ProLingua, como primeira concreción dunha reacción social apartidaria, organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego. Con este breve ensaio, de doada lectura, preténdese acoutar a enrevesada e maliciosa arañeira tecida ao redor das falacias subrepticiamente divulgadas na sociedade, descubrir a verdadeira cara da mentira que Agostiño de Hipona definiu como «a expresión de algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar» é o obxectivo desta iniciativa.
Porque fica máis evidente que nunca que a lingua e o pobo camiñan xuntos e o seu futuro xógase tamén conxuntamente.
Asemade, ProLingua agradece a Edicións Laiovento a plena receptividade deste manual e a total predisposición para a súa publicación inmediata.

Toda a información completa referida ás localidades e mais a ubicación exacta das presentacións confirmadas pode visitarse en: www.prolinguagalega.org

PROLINGUA agradece a difusión desta importante noticia de apoio social á lingua galega

27.1.10

Chega a revolución

Seica chega a revolución dixital. Acaba de presentarse en San Francisco, no medio dunha gran expectación e diante de 200 medios de todo o mundo. Sen dúbida, hai moito de publicidade no asunto, pero este aparello, tamén sen dúbida ningunha, marca as tendencias do futuro próximo. Vale para todo: navegar pola rede, correo electrónico, fotos, vídeos, música, xogos, e dispositivo de lectura dixital para libros e xornais. Haino wifi e 3G. E chámase iPad. Nestes momentos, a web de Apple está saturada polas visitas. Apenas ten unhas horas e xa existe en wikipdia. ¡Tamén en galego!

18.1.10

21 DE XANEIRO: PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO


A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.


Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.
O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.
A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.
O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.
O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.


O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA 11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

HABERÁ AUTOBUSES DESDE DIFERENTES PUNTOS DO PAÍS

Infórmate en queremosgalego.org

——————————————————————

Tamén en:
http://www.cosega.org

11.1.10

Gustaríame ser lesbiana

Saray Pavón é unha das videoblogueiras e videopoetas máis seguidas do territorio español. Utilizando case todas as redes sociais e, sobre todo, botando man de youtube, está a configurar un curiosa poética virtual. Pertence ao grupo CreAccion Poética, con sede en Sevilla.